jueves, 19 de septiembre de 2013

DE ANIMALIA


                                                                              Foto- Pedro Armestre



Sobre un caballo alazano,
cubierto de galas de oro,
demanda licencia ufano
para alancear a un toro
un caballero cristiano.
              N. Fernández de Moratín


Cando estudaba Bacharelato atopei nun libro de Sintaxis esta estrofa de Moratín, o escritor madrileño do século XVIII, sobre unha corrida de touros na Idade Media, que  memoricei e a través dela coñecín o poema.

O traxe de luces puxéronmo de pequeno para asistir a un baile de disfraces pero foi só eso, unha festa de Entroido, que daquela chamaban Fiestas de Primavera, e pouco despois da famosa corrida de Negreira do ano1952 cando o segundo touro morreu tiroteado pola Garda Civil logo de que nun ataque de aburrimento saltara a barreira e acabara pacendo na Canteira de Vilachán. Polo demáis só recordo unhas verónicas a un carneiro que o meu primo “O Catalán” ensinara a trucar,  por eso había que telo amarrado a unha claudieira; arredor dela lidiábamos polas tardes, pero co adibal como freo. Aquelo acabou moi mal, para o carneiro e para o meu avó, vítima dunha traicioeira trucada que lle causou lesións, polo que as nosas pregarias non serviron para impedir que o tozudo cornúpeta acabara no matadoiro.

Era época de abondosas corridas televisivas, noites de flamenco e películas de Joselito, pero nin as garatuxas de El Cordobés conseguiron afeccionarme á Festa Nacional.

A progresiva modernización da sociedade española e a educación nun novo sistema de valores, deu lugar a que se foxe desviando a atención da parafernalia musical e colorista que rodea ás corridas de touros, cara o sufrimento ao que é sometido o animal e que este tipo de celebracións quedara reducido a determinadas comunidades e grupos de afeccionados. Como consecuencia da mellora das condicións de vida desapareciu o colectivo de rapaces que buscaban unha saída á súa situación de miseria arriscando a vida diante dun touro anoxado, coa xustificación tan coñecida de “más cornás da el hambre”,

O do touro de Tordesillas é outra parte da historia. Nesa cidade de Valladolid, que parece estar a uns 400 anos de distancia dos Pirineos, nas festas patronais o touro que ceiban polas rúas desvíano cara o campo onde unha manada de cenutrios con picas, vano acosando e acribillando entre os aplausos e o disfrute de miles de persoas, nais cos seus rapaces, mozos e mozas, novos e vellos, mentres rega co sangue o campo, ata que algún dos “heroes” da festa, acaba coa súa agonía.

Este ano correspondeulle a honra a un traballador en paro que foi encumbrado ao balcón do Concello polo Alcalde da cidade. Ao parecer, esta “autoridade” comparou a bestialidade festeira con unha obra de teatro. Quero pensar que o disparate se debe máis ao cinismo que á iñorancia. Por desgracia son moitos os que están a podrecer aínda máis a vida política e con tal de manterse no posto, non dubidan en aplicar o coñecido programa electoral de “O que queirades”, deixando de lado o labor de concienciación social e exemplaridade que deben procurar os que ocupan cargos representativos, sobre todo si se amparan baixo epítetos sociais.

Agora as televisións españolas presentaron o denigrante espectáculo digno da España Negra como un torneo ou unha liorta entre taurinos e antitaurinos.

Por sorte estaban presentes os fotógrafos das máis importantes axencias de prensa para certificar a barbarie e aínda queda a esperanza de que algún organismo internacional tome cartas no asunto, pois as nosas autoridades andan moi ocupadas en exercer as súas habilidades.