O Club de Tenis
Negreira acaba de cumprir 25 anos de vida deportiva, aniversario
que celebraron con diversas actividades nos últimos
meses: o recoñecemento a súa labor na Gala do Deporte do Concello, unha exposición na Casa da Cultura que recolle a
historia do Clube dende a súa fundación e, onte, un agradable
xantar na Área Recreativa de Cobas invitando aos rexidores
municipais durante ese tempo.
Hai trinta anos, cando o
Concello solicitaba unha axuda institucional para construír unha
cancha de tenis, esa solicitude era recibida case como unha
frivolidade e, se era para dúas, a resposta no tardaba: Este home
está un pouco pasado! O tenis era considerado un deporte de
élite para ver na televisión ou practicado en determinados círculos
urbanos. Na actualidade funcionan tres canchas a pleno rendimento e
estase construíndo unha de pádel.
É un agasallo para a
nosa comunidade que un grupo de afeccionados constituisen un clube,
se responsabilizaran de organizar competicións, de preparar aos máis
novos e de xestionar a entidade dun xeito exemplar durante 25 anos,
paseando os seus triunfos polas cidades e pobos máis importantes de
Galicia. O Club de Tenis, falabamos no xantar, fomenta uns valores
imprescindibles na nosa sociedade que non deben quedar escurecidos
polos éxitos deportivos: a cultura do esforzo, o respeto ao
cumprimento dunhas normas e regras, o aprendizaxe de saber
gañar e perder, tan importante na vida, e o respeto aos rivais. É
tamén unha sociedade educativa.
A festa de onte foi unha
agradable xornada na que se palpou o extraordinario ambiente que se
vive no clube e a importancia que teñen para as entidades as persoas
que as dirixen. O Alcalde e exalcaldes fomos agasallados cun
fermoso recordo e, pola miña parte, o agradecemento é dobre
pois cando se leva vinte anos alonxado da responsabilidade municipal, este
tipo de recoñecementos non adoitan ser habituais. É a eles a quen lle temos
que agradecer ese labor que están a facer.
O Club de Tenis Negreira
merece, como pouco, a continuidade da súa andaina durante 25 anos
máis e con moitos éxitos. O tenis no noso
pobo xa é un deporte popular e o mérito é deles.
No hay comentarios:
Publicar un comentario