miércoles, 30 de septiembre de 2020

O BAÚL DAS LEMBRANZAS


Que aquel que deixa seu natal curruncho
e fora dos seus eidos pon os pes,  
cando troca o seguro polo incerto,
      ¡motivos ha de ter!

                          Curros Enríquez 

 


Cando chegou o avó da Habana foi unha festa para todos, apertas, bagullas, agasallos e historias que non paraba de contar. Aquel día estiveran agardando no Cruceiro a que o carro chegara cargado coas súas pertenzas. Remataba unha etapa da súa mocedade e comezaba outra.

Os anos pasaron e hoxe o baúl está nun dos lugares máis senlleiros da casa, os netos fixérono restaurar e consérvano coma un tesouro porque nel se agocha a historia da familia ao longo de tantos anos: a tristura, o esforzo, a esperanza e a ledicia.

A tristura de ter que deixar o fogar, a familia e a terra, ao igual que outros moitos mozos da aldea para marchar cara o descoñecido. Longa travesía por un mar inquedo, a chegada á cidade por primeira vez, a soedade e a esperanza de atopar un traballo co que empezar unha nova vida.

O esforzo diario para poder sobrevivir e xuntar os primeiros pesos, buscar novos xeitos de vida que lle permitiran volver algún día cos seus. Novas costumes e aprender unha fala que descoñecía pois só cos paisanos podía facerse entender. O xantar, as cancións, aquela calor que case o derretía todo...

Algunha vez chegaba carta da casa, contando cousas e noticias da aldea ás que respostaba decindo sempre que todo moi ben: "Saberedes, meus pais, que cun pouco máis de diñeiro acabarei poñendo un negocio e de seguro que non hei tardar en voltar", aínda que sabía que serían anos de agardar para poder coller o barco que o trouxera de novo.

 

 

Co tempo os seus soños cumpríronse e co traxe novo, a pajilla e a pasaxe no peto da chaqueta, a ledicia chegou á familia comunicándolle o seu embarque e o día de chegada ao porto de Vigo; aquelo foi unha festa e a noticia correo como un regueiro de pólvora polas casas dos veciños. Outro máis que voltaba exitoso da perla do Caribe.

Logo, os agasallos para todos, pais, irmáns, curmáns e comenzo dunha nova vida. Mercoulle un solar aos donos do Pazo e unha lexión de canteiros traballou durante máis dun ano para erguer a casa, igual que outros habaneiros, na rúa máis importante da vila. Casou cunha fermosa moza e unha ducia de fillos foron enchendo a súa vida mentras administraba a hospedería que xa era coñecida en toda a bisbarra.

Pasaron máís de cen anos e o baúl do avó consérvano novo como o primeiro día que chegou, porque nel atópase gardada  a memoria familiar, dinme mentras ollamos as fotografías das  xeracións anteriores que teñen enmarcadas.

Agora as cousas son doutro xeito pero as historias parecidas. Os mais preparados son os que se van e algúns dos que voltaron critican aos doutros países que veñen fuxindo das guerras e da miseria.

Escribía un día o premio Nóbel José Saramago no seu Blog : Que tire a primeira pedra quen nunca tivo manchas de emigración emporcándolle a súa árbore xenealóxica...Se ti non emigraches, emigrou teu pai, e si teu pai non precisou mudar de sitio foi porque teu avó, antes que el, non tivo outro remedio que irse, cargando a vida sobre o lombo, buscando o pan que a súa terra lle negaba.

 

 

 

 


 

jueves, 17 de septiembre de 2020

A HOMENAXE A LUIS SUÁREZ-1962

 

                              Luis Suárez cos equipos do Negreira e Victoria FC

Nunca o Campo de Fútbol de Cepelo acolleu semellante multitude como nas festas de verán de Negreira, aquel ano de 1962, cando o equipo de futbol local rendiu homenaxe ao coruñés Luis Suárez Miramontes, un dos mellores xugadores do século XX, que acababa de ser galardonado co Balón de Ouro, o único xogador español que conseguiu esta distinción. Comezou a súa andaina no Deportivo da Coruña, logo no Barcelona, no Inter de Milán e no Sampdoria.

A Directiva do NEGREIRA F.C quiso ser dos primeiros equipos en agasallalo, por eso logo de invitalo a participar no evento acordaron enfrontarse ao Campeón da Liga de Modestos da cidade da Coruña, o Victoria F.C. O reto non era pequeno pois os coruñeses tiñan un gran equipo e non había que quedar mal. Por iso semanas antes Victoriano Fernández, Palalo, quiso elaborar unha táctica que fixera sair boiante do lance aos nicrarienses; aproveitou unha visita a Fisterra do Victoria e alá se foi na Vespa de Roque Tuñas.

O partido de homenaxe celebrouse o 10 de xullo, durante as festas de verán e a música e os foguetes non foron quen de acalar os aplausos dos milleiros de persoas que acudiron de toda a Comarca  cando entrou no campo de futbol rodeado dunha nube de rapaces que pelexábamos por conseguir un autógrafo do noso ídolo. Os actos preliminares da homenaxe a Luis foron seguidos con espectación por todos os presentes e durante o partido as olladas da xente ían das xogadas ao protagonistas, sempre rodeado dunha nube de persoas na banda. 

 

                                                    Saque de Honor

Dende logo foi un éxito, o Negreira gañou por 2-1 aos campeóns coruñeses e as loubanzas do mellor xogador do mundo cara o equipo local encheron de orgullo á directiva e a todos os asistentes. Daquela  considerouse  un dos acontecementos deportivos máis exitosos na localidade; dous anos despois Luis Suárez proclamouse coa Selección Española, da que logo foi entrenador, Campión de Europa (1964) e a súa traxectoria deportiva foi seguida con máis interés que nunca polos afeccionados da nosa comarca.

O acontecemento foi recollido nas páxinas deportivas dos diarios galegos e durante anos falouse del nos ambientes futboleiros da comarca.

 

                                                        O meu autógrafo

Luis Suárez ten hoxe 85 anos e segue a ser unha das glorias do futbol español. Con motivo do seu cumple o meu amigo José Carlos, gran afeccionado e coñecedor deste deporte, publicou unha reseña desa efeméride por iso me lembrei das fotografías daquel acto tan emotivo que dende aquela gardo no meu arquivo.

 

 


viernes, 11 de septiembre de 2020

AS TRES GRACIAS

Este grupo escultórico conservado no Museo do Louvre é un dos máis fermosos da antiguedade clásica. Atopado nun dos sete outeiros sobre os que se asenta a cidade de Roma, o Caelius, onde estaban as casas dos patricios mais ricos, corresponde ao século II d. C.

Na Mitoloxía de Grecia e Roma as tres Gracias, Aglae, Talía e Eufrosina, eran unhas mozas fermosas e modestas que presidían todas as festas e celebracións, representaban todo o agradable, atractivo e doce que a vida pode ofrecer. Tamén a liberalidade, a elocuencia e a sebedoría. Era habitual  nos frescos das domus e así aparecen en Pompeia.

Os gregos considerábanas fillas de Zeus e Eurinome e tiñan as súas propias festas, chamadas Caritesias nas que se tomaban tostas de mel na súa honra.

As esculturas clásicas son unha mostra do nivel de desenvolvemento artístico dunha sociedade que é a base da civilización occidental, que conseguiu superar co Renacemento o longo periodo de case mil anos de escuridade e atraso na cultura europea. Colocou ao ser humano como centro do mundo e fixo renacer de novo as artes e as ciencias. Pintores como Rafael ou Boticelli e logo Rubéns entre outros, reflicten nos seus fermosos cadros as tres Gracias.

Aínda que a Mitoloxía se basa en fabulacións que ocuparon a imaxinación dos antigos o seu coñecimento é importante para entender as máis senlleiras obras artísticas da antigüidade e algunha das nosas tradicións.

Museos como o do Louvre, un dos máis importantes do mundo, son un  compendio da Historia do Arte e a Cultura. Tamén un disfrute para os sentidos e a posibilidade de poder viaxar polas etapas máis importantes da nosa civilización.