O Mestre Joaquin Abril cos seus alumnos de Broño-1931
Escoiteille contar ao meu
avó como a comezos do pasado século unha comisión de veciños da
súa parroquia, Broño, desprazouse ao concello de Negreira a
pedir que lles fixeran unha escola, para aprender a ler as cartas que
os seus familiares emigrados en Cuba lles mandaban. A resposta foi
taxante: Ler xa sei eu, así que traédeme as cartas que vos
direi o que poñen.
A
Asociación Cultural “Santa Mariña” editou hai anos a súa
segunda revista na que José Daniel Casal Leis publica unha
fermosa reportaxe sobre os primeiros mestres da escola creada, logo
de moitos esforzos , no 1927 e a imborrable pegada que deixaron.
D.
Joaquím Abril Casellas chegou dende a cidade de Barcelona a
aldea de Broño en 1931 e algúns dos seus antigos alumnos, xa
maiores, emocionábanse ao falar da importante labor do mestre. O
Catalán, como lle chamaban, era un home afectuoso co
alumnado; visitaba ás familias regularmente, impartía
clases aos adultos, gratuitamente, polas noites e promovía
iniciativas veciñais como a creación da Sociedade Agropecuaria
de Broño. Tamén lembran as actividades que realizaban, da Festa
da Árbore e as visitas a outras escolas do Concello para observar o
traballo que os rapaces facían e como logo eran
correspondidas.
Durante as vacacións do
verán, o mestre mantiña correspondencia escrita cos alumnos maiores
para que se habituaran a redactar cartas e nalgúns casos, cóntanos
Daniel Casal, debido á precariedade económica dalgunhas familias,
facéndose cargo do custo dos selos de correos.
O mestre Abril pasou a
desempeñar o seu labor docente na súa terra, na localidade de Sant Fost de Campsentelles (Barcelona) onde se xubilou. No ano 1975
puxéronlle o seu nome ao novo colexio e posteriormente adicáronlle
unha rúa. Alí escribiu:....... En esta recordada aldea de Broño-
Negreira dejé parte de mi corazón y vertí mis primeras lágrimas
profesionales al ausentarme en 1933.
Alumnos de Broño nos anos 60 |
A súa
ausencia foi suplida pola mestra compostelá Dna. Lourdes Iglesias
Fernández quen tamén se implicou profundamente co alumnado e os
problemas dos veciños, continuando co importante labor educativa e
cultural comenzada polo mestre anterior, coas visitas ás familias,
clases nocturnas e coa promoción da Sociedade Agropecuaria de Broño.
Malia ter que abandoar o traballo docente seguiu mantendo unha
relación moi estreita coa parroquia e no ano 2006 foi agasallada
cunha emotiva homenaxe .
Os
veciños da parroquia, no ano 1957, arrincaron a pedra e carrexárona por turnos da canteira do
Monte de A Pena para construír o novo edificio escolar sufragado por
eles, os emigrantes e mesmo a Unión Barcalesa da Habana, que xa
levaba construidas outras tres escolas na comarca de Barcala. Os planos foron elaborados por José Carballo Ferreiro e José Leis Ardións. Na actualidade uilízase polos veciños como Local Social.
Canto
esforzo realizado e que importante labor o dos mestres nas nosas
parroquias, traballando, a meirande parte das veces, en condicións
máis que precarias. Tamén meritorio o da Asociación Cultural
“Santa Mariña” que está a recuperar con estas publicacións
o patrimonio sociocultural de Broño.