As árbores son seres
vivos que forman parte do noso patrimonio natural ademáis dunha
importante fonte de riqueza. Nos núcleos urbanos depuran a atmósfera e desprenden osixeno, tan
necesario para a vida das persoas. Tamén un importante elemento
estético que acollen ás aves que cos seus rechouchíos fannos máis
agradable o acontecer diario.
Hai anos todos os nenos e
nenas das escolas celebraban El Día del Árbol facendo
plantacións en distintos lugares coa compaña das autoridades que
botaban os seus discursos destacando a importancia desta especie
vexetal para a vida das persoas, xunto coa lectura dos textos
redactados polos escolares máis aventaxados que, en prosa ou en
verso, louvaban ás distintas árbores de Galicia. Despois da
degustación das sinxelas lambetadas que se entregaba á rapazada
acabábase cantanto todos o Himno al Arbol : Cantemos al arbol que
voy a plantar, si Dios lo protege del hombre y del viento salud y
riqueza dará.....!
Oleiros é unha
excepción á especulación urbanística que sufriron boa parte dos
nosos pobos e cidades, especialmente os que se atopan no entorno das
grandes urbes: Os seus paseos marítimos, inmensos parques, prazas e
avenidas son unha especie de xardín botánico onde se pode disfrutar
das máis fermosas e variadas especies. Por eso sorprende atoparse
cunha árbore de ferro coa lenda da fotografía.
Explicáronme que dende
hai anos levan sufrindo ataques de persoas que actuando con
nocturnidade arrancan a cortiza das árbores para secalas con
produtos químicos. Ao parecer sempre diante de algún edificio ou
vivenda, en distintos lugares do municipio. Agora, cando se repiten
estes atentados contra o patrimonio público, o concello actúa colocando estas reivindicativas estruturas de ferro para concienciar
á ciudadanía da importancia de respectar ás árbores. Por sorte,
din, estes ataques son escasos e excepcionais pois a maioría dos
veciños dese municipio aprecian e defenden a conservación do
patrimonio ecolóxico.
Xa dicía Castelao: O
día en que os galegos entendan o que vale unha árbore, ese dia Galicia deixará
de ser pobre.