sábado, 24 de julio de 2010

24 DE XUÑO - A FESTA DO SOLSTICIO


   

 ¡Ouh, Sol! Ti que atesouras
a lus que esparce a brétema sombría:
ti, qu´os outeiros douras
e inundas d´armonía
e ceo, a terra, o mar , a tarde , o día;
……
     (Curros Enríquez)


       A noite do 24 de xuño é unha noite máxica. A terra explota en millóns de fogueiras que estenden as lapas na escuridade coma brazos candentes para abrazar ao deus Sol. O lóstrego da memoria dispárase dende o pasado rememorando máxicas cerimonias rituais de culto á Natureza e á nai Terra.

      Esta festa  de ciclo anual ten unha difusión universal en todo o mundo occidental e especialmente nas zonas rurais onde conserva todo o ritual pagano complexo e precristián que poidera remontarse a épocas prehistóricas. O Sol acada o seu cenit  e a partires de aí os días menguan. O solsticio de verán sinala a metade do ano descendente e os nosos antepasados acendían fogueiras durante ese día para celebrar a súa conexión coa maxestuosa estrela que transmite a luz, a calor e a vida ao noso planeta.

      Eiquí, na  nosa Comarca de Barcala, dicíase que esa mañá  o sol bailaba no firmamento marcando o ritmo ao que danzaban  as meigas. En moitas casas elabórase  aínda a chamada auga de San Xoan que consiste en botar  rosas e outras prantas recendentes  nunha tina de auga que deixada toda a noite ó descuberto ven a impregnarse  de certos poderes máxicos. Pola mañá todos os membros da familia  lávanse coa auga milagreira. Se tamén se deixa un ovo dentro dunha cunca no tellado da casa poderase logo saber a sorte que acompañará á familia o resto do ano.
      Hai anos os mozos saían na escuridade para trasnear as máis ocurrentes garatuxas aos seus veciños que pola mañá  atopaban a porta atrancada pola cabezalla do carro ou o arado pendurando do máis frondoso carballo.
       
    


      O politeísmo, ata o ano 247, foi a relixión oficial do Imperio Romano, do que éramos unha provincia; no seu calendario está indicada esta data como Solstitium ou Lampas, o Deus Lampadarum, e había o costume de percorrer os campos con antorchas acesas. Na cidade de Roma, según R.M. Ogilvie,  o pobo baixo acudía aos templos da Fors Fortuna, ao outro lado do Tiber,  permitindose toda clase de licencias e incluso borracheiras.
      A deusa Fortuna, moi popular entre a xente pobre de Roma, tiña como símbolo a roda ou a esfera- que a relaciona coas divinidades solares- e a cornucopia, chea de flores e froitos- que a relaciona coas agrarias.
       
      É   quizais  unha das  celebracións máis populares  do mundo e  ten ao lume como elemento central invitando a que entre nas nosas vidas. Queima e purifica o que xa non vale e convoca  ás multitudes, coma hai milenios, ante o “ara solis” .

Esta festividade foi adaptada ao Cristianismo a través de S. Xoan Bautista, que na súa iconografía máis antiga está rodeado de atributos vexetais. 



                                                         

No hay comentarios:

Publicar un comentario