A pedra de abalar ( Foto López Tuñas) |
Hoxe pola mañá o faro
Vilán ollaba con tristura cara o outro lado da ría, onde as ondas
bravías tamén se cebaron co Santuario da Virxe da
Barca e a súa contorna. Ata a pedra de abalar foi desprazada, como se pode ver na foto, rompendo de novo unha das súas beiras, a que xa fora
restaurada hai uns anos. Durante séculos as pedras resistiron os
embates do mar bravío pero desta vez non puido ser.
Contan os muxiáns que só abalaba os días da festa da Virxe ou de cando en vez. Hai varios anos, coa axuda de dous amigos, conseguimos movela
co seu característico tum-tum, pero noutras ocasións nin cen
persoas podían facelo.
Hoxe, desprazada pola
forza do mar, xa non está no seu punto de equilibrio. Poderán de
novo os romeiros subirse na pesada lousa para cumprir coa tradición
centenaria?
( Foto López Tuñas) |
Nos arredores as
gaivotas chiaban por enriba da escuma das ondas co seu voo desafiante,
mentres os visitantes ollaban pasmados a desfeita do lugar.
Nas praias e dunas da ría
quedaban as pegadas dos temporais, logo da calma propia que segue ás
grandes tempestades. Algúns surfeiros arriscados tentaban bailar
nas súas táboas diante dos que paseábamos pola beiramar gozando,
logo de meses, destes días de sol dunha primavera que se fai de
rogar.
Cara a Praia dos Muíños ( Foto López Tuñas) |
No hay comentarios:
Publicar un comentario