A miúdo dise que é o tempo quen fai
que as pegadas desaparezan nas cousas e nas persoas pero é máis
ben a acción humana a que provoca os cambios, a que realmente
modifica a realidade.
Onte nun paseo polas rúas
desertas parámonos diante da porta pequena da Capela do Pazo do
Cotón, onde aínda fican restos dunha pintada feita no ano 1935 e
que a pesares do tempo trascorrido mantén os trazos e a cor
vermella da pintura. Foron varios os intentos por facela desaparecer,
picando e repicando nas pedras pero a pintura segue estando aí.
Pertence a unha época
histórica na que a Igrexa mantiña unha dura campaña contra a
tarefa lexislativa da República e as leis que consideraba opostas
ao seu ideario e o control sobre as conciencias que tradicionalmente
viña exercendo, dando lugar a enfrentamentos cos sectores máis
desfavorecidos da sociedade. Moitos anos despois deses
acontecementos, aínda podía lerse LA RELIGIÓN OPRIME Y ENVILECE.
A pintada foi seguramente
froito do ambiente político xeral máis que dunha acción puramente
local pois o párroco de Negreira, D. Manuel Lamas, non utilizaba
para o culto naqueles anos esa Capela, como agora ven sendo habitual,
debido as malas relacións que tiña cos donos do Pazo e no Consello
de Guerra celebrado en Santiago de Compostela, a finais do 1936, contra
varios veciños de Negreira, mantivo unha férrea defensa dos
acusados, aos que chamou en todo momento “mis feligreses”. Pola
súa ubicación o entorno do Pazo do Cotón foi un lugar de
concentración da maioría da poboación que acudía ás feiras
dominicales que alí se celebraban
Foi tamén soporte de
inscripcións reivindicativas en varias ocasións e etapas
históricas: Na década dos anos 70 no lintel desa mesma porta
apareceu, un domingo á mañá, a inscripción AMNISTÍA SÍ, pola
campaña que se estaba levando a cabo nos últimos anos da Ditadura
para a liberación dos sindicalistas e membros de partidos políticos
detidos. Logo, xa nos oitenta, na parte lateral dos arcos NON AO
BINGO, contra o xogo que se practicaba no Casino e aínda despois de ser borrada, outra no mesmo lugar insultando a un xoven
concelleiro que se distinguía pola súa oposición ao goberno
municipal daquela altura.
O Pazo do Cotón, foi o primeiro edificio da vila nicrariense e o que deu lugar ao seu primeiro nome, lugar de residencia dos antigos donos das terras, Casa
Consistorial e centro do poder político e económico. Tamén, como
se ve, soporte de reivindicacións e protestas cidadáns naqueles
anos nos que os medios de comunicación social non existían ou
estaban en mans duns poucos.
Capela do Cotón |
No hay comentarios:
Publicar un comentario