Igrexa parroquial de Covas |
Camiñar
nas tardiñas de verán polo Paseo Fluvial de Negreira mentres o Sol
proxecta as sombras dos abeneiros ao longo do río é todo un luxo,
gozando do entorno e sorprendéndonos logo ao ver na fachada Sur da
igrexa parroquial de Covas o fermoso reloxo de sol, limpo e restaurado co seu gnomon ou triángulo metálico brilante,
perfectamente orientado. Lémbranos que durante séculos
foi coa axuda das campás da igrexa quen regulaba a vida cotiá das
xentes desa parroquia.
Foi
o seu construtor o mestre canteiro Domingo de Fontenla, quen
en 1730 restaurou as fachadas da igrexa parroquial. Facer un destes
cadrantes solares, como tamén se lles chama, non era doado pois o
ángulo inferior do triángulo rectángulo metálico ten que
coincidir exactamente coa latitude xeografíca do lugar. Daquela non
existían os GPS pero os coñecementos xeográficos eran dabondo para
suplir a súa falta.
Cunha
simple vara chantada en vertical coa axuda da plomada, a poder ser
nos días dos equinocios de primaveira ou outono, íase marcando o
extremo da sombra e no momento en que acadaba a mínima lonxitude
uníase con un cordel o borde da mesma co extremo do pau. A
amplitude do ángulo superior coincidía co raio de sol tanxente à
punta do pau e ese ángulo era coincidente coa latitude do lugar e
polo tanto do ángulo agudo inferior do gnomon.
Igrexa parroquial de Aro |
No
Concello de Negreira consérvanse polo menos oito reloxos de sol, na
parroquia de Covas existen dous máis no lugar de Trians, na que foi casa dos Robira e no hórreo do Mocelo,
e nas igrexas parroquiais de Aro, Gonte e Xallas. Tamén na parroquia de Portor, en edificios de Ponte
Maceira e Saleiróns.
UN POUCO DE HISTORIA
Os
primeiros reloxos de sol foron fabricados polos exipcios hai uns 3500
anos, dividiron a duración do movemento de traslación da Terra en
365 días e cada día en 24 períodos chamados horas. A través dos
babilonios chegaron a Grecia e logo a Roma.
O
historiador romano Plinio O Vello (século I) relata na súa Historia
Natural como era o funcionamento do que o Emperador Augusto mandou
colocar no Campo de Marte para marcar as horas pola sombra que
proxectaba un obelisco de pedra.
HORA LOCAL, HORA LEGAL
E HORA OFICIAL
Os
reloxos solares marcan a hora local, a correspondente ao
meridiano dese lugar, pero como cada lugar da Terra ten unha hora
diferente, houbo necesidade de dividila en 24 fusos horarios cunha
amplitude de 15 º sendo a hora de cada un deles a do meridiano
central (hora legal).O punto de partida é sempre o
Meriano 0º que en España era o de Madrid ata o ano 1970 que
se adoptou o de Greenwich.
A
hora oficial é a que rixe nun país ao marxe de pertencer a
varios fusos horarios. En España as provincias de A Coruña e
Pontevedra están situadas máis de 8º ao Oeste do meridiano de
Grenwich pero a súa hora está sincronizada coa deste meridiano.
Durante
o verán e o inverno veuse modificando o horario oficial en Europa
para adaptalo as necesidades laborais. A UE propón agora que se
manteña o horario oficial durante todo o ano.
Ponte Maceira |
Os
reloxos de sol foron durante algúns séculos unha axuda primordial
para regular a vida diaria das persoas, forman parte do patrimonio
arquitectónico e cultural, motivo suficiente para mantelos en
perfecto estado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario