As catro badaladas do reloxo do Cárcere anuncian a entrada dos primeiros socios ó local, o saúdo do conserxe que vai colocando as capas e os gabáns no armario e as primeiras conversas sobre o tempo e as novidades locais. Pouco a pouco vaise enchendo a sá de xogos e configurándose os distintos grupos do tute, poker ou das partidas de dominó. A tarde comeza e o fume dos habanos e o tintineo das fichas sobre o mármore das mesas son o único signo externo que flota no silenzo.
Ás cinco chega D. Angel, o Presidente, sempre envolto na súa capa negra e as veces acompañado do seu sogro D. Victoriano. O saúdo respetuoso de todos acompáñao no seu paso cara a sá de lectura; repouso, noticias do ABC, que chega con días de retraso, e comentarios do último acontecer na Capital. As novas son sempre preocupantes: as leis dos Republicanos están a derrubar as vellas estruturas e os comentarios reproducen os titulares do diario capitalino. Ás veces, a música da gramola fai de soporte virtual ás tertulias da tarde.
O Casino de Negreira naceu no Pazo do Cotón por iniciativa de D.Victoriano e D. Angel Pardo de Vera, casado coa súa filla Teresita, Notario de profesión; logo apoiada polos máis destacados homes da Vila. Unha sociedade recreativa como as que están a proliferar nas cidades e pobos importantes; unha necesidade social para que os cabaleiros poidan pasar as súas horas de lecer e tamén dinamizar a morna vida do pobo.
No mes de setembro dese 1929, vintesete, dos principais e máis afíns, elixen a primeira Xunta Directiva: D.Angel, Presidente, Abelenda, Enrique Fernández, o telegrafista Luis Osuna, Salderini, Andrés Freire e Manuel Caamaño Ferreiro, que cede en aluguer o primeiro piso e un salón do baixo do edificio da Rúa do Carme-2, xusto no Cruce, para local da sociedade. Logo, as aportacións económicas en calidade de préstamo para acondicionalo e mercar o mobiliario. Tamén, por suposto, unha gramola e unha mesa de billar: Médicos, abogados, funcionarios e comerciantes van incrementando a sociedade.
O Casino foi o crisol no que se fraguou a vida social do pobo e se aglutinaban as familias nos bailes de sociedade, sobre todo os de Fin de Ano e os de disfraces de "Primavera" nos que a competencia chegou nalgúns casos a provocar auténticas controversias, coma naquel de 1933 en que a divisións de opinións entre o de Los Negritos, dos xóvenes Amelia e Gerardo Fernández Ferreiro e o de Charlestón de Rita González Otero tivo que zanxarse coa duplicidade de premios. Nese ano, tamén se resolveu o problema do tan discutido receptor de radio co adianto de fondos por parte dun grupo de socios, queixosos de que se mercaran discos para a gramola mentras se freaba pola Directiva a chegada de tan necesario aparello. Dende entón xa todos os días as informacións do boletín de noticias, que EAJ4- Unión Radio Galicia en Santiago de Compostela a través dos 200 vatios que a antena colocada no patio do Mosteiro de S. Domingos de Bonaval espallaba aos catro ventos, pasaron a formar parte das tertulias da Sá de Lectura.
Tra lo paréntese dos primeiros anos da Ditadura, no que se produciu un freo na vida da Sociedade, reactívase de novo co cambio en 1941 para o edificio da Calle Canalejas-hoxe Rúa da Cachurra- propiedade de D. Manuel Negreira. Logo dunha remodelación das instalacións, para a que tiveron que adiantar fondos os socios que votaron a favor da proposta do Presidente Jesús García Calvo, foi a chegada da televisión, unha das primeiras da Vila, a que deu lugar a un importante aumento do número de socios : as series Patrulla de Caminos ou Perry Mason e por suposto os partidos de futbol provocaban longúisimas ocupacións das butacas das primeiras filas por parte dos máis madrugadores.
Hoxe, os maiores aínda recordan con agarimo os bailes e “asaltos”,coa asistencia das mulleres e fillas dos socios que, en ocasións, eran amenizados polas orquestas da parrilla de afamados hoteis coruñeses. Alí, baixo as atentas miradas das nais, xurdiron os máis imperecedeiros romances.
Co paso dos anos a Sociedade trasladouse ó edificio do Hotel Tamara e a súa decadencia foise producindo coa aparición de outras entidades máis acordes cos novos tempos que se estaban a vivir.
Baile Infantil de disfraces |
Libro de Actas do Casino de Negreira : 1929-1961