martes, 27 de abril de 2021

MANOLO E FIDEL

 

                                                            30 de xullo de 1984

O paso do tempo é unha sensación que os seres humanos sempre intentaron medir e ubicar de distinto xeito, dende a observancia de fenómenos naturais como a saída e posta do Sol ata os modernos aparellos que foron evolucionando ao longo da Historia. Para a maioría pode ser a presenza de persoas, monumentos, obxectos ou lembranzas o que abre as portas do pasado e nos fai viaxar por ese mundo das vivencias que estaban agochadas no subconsciente. 

A min ocórrome ao mergullarme nas augas mornas da piscina climatizada pois tráeme á memoria os tremores nas frías da balsa de Refoxos no río Negreira, onde os rapaces do meu tempo aprendemos a nadar no medio das troitas que ollaban aos intrusos que iamos perturbar a súa tranquilidade nas tardes de verán. As balsas, nese río había tres, tiñan a función de desviar as augas  cara os muíños onde os veciños, por riguroso turno, ían triturar os grans de millo para facer a boroa. A do muíño de Refoxos co fondo de area e a facilidade de acceso era o lugar ideal para pasar as tardes na compaña dos amigos. Logo, os máis atrevidos, tamén  nadábamos na augas do Tambre como aquel día do verán de 1963.

                                                       1963- No Río Tambre

Cando atopei a fotografía de Manolo e Fidel  lembreime do que significou durante anos a actividade destes dous monitores de natación que viñan dende A Coruña para ensinar a nadar aos meniños e meniñas. O primeiro de xullo concentrábanse todos na entrada da Piscina Municipal de O Coto para recibir aos dous mozos que coa súa simpatía e bo facer mergullábanse con eles para dar comenzo aos cursiños que organizaba o Concello. Os dous  pertenceran ao Club Natación Coruña e durante o estío ao longo de seis anos consecutivos conseguiron que centos de rapaces (plural xenérico) dominaran á perfección a natación, ademáis de disfrutar da súa agradable compaña.

Ese día da clausura, o 30 de xullo do ano 1984, data na que se entregaron os diplomas aos participantes, eles tamén recibiron un agasallo do alumnado como lembranza dos agradables días que os máis pequenos pasaran na súa compaña, sempre coa presencia imprescindible de Honorio, o encargado do coidado e mantemento da Piscina Municipal. O número de asistentes superou os douscentos, en diversos grupos, pois por primeira vez o Concello desprazou aos rapaces das parroquias que se apuntaron para aprender a practicar este deporte. Tamén  houbo unha selección dos mellores nadadores que participarían no Campeonato cos de Brión e A Baña.

Agora todo resulta moito máis cómodo, xa  non hai que agardar ao verán e en calquera época do ano pódese dar un ralaxante baño ou practicar no ximnasio aínda que, de seguro, algún de vós ao ler esta pequena lembranza é quen de navegar pola memoria e rememorar os momentos agradables que cada ano Manolo e Fidel facían pasar aos máis pequenos mentras aprendían a manterse a flote ou a mellorar a súa técnica deportiva. 

 


                                               Piscina Climatizada de Negreira







jueves, 15 de abril de 2021

NA PONTE NEGREIRA

 

 

 O hórreo de tipo barcalés que aínda se conserva nese lugar axúdanos a situar a escena da procesión cruzando a Ponte Negreira de cara á igrexa parroquial. A fotografía de comenzos do pasado século tomada polo notario José Alguero constitúe un interesante documento etnográfico sobre a vida social de Galicia a comenzos do século XX.

A imaxe non foi retocada malia o deterioro de algunha das súas partes que para nada altera a escea que o fotógrafo quiso reflectir para aposteridade, pois é unha mostra da fraxilidade das placas de vidro que recollían a foto en negativo e logo tiñan que ser reveladas. A súa utilización era habitual antes do uso da película e estaban impregnadas dunha sustancia sensible á luz.

A escena recolle nun primeiro plano a típica vestimenta feminina das mulleres rurais co uso do pano na cabeza levando neste acto cadanseu escapulario, algo que xa se impoñía ás rapazas dende moi novas, tamén o papel social que nos actos relixiosos lles correspondía.

O muro da esquerda foi derrubado na seguinte década, como consecuencia dos importantes cambios que os núcleos poboacionais foron experimentando ao longo dos anos, pola construcción da estrada de Negreira ao Marco do Cornado, a primeira que cruzou o concello de Leste a Oeste e que supuxo un adianto na comunicación de parte das parroquias coa vila na que se atopaba o centro de decisión, o Concello. Daquela camiñar a pé, da cabalo ou en burro era o máis frecuente e así baixaban os parroquianos para asistir ás feiras, o lugar de intercambio e venda de produtos agrarios nunha economía de subsistencia.

Na parte dereita da foto evidénciase a ubicación da Taberna do Ribeirán, unha das máis importantes da parte baixa da Vila, onde os parroquianos se concentraban os domingos de feira para degustar o zume fermentado das cepas do río Avia e, pola semana, os homes que se xuntaban diante dunha cunca para comentar o acontecer diario da vila e os pormenores do traballo de cada quen.

As crónicas gráficas de José Alguero, Aquilino Pintos e o Médico Rubira son un elemento fundamental para coñecer a vida social da Comarca de Barcala na primeira netade do século XX.

 

 

 

domingo, 11 de abril de 2021

ROMANCE DE DON GAIFEROS

 

¿A ond´irá aquel romeiro,

meu romeiro a ond´ irá?

Camiño de Compostela,

non sei s´alí chegará. 

Ten longas e brancas barbas,

ollos de doce mirar,

ollos gazos, leonados

verdes coma a auga do mar.

¿A onde ides, meu velliño? 

¿A onde queredes chegar? 

Camiño de Compostela 

onde teño o meu fogar.

Compostela é miña terra,

deixeina sete anos hai,

relucente en sete soles,

brilante como un altar.

Cóllase a min , meu velliño,

imos xuntos camiñar

eu son trobeiro das trobas 

da Virxe de Bonaval.

Eu chámome Don Gaiferos,

Gaiferos de Mormaltán,

se agora non teño forzas

meu Santiago más dará. 

 

                                                                                       (Arturo Franco Taboada)
 

Chegaron a Compostela

e foron á Catedral 

e desta maneira falou 

Gaiferos de Mormaltán:

¡ Grazas, meu Señor Santiago !

aos vosos pés me tés xa,

 si queres quitarme a vida

pódesma Señor quitar,

 porque morerrei contento 

nesta Santa Catedral.


E o vello de brancas barbas,

caeu tendido no chan,

pechou os seus ollos verdes

verdes coma a auga do mar.

E o obispo que esto viu

alí o mandou enterrar

e así morreu meus señores 

Gaiferos de Mormaltán.


Este é un dos moitos milagros

que o Señor Santiago fai.