Carlos Maside |
Daquela, cando os pobres
andaban a pedir polas portas, unha mañá apareceu nas rúas cun saqueto de tea. Ía vestida con moitas saias, unhas enriba
doutras, e unha chaqueta de home na que penduraban a modo de
condecoracións unha chea de medallas relixiosas. Todo o mundo se
sorprendía porque polo seu porte non semellaba ás outras persoas que
andaban á esmola. Comezaba nas casas pola mañá e chegando o mediodía sacaba a cunca de barro do saqueto para que llela encheran
de caldo e sentaba fóra, a xantar.
Pouco a pouco foi
facéndose familiar a súa presenza e ó sair os rapaces da escola xuntábanse a parolar con ela. De cando en vez, cando algún
se propasaba, agarraba o pau ameazándolle: “Rapás que che bato!!”,
entre as gargalladas de todos. Ás veces saía correndo detrás do
grupo pola Rúa do Carmen ata a Costa de Villar, facendo como que
quería mallalos pero todos sabían que era un xogo. Polas noites
durmía embaixo dos arcos do Pazo do Cotón e cando o frío apretaba
disque nun pallal de Campos. A xente acabou por chamarlle a Tía Dolores e a tratala con familiaridade.
Así foi durante moitos
meses ata que un bo día desapareceu. Todos preguntaban por ela e
algúnha veciña foi mesmo a pedir no concello que a buscaran pois
non era normal unha ausencia tan repentina. Aquelas semanas non houbo
outra conversa nas casas pois a xente afixerase á súa
presenza, mais non se volveu a saber dela.
Ao cabo de tempo a
noticia correu como un regueiro de pólvora, o xornal recollía que
falecera nun pobo da provincia, paréceme que era Arzúa, e dicía
que ao seu enterro asistira o alcalde con moitísimos veciños pois a
Tía Dolores tamén era alí unha persoa moi querida por todo o vecindario. Disque había anos que non se venderan tantos xornais na
vila.
Hoxe de mañá espertei
cunha canción na radio que ten a letra do poema de Ramón
Cabanillas “PROBIÑA DA TOLA”:
Non teño parentes
amores nin chouza.
Aldea en
aldea,parroquia en parroquia,
ando polo mundo
¡arredada e soia!
Xanto cando atopo cunha
almiña boa
que polos seus mortos
bótame de esmola
a cunca do caldo e o
anaco de broa.
Durmo nos camiños
érgome coa aurora,
lávome nas fontes de
crara auga morna,
e as noites que a lúa
loce briladora,
como nun suspiro paso
as horas mortas
mirando para ela
cantándolle copras:
…........
Cando camiñando paso
polas hortas
a tempo que a xente
turra da espiocha
ou cava patacas ou
pranta cebolas
sempre hai un que
diga:- A onde vas Rosa?
E eu que non quero
andar en parolas
nin que naide naide
sepa as miñas cousas,
nin de min se bulre nin
veña con cholas ,
sin faltar á crianza
mándoo faguer moitas:
-¡Demo de xudío! ¿A
ti que che importa?
¿Tes ganas de leria?
¡pois chama por outra!
E, sin máis palique
vírome de costas;
mais ben me percato
facéndome a xorda,
que queda decindo:
¡Pobriña da tola!
…..........
E non é verdade,
¡Abofé que estou corda!
¡Si a xente soupera
que vivo na groria!
¡Si dos meus segredos
caíran na conta!
….....
Por eso me río cando
¡meigas fora!
A xente do mundo que di
que está corda
marmura ó
toparme¡Probiña da tola!
Por eso me lembrei da
Tía Dolores da que nunca poidemos saber que vivencias se agochaban na
súa alma que a levaron a andar polo mundo de porta en porta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario