domingo, 14 de mayo de 2023

A VIDA É UNHA BUXAINA

 


Chamádelle trompo, peón, ou buxaina porque dun anaco da dura madeira de buxo un mañoso carpinteiro pode sacar este fermoso xoguete. Durante a infancia dos maiores ocupaba parte do día, facéndoo bailar coa axuda da charreta ou cos demaís nun círculo, tentando zoscar coas puntas afiadas ao do compañeiro, se non o conseguías alí quedaba o teu sometido ás afiadas intencións dos outros.

Era un xoguete estacional, como todos os daquela época. Xa se dicia: “Polo San Martiño hai que sacar os trompos aos camiños”, no mes de novembro, o mesmo que as cometas que aproveitaban o vento do outono para chegar ao máis alto, porque a vida das persoas, tamén dos nenos, estaba relacionada coa natureza. Algúns mestres e mestras seguen promovendo estes xogos dentro da súa tarefa docente.

Ao cabo non é máis que unha imitación da gran buxaina que é o noso planeta, por iso a remedan nos seus catro movementos, o de rotación, o de traslación arredor do Sol, a precesión pola variación do seu eixo e a nutación. Así mesmiño, como a esfera na que vivimos.

                                                        


E todo ven a conto da fermosa exposición que acaba de inaugurarse no Forum Metropolitano da cidade de A Coruña sobre o universo onde se acollen as buxainas na Literatura, na Filatelia, na Numismática, nas películas e en todos os países e continentes, dende Europa ata Asia, pasando por África, América e Oceanía. Unha fermosura de modelos que durante moitos anos recolleu o profesor Luis Ramos Ramírez e que non deixa de sorprender a todo aquel que se achega a vela, rapaces e rapazas, homes e mulleres de todas as idades por descubrir que as buxainas forman parte do patrimonio cultural de moitos pobos do mundo.

O mesmo que unha semente pode dar lugar a un xoguete tan inxenioso, doutra semente xurdimos os seres humanos, saímos á vida, movémonos, entramos no círculo cos demáis convivindo e evolucionando para ao final pasar ao esquecemento, coma os nosos fermosos trompos escurecidos polas pantallas e novas afeccións propias de cada tempo, rexurdindo cando alguén con ansias de coñecer sácaos á vida dos outros, como este formidable traballo do profesor Ramos, que nos fai lembrar instantes inesquecibles dunha infancia que xa forma parte das lembranzas de cada quen.

                                                              



Dicía Mario Benedetti nun fermoso poema que o esquecemento é un xeito de burlarse da historia, que para iso está a memoria que se abre de par en par na procura dalgún lugar que devolva o perdido.






No hay comentarios:

Publicar un comentario