miércoles, 21 de diciembre de 2016

Pepe Ardeiro: Renacemento



Na lembranza daquel día do ano 1977 no que escoitamos xuntos na Praza de Ferreiro  as verbas prohibidas que esnaquizaban o silenzo de pedra no primeiro mitin da chegada da Democracia.



                                                            ( Antón Pulido)



RENACEMENTO

Relocía nos adouquíns da praza,
gastados nunha calma de noutrora,
o refreixo sacrílego e roxo
das bandeiras prohibidas.

As verbas eran aínda froles
sin espertar, pequenas cousas
pechadas aos incertos anuncios
de remotas libertades esvaídas.

O medo era aínda unha profunda
cadea que apreixaba
as ánimas dos homes indecisos.

Detrás de cada porta aínda quedaban
inquedanzas e falares baixiños.
Aínda co ar nos viña o cheiro a morto
resurxido na libertá das verbas
dende fai tempo interrumpidas.

E aínda nos escrutaban
tras das fiestras,
tras do anonimato escuro das cortinas,
cadavres vivos dun absurdo pasado,
enxendrando unha teimosa agarda,
moi difusa e segrada,
encol de sacros feudos e outras cousas
de honor, tal vez perdidas...

Mais no morno refreixo de ouro,
naquel fulxor de groria,
da serán estantía,
erguéronse solemnes e fortes,
como un cántico á vida,
aquelas voces de paz daqueles homes
que cambeaban ese senso das mentes
dunha Patria prohibida...

Lonxe,
as sementeiras abrollan impasibles...

Anda a xogar nas solprendidas rúas,
encanto do soar nos vellos muros,
ese noso,
ese nunca esquencido vello hino.....


E percíbese xa
no ar que se respira
a espranza lene dunha nova vida...



Xosé Manuel López Gómez “ Ardeiro”

Na néboa dunha espranza






domingo, 11 de diciembre de 2016

RAÍCES : O adeus de Conchita






O pasamento de Conchita encheu de tristura a todos os que tivemos a honra de coñecela. Concepción Suárez Morilla foi durante corenta anos a Secretaria da Sociedade Cultural y Benéfica “Unión Barcalesa” da Habana, e xunto ao seu home Rolando Pérez Palmero, presidente xa falecido, mantivo vivo o espíritu da nosa terra e aglutinaron na centenaria asociación aos que alí quedaron e aos seus descendentes.

O actual presidente, Manuel Rodríguez Barreiro, comunicábanos a triste noticia e como até os derradeiros intres da súa vida, malia os problemas de saúde, seguía fiel ó seu compromiso coa Sociedade, da que formou parte dende o ano 1959:
Desde el año 1975 ocupo el puesto de Secretaria de la Junta Directiva hasta el día de hoy , escribía o 14 de setembro de 1914 , en todo este tiempo he llevado toda la información que genera el actuar diario de la sociedad, los libros, el control de los recibos, las actas y la documentación, el libro de registro del Panteón...

O seu pai tivera que marchar, como tantos outros a comenzos do pasado século, na búsqueda de oportunidades que esta terra lle negaba, dende a aldea de Lueiro (Negreira) integrándose cos seus paisanos para contribuiren a crear as escolas que non había na súa terra natal. Dende o ano 1920 formou parte da Unión Barcalesa ocupando diversos cargos na Directiva, da que chegou a ser Presidente. Casou cunha moza sevillana e  soubo inculcarlle á súa filla máis nova dende pequena os valores da solidariedade, o respeto pola súa cultura de orixe e a necesidade de continuar co labor que os nosos emigrantes comezaran no ano 1907. 


Conchita e Rolando

Cando no ano 1993 se iniciou o envío de axuda que os veciños dos concellos de Negreira, A Baña e Brión e logo a Asociación Alén Mar entregaron á Sociedade foi ela, xunto co seu home Rolando Pérez os que, coa colaboración do resto da Directiva, procederon dun xeito exemplar a recepcionar as toneladas de alimentos, medicamentos e material escolar, entregando equitativamente aos socios a parte correspondente, elaborando os documentos da recepción da cantidade entregada a cada un e remitindo copia ás entidades municipais e asociativa. O domicilio de Conchita e Rolando transformouse nunha farmacia á que acudían os barcaleses coa correspondente receta para retirar os medicamentos que foran enviados polos farmaceúticos da comarca.

Conchita era todo un exemplo de vitalidade, eficiencia e honradez. Na primeira visita a Barcala, acompañada do seu home, onde foron agasallados polos concellos, asociacións e veciños, fixeron efectivo o acordo de entregar os edificios das escolas de Aro, Cobas e Seoane pois, dicían, eso se ha hecho con el trabajo y la aportación de nuestros emigrantes y a Barcala debe volver, pasando así a formar parte do inventario dos concellos de Negreira e A Baña, cedendo este último, o edificio da de Seoane, á Asociación Barcalesa de esa parroquia. Daquela Conchita pediume que a leváramos a Lueiro, a pequena aldea que dende as ladeiras da marxe dereita do río Tambre mírase no espello do embalse Barrié de la Maza, para visitar a que fora casa de seu pai. Alí, diante da lareira, pediu que a deixáramos soa e durante tempo permaneceu seguramente falando coa memoria de seu pai e cumprindo o que ela dixo que fora sempre a súa maior ilusión, poder regresar algún día á casa dos seus ancestros.

O seu pasamento é un acontecemento moi triste, como xa o fora o de Rolando, para a súa familia e para os barcalesas da Habana e Barcala que tivemos a sorte de coñecela e sempre recordaremos con cariño a esa Conchita tan activa e solidaria que se mantivo fiel á memoria dos seus antepasados e os valores que lle souberon transmitir. Agora repousa xa no panteón do Cemiterio de Colón da capital cubana, na compaña dos centos de barcaleses e os seus descendentes que non puideron retornar á terra pero que seguirán presentes na nosa memoria.



Repartindo solidariedade



Recebemento a Conchita e Rolando na escola de Seoane-A Baña




























martes, 6 de diciembre de 2016

NO DÍA DA CONSTITUCIÓN


 Por decisión da Xunta de Galicia o  presidente, D. Fernando González Laxe, conmemorou en Negreira o 6 de decembro de 1987 o Día da Constitución á que definiu como “un factor de concordia político- civil”. Ante máis de cincocentos veciños no seu discurso fixo referencia ao artigo primeiro da Carta Magna, texto que recolle que a soberanía nacional reside no pobo, do que emanan os poderes do Estado, para afirmar a continuación que a Constitución é a suprema expresión da súa vontade. González Laxe manifestou que o texto constitucional é un instrumento esencial para a consolidación das liberdades públicas.


                                                           6 de decembro de 1987

O acto trataba de fomentar entre a cidadanía a importancia de coñecer e defender a Carta Magna aprobada en Referendum o 6 de decembro do ano 1978, consulta que obtivo o seguinte resultado: Dos 17.873.301 votantes, 15.706.078 votaron a favor da aprobación; 1.400.505 en contra; 632.902 en blanco e 133.786 papeletas nulas (BOE do 22 de decembro de 1978). O texto foi publicado no Boletín Oficial do Estado o 29 de decembro dese ano, tamén en Galego, Catalán, Valenciano, Balear e Euskera.

Logo de corenta anos de ditadura as forzas políticas representadas no Congreso e no Senado foron quen de chegar a un acordo para elaborar este texto base do noso ordenamento xuridico nun ambiente de boicot e coacción por parte de grupos terroristas tanto da extrema dereita como da extrema esquerda. Un grupo da extrema dereita asasinara o 24 de xaneiro do ano anterior no seu despacho do número 55 da Calle Atocha de Madrid a cinco abogados laboralistas de Comisións Obreiras. No ano de aprobación do texto constitucional, ETA asasinara a 65 persoas, maís de unha cada semana; o GRAPO a unha e oito o ano anterior, ademáis de diversos intentos de pronunciamentos militares. O obxectivo do texto constitucional era o de garantir a convivencia e a defensa da democracia así como os dereitos sociais e políticos de todos os cidadáns.

A  ensinanza da Constitución debera ser obrigatoria en todos os centros de ensino pois o seu coñecemento é fundamental para que a cidadanía poda esixir o seu cumprimento aos poderes públicos. Dende o Artigo 1 que di que España constitúese nun Estado social e democrático de dereito, que propugna como valores superiores do seu ordenamento xurídico a libertade, a xustiza, a igualdade, e o pluralismo político ou o Art. 10 : A dignidade da persoa, os dereitos inviolables que lles son inherentes, o libre desenvolvemento da personalidade, o repeto á lei e aos dereitos dos demáis son fundamento do orden político e da paz social.






A Constitución Española garantiza entre outros:

O dereitoá vida e á integridade física e moral ( Art. 16)
O dereito ao honor, á integridade persoal e familiar e á propia imaxen (Art. 18.1)
O dereito á Educación ( Art. 27)
O dereito ao traballo ( Art. 35.1)
O dereito á protección da Saúde( Art. 43-1)
Dereito a unha vivenda digna e adecuada( Art. 47)
Dereito ás pensións para a terceira idade ( Art. 50)
..

Os grupos políticos deberan traballar para que as leis que a desenvolven non contradigan o seu articulado, impugnar aquelas que se consideran contrarias a ela, eliminar os artigos introducidos nas mesmas que impidan a súa aplicación e desenvolver aqueles apartados que seguen sen aplicarse.

Que importante sería que as institucións públicas imprimiran este texto e o distribuiran entre os cidadáns para o seu coñecemento! Todo iría moito mellor, política e socialmente, e sería unha maneira certeira e  máis aproveitable de celebrar o DÍA DA CONSTITUCIÓN.





Falando cos veciños