LIQUIDAMBAR
Cando se prantaron eran
unhas árbores pequenas que só pretendían humanizar as novas rúas
e prazas. Logo foron medrando ao compás das construcións e cada
ano hai que sometelos a unha poda intensa para que, ó chegar a
primavera, a súa copa teña un aspecto discreto.
O mes pasado,
aproveitando que caeron as follas, desmochárono, para que en marzo
saian de novo os brotes con forza e no verán teñamos unha árbore
bizosa que logo no outono coas súas follas bermello-douradas
sorprendan a todos os que paseamos polas rúas.
O liquidambar,vulgarmente
coñecido co nome de ocozol é ,como indica o seu nome composto do
vocablo latino liquid e o árabe ámbar, unha árbore
que responde ás súas feridas botando unha resina chamada storax
que dende os máis remotos tempos tivo aplicacións farmacéuticas. O
historiador romano Gayo Plínio, na Historia Natural, destaca
o seu uso como perfume e medicina e no século XII o farmacéutico e
médico malagueño Ibn al-Baitar fala del como un importante
remedio curandeiro; por iso é unha honra telo como veciño.
Agora, aínda que parece
inerte, estendendo os seus brazos cara a noite, non dorme; malia non
ter follas segue a respirar por uns pequenos poros ao longo do
tronco, as lenticelas, e por dentro a súa actividade é
frenética coa respiración, a fotosíntese e a producción de
sustancias que van facer que na primavera rebenten os brotes e
manifesten de novo o seu esplendor.
Así e todo pareceume
fermoso e ao pasar pola súa beira, mentres agardamos que
rebrote de novo, non resistín a tentación de tirarlle a foto, tan
ergueito no medio da noite e desta humidade que nos envolve, como
agasallo a todo aquelo que durante o ano nos ofrece.
No hay comentarios:
Publicar un comentario