![]() |
Pepito do Pallal |
Neste pallal non se garda
nin herba verde nin seca
nin hai quen lle meta o dente
a un “pepito” de ternera.
Copla de Antroido
Negreira 1990
A
xenreira que nos produce a modernidade mal entendida é porque acaba co patrimonio arquitectónico e cos lugares
máis emblemáticos. Cando se inmolaron os dous últimos edificios da Rúa da Cachurra,
esquina Av.de Barcala, acabouse. Dende entón
deixaron de existir dous edificios
tradicionais e tamén o pallal de María da Montouta.
Pepito
e Delfina ubicaron no pallal a súa taberna, unha mestura da Galicia máis enxebre e os boliches
da Calle Corrientes que pasean polos centos de tangos que Gardel derramaba
nos corazóns. O galego convivía co lunfardo que Pepito exhibía con nostalxía
nos momentos máis trascendentes das tertulias do Pallal. Foron anos de estadía
na Arxentina que ningún dos membros da parella podería esquecer.
O
Pallal era o acubillo da bohemia local nas noites de inverno; nas tertulias xuntábase os mellores conversadores da veciñanza a
degustar grolos de bo viño e ceibar párrafos
alambicados envoltos no máis fino sarcasmo, que facían as delicias da pleiade
de curiosos que formaban parte da tertulia. Só interrumpían as risas, os sons do “¡
Teño un cantar miudiño…!”, e os “ ahí
va eso, viejo” de Pepito,
acompañando as bandexiñas que esvaraban
a toda velocidade cos criollos ou cachiños de churrasco que
primorosamente asaba Delfina.
A
ollada revirada de Mingos paseando polo mostrador impoñía sempre un aquel de respeto cando ó
pasar por diante dos máis asíduos saúdaba co seu ¡Oooola!.... acostumado.
Mingos
era o corvo que Pepito tiña adestrado e que case falaba coma un neno dun
ano, parella de feito de O Patulas, un can palleiro que, fora a alma, parecía
unha persoa. Cando algún novo cliente chegaba a O Pallal e os de confianza
pedían unha exhibición, Pepito decíalle : Patulas,
Mingos ¡á moto!: o corvo pousábase no lombo do can e logo á orde de ¡acelera!…O Patulas erguía a pata e o
Mingos facía o ¡rrrrrrrrrrrr..!!!.
Ninguén podía entender os logros de Pepito na domesticación e socialización
detes persoaxes tan enxebres.
Os dous
compañeiros só tiñan vetado ó can do cabo da Garda Civil; nada máis aparecer
pola acera de enfrente, arrancaba O Patulas
ladrando, escoltado por Mingos e acribillabando ó pobre animal ata
despois da carnicería de Pancho. Por iso ó pasar por diante do establecemento parábase, ollaba con desconfianza cara a porta,
e logo cruzaba correndo.
Cando
nunha ocasión levamos alí a Torres, o capitán do Río Jatibonico da Flota Cubana
que transportaba dende Vigo a axuda humanitaria, contaba pasmado que alá na súa cidade de Holguín había nun
bar un burro que bebía cervexa, pero que en nada semellaba o “nivel de entendemento“ do Mingos e O Patulas.
Xa hai un
tempo que O Pallal desapareciu da habitual ruta dos bohemios e con el un dos
lugares máis exóticos e festeiros da Vila. O prisma dende o que se tralucía o acontecer diario descomposto en bandas
multicores que o viño axudaba a magnificar .
Estes
días atópome a miudo con Pepito polas rúas e ó meu interese pola saúde de
Delfina, respóstame logo, coa súa bondade de sempre, falándo con nostalxia de Mingos, do Patulas , dos bos
momentos vividos no Pallal. Tamén me pregunta polo Capitán. Pepito é o que se
di un home educado, todo un cabaleiro.
ALBUM
![]() |
O pallal de María da Montouta |
FOTOGRAFÍAS:
Pepito do Pallal
Arquivo do Servicio de Extensión Agraria
TESTEMUÑAS:
Pepito do Pallal
Fernando Carballo
Rubén Suárez
No hay comentarios:
Publicar un comentario