lunes, 1 de noviembre de 2021

RÚA DO CARMEN Nº 10






Cada vez que paso por este lugar venme á memoria a imaxe que nos deixou o notario, escritor,fotógrafo e músico José Alguero, sentado diante da súa oficina na Rúa do Carmen na compaña do Alcalde Manuel Caamaño Ferreiro e o cura párroco de Negreira. E todo grazas aos propietarios deste edificio que souberon manter a fachada coa súa estructura orixinal.

Este intelectual que ademàis de residir, casou e traballou na nosa vila, antes de trasladarse a Betanzos deixou, como é sabido, un importante legado fotográfico que recolle a vida cotiá daquela época.

A rúa debe o seu nome á capela da Virxe do Carmen, creada en 1715 polo propietario do Pazo do Cotón D. Gregorio de Luaces nese lugar e a poucos metros da escena, e foi a segunda en importancia despois da Carreira de San Mauro. Alí, case enfronte da instantánea que recolle a foto estaba o edificio do Cárcere do partido Xudicial de Negreira ( Ames, A Baña, Brión, Negreira e Santa Comba) e o Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción que hoxe é a Casa do Concello.

Nesa Notaría redactáronse milleiros de documentos que ademáis da súa fermosa caligrafía, polo seu contido son unha fonte de información moi importante para coñecer a nosa Historia. Pero a Historia dos pobos e cidades está tamén nas súas rúas, prazas e edificios, de aí a importancia de manter e conservar aqueles que pola súa antiguidade ou estilo arquitectónico deben ser protexidos, restaurados e mantidos para ter sempre viva a traxectoria vital dunha comunidade que foi formando a súa persoalidade ao longo dos séculos, intentando mantelos ao marxe da especulación urbanística. Países veciños como Portugal ou Francia son un bo exemplo de respeto ao seu patrimonio.

Porque o estudio dunha localidade é imposible de abordar baixo un so aspecto. Tal como recolle Fernando Chueca Goitia na súa Breve Historia do Urbanismo pódese facer dende infinitos ángulos: Dende a Historia, a Xeografía (a Natureza prepara o sitio e o home organízao de tal xeito que satisfaga as súas necesidades e desexos),dende a Economía (en ningunha civilización a vida cidadá desenvolveuse ao marxe do comercio ou a industria), dende a Política, a Socioloxía, o Arte ou a Arquitectura ( a grandeza da Arquitectura está unida á da cidade) e a solidez das súas institucións pode medirse pola imaxe que unha comunidade trasmite a través do seu patrimonio.

Os rapaces que a finais dos anos cincoenta do pasado século xogábamos ao balón na Rúa do Carmen, pois daquela non había  automóviles de abondo que nos molestaran, identificábamos o edificio da fotografía coa zapatería de Florentino. Foi logo José Alguero quen co seu documento gráfico nos lembra a importancia administrativa que tivo este lugar no que exercía como Notario para que máis de cen anos despois ao pasar por alí, como por outros edificios da Vila, poidamos reproducir na memoria unha parte importante do noso pasado.




No hay comentarios:

Publicar un comentario