domingo, 9 de marzo de 2014

VEÑO DA VIRXE DA BARCA.....


                                              A pedra de abalar                ( Foto López Tuñas)

Hoxe pola mañá o faro Vilán ollaba con tristura cara o outro lado da ría, onde as ondas bravías  tamén  se cebaron co Santuario da Virxe da Barca e a súa contorna. Ata a pedra de abalar foi desprazada, como se pode ver na foto,  rompendo de novo unha das súas beiras, a que xa fora restaurada hai uns anos. Durante séculos as pedras resistiron os embates do mar bravío pero desta vez non puido ser.

Contan os muxiáns que só abalaba os días da festa da Virxe ou de cando en vez. Hai varios anos, coa axuda de dous amigos, conseguimos movela co seu característico tum-tum, pero noutras ocasións nin cen persoas podían facelo.

Hoxe, desprazada pola forza do mar, xa non está no seu punto de equilibrio. Poderán de novo os romeiros subirse na pesada lousa para cumprir coa tradición centenaria?

                                                                                    ( Foto López Tuñas)


 Nos arredores as gaivotas chiaban por enriba da escuma das ondas co seu voo desafiante, mentres os visitantes ollaban pasmados a desfeita do lugar.

Nas praias e dunas da ría quedaban as pegadas dos temporais, logo da calma propia que segue ás grandes tempestades. Algúns surfeiros arriscados tentaban bailar nas súas táboas diante dos que paseábamos pola beiramar  gozando, logo de meses, destes días de sol dunha primavera que se fai de rogar. 


                                          Cara a Praia dos Muíños             ( Foto López Tuñas)