lunes, 8 de marzo de 2021

PRAZA DE FERREIRO

 

                                                                                     (Foto David Moreno López)

A Praza de Ferreiro en Negreira situada ao pé do Pazo do Cotón é un dos lugares máis senlleiros desta localidade e o seu nome está estreitamente ligado a unha das persoas máis importantes da Comarca de Barcala durante o século XIX.

D. Roque Ferreiro y Hermida, Notario de profesión e Administrador do Pazo no que residía, foi membro do Partido Progresista e a súa traxectoria estivo ligada aos vaievén da política española durante todo o século XIX. Promoveu o cambio da capitalidade municipal de Aro ao Cotón, antigo nome da Vila, e aínda que se mudou en repetidas ocasións, quedou definitivamente consolidado o Concello de Negreira e as dependencias na súa vivenda durante moitos anos. Foi un firme defensor do Partido Xudicial radicado neste término.

O 13 de setembro de 1866 adqueriu por 14.000 escudos o Pazo do Cotón a D. Nicanor Manso de Zúñiga Ezpeleta, VII Conde de Hervías, último propietario membro da Nobleza que o herdara da súa tía en quinto grao Dna. Francisca de Paula de Luaces e Saavedra que non tivo descendencia do seu casamento con D. José Mariño de Lobeira.

A REVOLUCIÓN DE 1868

Coa chamada Revolución de 1868 que provocou a renuncia da Raíña Isabel II e foi o primeiro intento de instaurar un réxime democrático, D. Roque Ferreiro presidiu a Xunta Revolucionaria de Negreira para nomear a nova corporación que sustituiu ao goberno conservador, na que ocupou o cargo de Síndico, que tiña como función garantir o funcionamento da institución e defender os dereitos dos administrados. Promoveuse logo a recuperación do Partido Xudicial de Negreira suprimido en 1867 coa indiferencia dos anteriores munícipes, pasando o Concello de Ames a depender do xulgado de Santiago, os de Brión e Negreira a Padrón e o de Santa Comba e A Baña, do de Carballo, e convocouse unha asemblea con representantes dos demáis concellos para solicitar a reposición do mesmo dado o perxuicio que causaba tanto á economía da Comarca como aos dereitos xudiciais dos residentes.

Coas deficientes vías de comunicación e as dificultades para desprazarse, alegaban, a maioría non tiña medios económicos para levar os testigos aos xuicios nin pagarlle xornal durante os días que levase a viaxe de máis de seis leguas que había aos novos xulgados, creando así unha indefensión nos denunciados, poñendo o exemplo dun veciño de Negreira que fora encarcerado na Prisión da Coruña por unha acusación da que non tivo posibilidade de defenderse.

En dita xuntanza procederon ao nomeamento de Xuiz, funcionarios e Secretario do Xulgado aínda que a reposición oficial demorouse catro anos.

Dirixiu a vida política local durante a segunda metade do século XIX e á súa morte en 1888 herdou o Pazo o seu fillo Ramón Ferreiro Varela que casou coa súa curmán Teresa Caamaño Varela quen á morte deste contraiu novo matrimonio co médico local Victoriano Fabeiro García. A filla deste matrimonio, Teresa Fabeiro Caamaño, ten adicada unha rúa na localidade nicrariense.

    1951

A Praza de Ferreiro sufriu diversos cambios ao longo do tempo, en 1951 pavimentouse, pechouse e dotouse da fonte actual e no 1988 foi remodelada de novo e axardinada co aspecto que hoxe presenta. Na vivenda máis anterga aínda se conserva borroso o nome que fai referencia ao insigne Roque Ferreiro y Hermida, Cabaleiro da Orden de Carlos III e propietario do Pazo do Cotón .

 

1988

 

 

 


No hay comentarios:

Publicar un comentario