Val de Barcala ( Foto Xurde Morán) |
A
comarca de Barcala constitúe unha unidade xeográfica formada polos
concellos de A Baña e Negreira, así o decretou a Xunta de Galicia
no seu plan de comarcalización, co artigo feminino diante. Durante
séculos, as augas dun afluente do Tambre estiveron agardando que
viñera alguén que as bautizara, mirando de cando en vez darredor e
pensando que aínda non chegaran, pero un bo día, de súpeto,
acadaron o nome do val que atravesaban.
Pero
dende cando Barcala foi Barcala?
MOITO
ANTES
De
Gayo Plinio Segundo, escritor, científico, militar e
naturalista romano dicía o seu sobriño (Plinio O Novo) que lía e
estudiaba todo o día, facía resúmenes de todos os libros e cando
viaxaba adicábase a observar e estudar as terras que visitaba, por
iso é unha importantísima fonte de información da que hai que
botar man para coñecer o noso pasado. Foi procurador na
Tarraconiense no ano 73 e finou o 24 de agosto do 79 na erupción do
Vesubio pois dende Miseno, pola curiosidade por ver de cerca
aquel fenómeno, saiu coas súas naves para conseguir tamén rescatar a uns
amigos que estaban en perigo na bahía de Nápoles. Finou asfixiado
polos gases do volcán.
Foron
os romanos os que fixeron as primeiras divisións administrativas en
Hispania. No 179 a. C. as dúas primeiras provincias, a Ulterior e a
Citerior. Augusto dividiu a Ulterior, segundo ían conquistando as
terras e sometendo á poboación, entre a Bética e a Lusitania e,
posteriormente, Diocleciano separou da Tarraconiense a Gallaecia.
Logo fixéronse outras novas divisións ata completar un total de
sete provincias.
Dos
habitantes prerromanos desta nova provincia, conta Plinio e tamén
Estrabón que tiñan un xeito de vida bastante primitivo, practicaban
unha agricultura moi rudimentaria, vivían nos castros
fundamentalmente da recolección de froitos, especialmente as landras
dos carballos que secaban e logo facían unha fariña coa que
amasaban o pan, a gandeiría de cabras e porcos e adicábanse principalmente á guerra e á rapiña e a súa incorporación á
cultura romana e a súa administración foi máis lenta que os
habitantes do Sur.
PERO...
Coa
desaparición do imperio romano e a chegada dunha serie de grupos
humanos, na maioría pertencentes aos pobos xermánicos, a terra foi
o centro da vida das persoas, as cidades desapareceron e os reinos
cristiáns que ían xurdindo dividíanse en feudos sendo o castelo o
centro de poder e a maioría da poboación campesiña vivía en
pequenas aldeas. Tempos aqueles nos que os catro xinetes do Apocalipsis: a fame, a peste, a guerra e a morte, campaban polos
territorios. O señorío máis importante de Galicia chegou a ser o
de Compostela, pola súa extensión e polo poder acadado polos
arcebispos.
As
terras comprendidas entre os ríos Támara (Tambre) e Ezar (Xallas)
chamouse CÉLTIGOS polo nome que se lles daba aos seus
habitantes. Alá polo século X este territorio perdeu a súa franxa
costeira e xurdiron dúas novas circunscripcións: GENTINES a
que estaba situada cara o Tambre e CARNOTA e no ano 1024 o rei
Alfonso V, según se recolle no Tumbo A (64), doou a Santiago na franxa Sur a parroquia de Negreira:
“in territorio célticos ripa Tamaris, Sanctum Iulianum de
Nigraria cum suo debito, suis ecclesis et suis hominibus et suis adiacenciis”.
Alfonso IX - Tumbo A |
Pero foi no ano 1127, cando aparece a primeira referencia a
Barcala : Alfonso VII concede a Diego Gelmírez as terras de
Gentines, Célticos, BARCHALA e Carnota dependentes do castelo
de San Xurxo, na serra do monte Pindo e case un século despois
(1209) Afonso IX concede novamente a Santiago as terras anteriores
sinalando que o arcebispo terá baixo o seu control ademáis das
citadas dúas novas Avania ( A Baña) e Iallas (
Xallas) que logo pasaron a depender, segundo o profesor Baudilio
Barreiro Mallón, do Conde de Altamira.(1)
Xa no século XIX Barcala tamén foi concello (1821) formando parte
do partido xudicial de Outes e estaba formado pola maioría das
parroquias dos actuais concellos de A Baña e Negreira que se separaron na reforma de 1836.(2)
Malia as divisións administrativas a sociedade barcalesa é unha unidade social cun medio natural e patrimonial
dignos de ser protexidos, os fermosos pazos de Cores e O Barro ( A
Baña) e os de O Cotón e Albariña ( Negreira), antigos receptores
das rendas agrarias, xunto coas igrexas e demáis construccións
populares forman un conxunto único.
Río Barcala |
(1)
Ana Framiñán Santas e Xavier Rey Souto - Historia de Santa Comba
de Xallas- Concello de Santa Comba.2003
(2) Xosé Fariña Jamardo. Os concellos galegos. Tomo VI.Fundación Barrié, 1991
(2) Xosé Fariña Jamardo. Os concellos galegos. Tomo VI.Fundación Barrié, 1991
No hay comentarios:
Publicar un comentario