A Carrilana (Foto Carmen González) |
Esta
fotografía de finais do século XIX, deteriorada polo paso dos anos,
corresponde á chegada a Negreira da Carrilana que facía o traxecto
Santiago-Noia co Alcalde Sr. Calviño no pescante. O acontecemento era ben celebrado polos viaxeiros,
moídos polo sube e baixa daquel baúl con rodas, os xuramentos do
“mayoral”, a suor provocada polo bafo dos animais cando subían
a costa de Augapesada e a inquedanza que, ás veces, producía a
sensación de que se cae e non caía. Tamén nas paradas, polas
taberneiras que atendían no mostrador aos viaxeiros e polos rapazolos que agardaban o seu paso para ir uns metros pendurados do moderno
vehículo que viña do descoñecido. Pero sobre todo polos veciños
das vilas de destino.
A
noticia do xornal recollía que hai 130 anos os nicrarienses
protestaban polo retraso da dilixencia, dado o mal estado do camiño
e porque, malia terse anos antes anunciado que o Estado tiña
planificada a construcción dunha estrada de Santiago a Camariñas
por Negreira, e outra a Corcubión, nunca se materializaran. Os
deteriorados camiños reais polos que se desprazaban a pé, e só os
máis afortunados a cabalo, dificultaba enormemente as comunicacións
co exterior.
Foi
na década dos anos trinta do pasado século cando a construción de
estradas sufriu o primeiro pulo e varias comarcas de Galicia
conseguiron estar comunicadas por un servizo de coches de liña
regular que facilitou o fluxo de pasaxeiros coas cidades máis
achegadas. Ese novo transporte tamén facilitou o comercio local,
pois os comerciantes recibián por el algunhas mercancías ou os
suministros que os revisores facilitaban, cos
encargos de cousas que se vendían nas cidades e das que no rural
non se dispoñía .
A
información de 1886 que publicaba La Voz de Galicia reflicte o
atraso na construcciòn de infraestructuras que dificultou o
desenvolvemento das comunidades menos industrializadas de España. A
carencia de vías de comunicación axeitadas foi sempre un problema
para Galicia. E aínda hoxe, a loita entre as diferentes cidades non
debera dificultar a planificación no transporte ferroviario ou
aéreo, pois o interese xeral debe superpoñerse sempre a calquera
outro de tipo localista
No hay comentarios:
Publicar un comentario