martes, 27 de abril de 2021

MANOLO E FIDEL

 

                                                            30 de xullo de 1984

O paso do tempo é unha sensación que os seres humanos sempre intentaron medir e ubicar de distinto xeito, dende a observancia de fenómenos naturais como a saída e posta do Sol ata os modernos aparellos que foron evolucionando ao longo da Historia. Para a maioría pode ser a presenza de persoas, monumentos, obxectos ou lembranzas o que abre as portas do pasado e nos fai viaxar por ese mundo das vivencias que estaban agochadas no subconsciente. 

A min ocórrome ao mergullarme nas augas mornas da piscina climatizada pois tráeme á memoria os tremores nas frías da balsa de Refoxos no río Negreira, onde os rapaces do meu tempo aprendemos a nadar no medio das troitas que ollaban aos intrusos que iamos perturbar a súa tranquilidade nas tardes de verán. As balsas, nese río había tres, tiñan a función de desviar as augas  cara os muíños onde os veciños, por riguroso turno, ían triturar os grans de millo para facer a boroa. A do muíño de Refoxos co fondo de area e a facilidade de acceso era o lugar ideal para pasar as tardes na compaña dos amigos. Logo, os máis atrevidos, tamén  nadábamos na augas do Tambre como aquel día do verán de 1963.

                                                       1963- No Río Tambre

Cando atopei a fotografía de Manolo e Fidel  lembreime do que significou durante anos a actividade destes dous monitores de natación que viñan dende A Coruña para ensinar a nadar aos meniños e meniñas. O primeiro de xullo concentrábanse todos na entrada da Piscina Municipal de O Coto para recibir aos dous mozos que coa súa simpatía e bo facer mergullábanse con eles para dar comenzo aos cursiños que organizaba o Concello. Os dous  pertenceran ao Club Natación Coruña e durante o estío ao longo de seis anos consecutivos conseguiron que centos de rapaces (plural xenérico) dominaran á perfección a natación, ademáis de disfrutar da súa agradable compaña.

Ese día da clausura, o 30 de xullo do ano 1984, data na que se entregaron os diplomas aos participantes, eles tamén recibiron un agasallo do alumnado como lembranza dos agradables días que os máis pequenos pasaran na súa compaña, sempre coa presencia imprescindible de Honorio, o encargado do coidado e mantemento da Piscina Municipal. O número de asistentes superou os douscentos, en diversos grupos, pois por primeira vez o Concello desprazou aos rapaces das parroquias que se apuntaron para aprender a practicar este deporte. Tamén  houbo unha selección dos mellores nadadores que participarían no Campeonato cos de Brión e A Baña.

Agora todo resulta moito máis cómodo, xa  non hai que agardar ao verán e en calquera época do ano pódese dar un ralaxante baño ou practicar no ximnasio aínda que, de seguro, algún de vós ao ler esta pequena lembranza é quen de navegar pola memoria e rememorar os momentos agradables que cada ano Manolo e Fidel facían pasar aos máis pequenos mentras aprendían a manterse a flote ou a mellorar a súa técnica deportiva. 

 


                                               Piscina Climatizada de Negreira







No hay comentarios:

Publicar un comentario