martes, 23 de octubre de 2012

COMA UN IRMÁN CHE FALO




    "Podo afirmar con rotundidade que Xaquín pertence a ese tipo de persoas que van pola vida derrochando talento, eficacia e xenerosidade".

                                                          X.Denis



                                            VÍDEO HOMENAXE A D. XAQUÍN GÓMEZ BARROS



                                                         

miércoles, 17 de octubre de 2012

CARMIÑA PENSADO

Carmiña Pensado con: Clara, Pepita, Maruja, Lolita, Marinieves e Marité


 Onte finou  a nosa profesora Carmiña Pensado. Carmiña foi toda unha institución en Negreira pois exerceu durante anos na Academia e logo pasou a formar parte do claustro de profesorado do Instituto Rosalía Castro de Santiago de Compostela.

As academias privadas propiciaron que moitos rapaces e rapazas das vilas de Galicia poidéramos acceder aos estudos académicos que doutro xeito non sería posible, pois os institutos estaban nas cidades. Comecei con Carmiña aos once anos, coa Lora e La Bureba e as restantes comarcas de España e rematei con Rousseau e Pestalozzi, pasando pola Guerra das Galias e os sistemas de cristalización dos minerais. Centos de rapaces e rapazas formámonos na Academia onde todo se baseaba no esforzo persoal e os profesores contribuían a rentabilizar  o traballo diario.

Alí pasei de alumno a profesor, antes de finalizar os meus estudos, e souben da sensación de cobrar o primeiro salario que conservei máis dun ano dentro do sobre para disfrutar do que significaba aquelo de trasformar o esforzo en diñeiro. Tamén convivín durante anos con amigos e amigas que aínda na distancia seguen sempre presentes. Aprendín moito dos meus compañeiros profesores: Carmiña, Rosita, Alicia, D. José, José Luis e outros moitos.

Unha das característica de Carmiña era a súa esixencia que logo se traducía en sobresaíntes nos exámenes que tíñamos que pasar en dous días, no mes de xuño de cada curso, ante un tribunal no Instituto Masculino de Compostela. Tamén sabíamos que a miúdo daba clases particulares desinteresadamente no seu domicilio a algúns xóvenes que non podían facelo na Academia.

Nestes anos conincidíamos nos veráns, cando viña pasar uns días na súa casa paterna, e pasábamos tempo falando, sempre me preguntaba polos antigos compañeiros e compañeiras de estudo, tamén polo acontecer diario e polos meus porque cando eu era pequeno vivía onda a súa casa e as nosas familias tiñan unha relación estreita.Os meus pais sempre me poñían  a ela e ós seus irmáns como exemplo de persoas estudosas. 

Cando onte souben do seu pasamento, chamei ao meu amigo Manolito Sánchez, para comunicarlle a noticia e recordarnos dos tempos de aprendizaxe, e hai unha hora na Capela do Cotón acompañando á profesora Carmiña no recordo, coincidimos antigos compañeiros e compañeiras, tanto alumnos e alumnas como docentes.

Estes acontecementos tristes fan sempre que se conecte o flash -back e como me decía hai un intre o amigo Pepe Denis, parafraseando a García Márquez: “Dende hai tempo van desaparecendo persoas das que antes non morrían”.

Prof.J.Luis con: Barca, Emilio, Manolo, Elías, Toscano, Puñal, Xulián,Tomé, Marcial e Oreiro



Carmiña Pensado con : Mariló, Mª Carmen, Maruja, Maricarmen, Marichús,Rosario, e Conchita