Este vaise e aquel vaise
e todos, todos se van.
Galicia sen homes quedas
que te podan traballar.
Rosalía Castro
Cando voltei de novo á
cidade despois dalgúns anos atopeina mellorada. As flores e as
prantas ocupaban rúas e prazas; a principal arteria comercial xa non
tiña as fachadas emporcadas con grafitis, unha parella de gardas
conversaba amablemente cuns mozos e ata os aparcamentos públicos
cambiaran de aspecto tanto fóra coma dentro, onde unha melodía de
Mozart flotaba no aire. O casco vello presentaba un aspecto limpo e
mellorado e tamén os barrios tiñan outra cariz. Dende logo notábase
que se ocuparan dela e deixara de ser aquel lugar invivible que anos
atrás coñecera.
Vigo é o primeiro núcleo
poboacional de Galicia polo número de habitantes e o máis
industrializado. Polo seu porto saíron, durante décadas, milleiros
de galegos cara a América na procura dunha vida digna. Unhas
esculturas ubicadas na Estación Marítima lembran a triste despedida
dos que se foron. Cando estaba facendo a foto unha moza de rasgos
andinos e cunha mochila ao lombo ollaba sorrindo a escea, achegouse e
botouma: Así, así era como ustedes partían para apoderarse de
lo nuestro y luego no han querido que nosotros viniésemos, pero ya
ve como dió la vuelta la tortilla, ahora les toca marcharse de
nuevo. E douse de costas cunha
expresión de amargura.
Agora
cambiaron os destinos e os medios de transporte pero a situación
repítese. Di o xornal que 70 mozos e mozas de entre 20 e 34 anos
marchan cada día de Galicia para poder atopar un futuro, nunha
sangría demográfica que afecta aos mais novos. Dos 166.800 postos
de traballo destruídos nos últimos catro anos 149.100 estaban
ocupados por menores de 35.Tan só no ano 2012 abandoaron a nosa
terra 25.472 xóvenes.
A
emigración é un preocupante problema social pero a crise
demográfica é xa o máis grave porque a nosa sociedade pode deixar
de existir a medio prazo. Galicia, cun crecemento vexetativo
negativo, perdeu nos últimos dez anos 147.151 habitantes o que
equivale á poboación das cidades de Ourense e Vilagarcía xuntas. O
Instituto Nacional de Estatística prevé que a natalidade baixe un
26 % .
Co
incremento do envellecemento dentro de dez anos haberá dúas veces
máis xubilados que menores de 16. Así no 2023 teremos 16.000
decesos máis que nacementos.
Esta
coxuntura non é froito da fatalidade e urxe a súa correción
inmediata con políticas económicas e sociais adecuadas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario