O
lavadoiro do río da Chancela foi unha das obras públicas mais
importantes feitas polo Concello na primeira metade do século XX. Co tellado a catro augas erguíase na marxe dereita ao lado da
ponte e todos os días as mulleres da parte alta de Negreira e de Logrosa
chegaban coas bañeiras de latón á cabeza cargadas de roupa. Aos
dous lados do pilón fregábana contra a pedra, enxabonábana e se
era branca tendíana ao sol, no campo ás beiras da estrada de
Santiago, como inmensas bandeiras que logo clarexaban de novo e
levaban relucentes.
Só
nas casas podentes tiñan nas hortas un lavadoiro propio, pilóns que facilitaban o traballo co corpo ergueito, a xente máis modesta
acudía ás beiras dos ríos e regueiros onde dispoñían as lousas de
pedras inclinadas para, de xeonllos, proceder ao lavado das
prendas, como na ponte dos Castros ou no regueiro de Portobois.
Os
lavadoiros públicos eran unha importante fonte de información, alí
contábanse as novas que acontecían no pobo: casamentos, festas,
defuncións, ou calquera noticia de interese que logo se espallaba
nas familias. As linguas afiadas tamén aproveitaban ese labor
doméstico para destripar ao veciño que estivera no seu ponto de
mira, facéndose popular a expresión “ Hai roupa ao sol!”
para avisar da presenza de algunha persoa que non conviña que ouvise
os improperios que ese día se lanzaban. No Enterro da Sardiña do
Entroido do ano 1958 o oficiante introducira a letanía Das malas
linguas do río da Chancela... ó que
contestaba o coro: Liberanus Dómine!
Fullonica de Stephanus-Pompeia |
Na época romana o lavado nas cidades facíase nas Fullonicas,
atendidas por escravos que introducían a roupa nos pilóns para
mesturala con ouriños humanos pois o ácido que contén ese excremento axudaba a
quitar as manchas. Nas portas destas lavandeirías dispoñíase
un cacharro de barro para recoller o detritus. O emperador Vespasiano
mandou construír letrinas para que os propietarios levaran o ouriño, que estaba gravado con un tributo, encarecéndose bastante o servizo
que prestaban. Na cidade de Pompeia lévanse localizado once
establecementos deste tipo, sendo o máis famoso o de Stéphanus un
rico propietario da cidade.
Durante a Idade Media os hábitos hixiénicos chegaron a desaparecer,
salvo en Al Ándalus que formaban parte da práctica relixiosa, dando
lugar á propagación de enfermidades e epidemias, pero coa
modernidade volvéronse a implantar de novo.
Na desembocadura deste mesmo río, na década dos sesenta do século pasado, construiuse outro lavadoiro público debaixo do que foi
Matadoiro Municipal, para o uso das vivendas da parte baixa da vila e
algunhas parroquias tamén foron dotadas deste servizo. Sería
interesante que os que aínda existen, fosen rehabilitados pois
xunto aos pombais, os hórreos ou os muiños forman parte da
arquitectura tradicional que merece ser conservada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario