jueves, 26 de enero de 2017

O BANDEIRÍN





Aquela tarde de verán foron os primeiriños en chegar, baixaron da furgoneta de Pepe de Patiño no medio daquel fermoso piñeiral de San Miguel de Reinante e entraron polo arco que se abría á explanada. Acordaran viaxar xuntos para amenizar as horas de coche polas tortuosas estradas de acceso á mariña luguesa. Elixiron o pavillón que máis lle gustaba e deixaron os bolsos enriba das literas, saíndo a visitar as instalacións e achegarse aos cantís da praia da Devesa, respirando a brisa daquel mar, moito máis rebuliderio que o das rías baixas ó que estaban afeitos.

De volta no campamento outro grupo ocupara as liteiras que deixaran baleiras. Os novos contaron que eran de Santiago e, pouco a pouco, ás primeiras verbas seguiron as presentacións. Eran mozos de cidade, dous deles coñecidos pola súa afección ao atletismo. Comezaba unha convivencia inesquecible que aínda perdura na memoria de moitos. Pola súa orixe decidiron poñer ao seu grupo Os Xacobeos.

Eran todos futuros mestres e estaban alí para facer o Curso de Instructores de Educación Física ademáis de ser instruídos no que o Réxime denominaba Formación do Espíritu Nacional. A primeira mañá xa estaban formados no patio central, coa roupa deportiva para o izado das bandeiras, o discurso de presentación do Xefe do Campamento e os comentarios retranqueiros e polo baixo sobre as pernas daqueles homes vestidos de pantalón curto. Os organizadores das actividades tíñano todo programado e alternaban a E.Física con outras moito máis orientadas á persuasión ideolóxica e política.


A consigna de cada día era explicada polo Xefe, tiña que ser desenvolvida a través de murais, frases e debuxos de xeito repetitivo, utilizando as mellores técnicas propagandísticas para que os mozos aprenderan a conformar o seu pensamento e discurso. A comunicación persuasiva baseada na retórica da repetición que utiliza a publicidade, a propaganda e as campañas de desprestixio individuais ou colectivas.

Ao final do día o grupo que máis destacara era homenaxeado coa entrega do bandeirín, acto que se densenvolvía entre os aplausos de todo o campamento. A enseña gardábana ata o día seguinte, no que novamente se premiaría ó máis sobresaínte. O disfrute daquelas xornadas e a convivencia foi o obxectivo que se propuxeron Os Xacobeos que nunca se preocuparon por acadar o agasallo dos máis aplicados. O día que rematou a estancia foron felicitados públicamente por non caer “en motivacións máis apropiadas para nenos de once anos que para futuros mestres”. Toda unha lección


          Campionatos Escolares  ( Foto Concello de Santa Comba)

Aqueles mozos pasaron a educar a xeneracións de xóvenes, fomentando neles, ademáis doutros valores, o espírito deportivo. Froito desa dedicación foron os Campionatos Escolares que contribuiron á práctica do deporte de base e de élite, xa que daquela eran os colexios os que promovían este tipo de  actividades. 

Malia estar xubilados, algún deles aínda concorre ás carreiras populares onde o atopo cos seus grupos deportivos.








domingo, 22 de enero de 2017

OREMUS...!!!


Na sacristía da igrexa de Rianxo


Non se trata de escribir un post en latín, porque podería acabar coma o rosario da aurora. Falarlle aos mozos de hoxe de rosarios e outras andrómenas do pasado pode soar arcaico, como ter que alumearse cun camping gas para facer esta fotografía. Ás veces as situacións extremas obrigan ás neuronas a buscarlle solucións ás cousas.

A primeira experiencia campamentística, a iniciativa de Pepe Montes, foi a viaxe coas tendas de campaña á praia de Rianxo. A ledicia da chegada e o balbordo xuvenil deberon anoxar a Neptuno porque o vento e a choiva atacaron a traición xa a primeira noite, levando todo polo aire e acabando mollados coma pitos, coa equipaxe incluida.

Alí comprobamos a solidariedade dos veciños, que prestaron a roupa mentres secaban as prendas e as tendas no adro. Unha semán na sacristía da igrexa parroquial, experiencia inesquecible que recibía, de cando en vez, a visita do mocerío local que viñan comprobar o estado daqueles rapaces a piques de afogar. A convivencia cos santos que agardaban o día da festa para sair aos altares deu para todo, tamén para escenificar liturxias e outras andrómenas.

Daquelo ademáis do recordo  quedou este retrato feito á luz dunha lámpara de butano. Entre os ciriales que portan Toñito Sanmartín e Juan Turnes, Moncho Barbazán coa estola e a casulla e arredor os demáis: Suso García, José Manuel, Manolo e José Ramón López e Carlos Rodríguez.

Ó ano seguinte repetiuse a acampada e sucesivamente durante décadas. Hai pouco tempo xuntáronse de novo máis de medio cento de persoas que participaron durante anos nos Campamentos Comarcais do Val de Barcala, monitores e monitoras que durante os veráns levaron a máis dun milleiro de nenos polas praias das rías de Galicia para desenvolver programas de convivencia que axudaron a formar cidadáns. Para todos eles vai adicado este documento gráfico daquel primeiro campamento que naufragou na praia de Rianxo.









sábado, 21 de enero de 2017

O PAZO DA ALBARIÑA : Entre a lenda e a liñaxe





O Pazo da Albariña, chamado tamén de Varela ou do Capitán é, xunto ao Pazo do Cotón, unha das máis fermosas edificacións históricas do Val de Barcala. Situado no lugar da Chancela, parroquia de Logrosa do Concello de Negreira, mírase dende hai séculos na ribeira do río Tambre. A súa estructura fainos recordar as edificacións fidalgas que dende a baixa Idade Media proliferaron en Galicia.

O escritor Eugenio Carré Aldao (A Coruña, 1859-1932) sitúa neste pazo a lenda de Munia e Bernaldo. O xefe da fortaleza sae para a guerra á chamada do Rei na compaña do cabaleiro mentres a muller deste, a ama Munia, queda ao cuidado do fillo do señor. Pero un día de tormenta, cando paseaba co rapaz no colo pola beira do Tambre ao abeiro dos carballos, co estrondo dun trono o meniño esbara dos seus brazos caendo nas augas escuras do río mentres a muller berra entolecida chamando polo pequeno que desaparece arrastrado pola corrente.

Munia, tremando de medo, non se atreve a retornar ao castelo porque sabe que para ela non haberá perdón polo pecado do seu descoido e que o castigo será a causa da súa morte.

Cando o seu home Bernaldo retorna na compaña do señor e ó abrazala escoita dos seus beizos a desgraza da morte do neno, entende que para a súa muller non haberá clemencia. A xente armada acude á choza onde se refuxiara Munia e Bernaldo soborna ao xefe da tropa e convénceo de pagar el polo dano involuntario causado por Munia. Pero cando o verdugo baixa o machado para cortarlle a cabeza, nun movemento repentino, Munia coloca a súa ao lado nun derradeiro bico e dun so golpe rodan as dús cabezas.

A lenda remata cos corpos soterrados nun lugar onde naceron dous piñeiros que nos días de vento xuntan as súas copas axitándose queixosos na beira do camiño en recordo de Munia e Bernaldo.

Pero o  certo é que a realidade histórica e documentada recolle que o primeiro dono coñecido do Pazo foi Amaro López e por herencia pasou ao seu neto Juan Antonio López Fernández, nado en 1713, que casou con Ángela Suárez de Leis. O seu fillo Gregorio López Fernández de Leis, nado no pazo en 1772, casou con Mª Josefa Posse y Romero e foi o seu primoxénito Juan López de Leis (1805) o que obtivo executoria de fidalguía na Real Chancellería de Valladolid no ano 1827.

Como Juan morreu sen descendencia o Pazo da Chancela pasou a súa irmá Carmen López de Leis y Posse de Castro, casada con José Varela de Limia, chegando tamén por herdanza a José Varela de Limia y Méndez, casado coa Vizcondesa de San Alberto, Segunda Pais Gutiérrez. A súa filla Pilar, casada co Conde de Torre-Cedeira, Felipe Bárcena, procedeu a súa venda aos actuais propietarios a familia García Nimo.


Os brasóns dos Leis e os Varela están nos lados da porta de entrada ( Foto Concello de Negreira)

O Pazo da Albariña, situado nun fermoso entorno poboado de carballos centenarios é un dos edificios máis fermosos e mellor conservados do patrimonio histórico do Val de Barcala.





BIBLIOGRAFÍA : Torres, Pazos y Linajes de La Provincia de La Coruña. Carlos Martínez Barbeito . Diputación de A Coruña - 1978.






jueves, 5 de enero de 2017

POR EL CINCO DE ENERO




Negreira-1986
……
Por el cinco de enero
en la majada mía
mi calzado cabrero
a la escarcha salía.
…….
 (Miguel Hernández)


Hoxe é noite de deitarse cedo  para os rapaces que agardan inquedos  a chegada dos Reis Magos, no vaia ser….

A chegada dos Reis o 6 de xaneiro  é unha antiga tradición no occidente cristián. Noite de ilusión infantil e de sono inquedo polas pisadas dos camelos que cada ano parecen escoitarse. A maioría colocarán os seus zapatos na fiestra  ou debaixo dese piñeiro de cores  con que en moitas  casas se recibe a chegada do Nadal. Ou a carón do Nacemento, onde a tradición aínda perdura.

A primeira referencia ós  Reis Magos atopámola no Evanxeo de San Mateo: “. ...E  uns “magos” viñeron de Oriente a Xerusalén. E ó ver ó neno coa súa nai María, puxéronse de xeonllos, adorárono e abrindo os seus tesouros ofrecéronlle ouro, incienso e mirra”. Logo, fixéronse  numerosas especulacións sobre o seu lugar de procedencia e o número deles.

Cóntase que ós Magos convertiunos Santo Tomás e logo sufriron martirio. Os seus restos foron levados a Milán e no século XIII trasladados á catedral de Colonia onde se gardan os cráneos nunha espléndida furna de ouriveiría.


Catedral de Colonia-Reliquias dos Reis Magos

 Tertuliano aseguraba que eran orixinarios de Arabia e o español Prudencio, no século IV, das beiras do Golfo Pèrsico. O certo é que estas afirmacións  aceptáronse como válidas xa que así se representaba o seu aspecto  nas catacumbas de San Pedro en Roma e aínda que se descoñecen os seus nomes e cantos eran, unha tradición posterior atribuiulles os de Melchor, Gaspar e Baltasar.




1986

Por iso hoxe saen ás rúas  as fachendosas cabalgadas nas que as SSMM reparten sorrisos, ilusións e esperanzas á rapazada das nosas cidades e pobos. Pola noite aparecerán os agasallos  para os que foron  bos durante o ano e algún carbón para os que non o  foron  tanto.

E para os maiores, este fermoso poema de Miguel Hernández.





LAS DESIERTAS ABARCAS

Por el cinco de enero,
cada enero ponía
mi calzado cabrero
a la ventana fria.

Y encontraba los días
que derriban las puertas,
mis abarcas vacias,
mis abarcas desiertas.

Nunca tuve zapatos,
ni trajes, ni palabras:
siempre tuve regatos,
siempre penas y  cabras.

Me vistió la pobreza,
me lamió el cuerpo el río
y del pie a la cabeza
pasto fui del rocío.

Por el cinco de enero,
para el seis, yo quería
que fuera el mundo entero
una juguetería.

Y al andar la alborada
removiendo las huertas,
mis abarcas sin nada,
mis abarcas desiertas.

Ningun rey coronado
tuvo pie, tuvo gana
para ver el calzado
de mi pobre ventana.

Toda gente de trono,
toda gente de botas
se rió con encono
de mis abarcas rotas.
-
Rabié de llanto, hasta
cubrir de sal mi piel,
por un mundo de pasta
y unos hombres de miel.

Por el cinco de enero
de la majada mía
mi calzado cabrero
a la escarcha salía.

Y hacia el seis, mis miradas
hallaban en sus puertas
mis abarcas heladas,
mis abarcas desiertas.







miércoles, 21 de diciembre de 2016

Pepe Ardeiro: Renacemento



Na lembranza daquel día do ano 1977 no que escoitamos xuntos na Praza de Ferreiro  as verbas prohibidas que esnaquizaban o silenzo de pedra no primeiro mitin da chegada da Democracia.



                                                            ( Antón Pulido)



RENACEMENTO

Relocía nos adouquíns da praza,
gastados nunha calma de noutrora,
o refreixo sacrílego e roxo
das bandeiras prohibidas.

As verbas eran aínda froles
sin espertar, pequenas cousas
pechadas aos incertos anuncios
de remotas libertades esvaídas.

O medo era aínda unha profunda
cadea que apreixaba
as ánimas dos homes indecisos.

Detrás de cada porta aínda quedaban
inquedanzas e falares baixiños.
Aínda co ar nos viña o cheiro a morto
resurxido na libertá das verbas
dende fai tempo interrumpidas.

E aínda nos escrutaban
tras das fiestras,
tras do anonimato escuro das cortinas,
cadavres vivos dun absurdo pasado,
enxendrando unha teimosa agarda,
moi difusa e segrada,
encol de sacros feudos e outras cousas
de honor, tal vez perdidas...

Mais no morno refreixo de ouro,
naquel fulxor de groria,
da serán estantía,
erguéronse solemnes e fortes,
como un cántico á vida,
aquelas voces de paz daqueles homes
que cambeaban ese senso das mentes
dunha Patria prohibida...

Lonxe,
as sementeiras abrollan impasibles...

Anda a xogar nas solprendidas rúas,
encanto do soar nos vellos muros,
ese noso,
ese nunca esquencido vello hino.....


E percíbese xa
no ar que se respira
a espranza lene dunha nova vida...



Xosé Manuel López Gómez “ Ardeiro”

Na néboa dunha espranza






domingo, 11 de diciembre de 2016

RAÍCES : O adeus de Conchita






O pasamento de Conchita encheu de tristura a todos os que tivemos a honra de coñecela. Concepción Suárez Morilla foi durante corenta anos a Secretaria da Sociedade Cultural y Benéfica “Unión Barcalesa” da Habana, e xunto ao seu home Rolando Pérez Palmero, presidente xa falecido, mantivo vivo o espíritu da nosa terra e aglutinaron na centenaria asociación aos que alí quedaron e aos seus descendentes.

O actual presidente, Manuel Rodríguez Barreiro, comunicábanos a triste noticia e como até os derradeiros intres da súa vida, malia os problemas de saúde, seguía fiel ó seu compromiso coa Sociedade, da que formou parte dende o ano 1959:
Desde el año 1975 ocupo el puesto de Secretaria de la Junta Directiva hasta el día de hoy , escribía o 14 de setembro de 1914 , en todo este tiempo he llevado toda la información que genera el actuar diario de la sociedad, los libros, el control de los recibos, las actas y la documentación, el libro de registro del Panteón...

O seu pai tivera que marchar, como tantos outros a comenzos do pasado século, na búsqueda de oportunidades que esta terra lle negaba, dende a aldea de Lueiro (Negreira) integrándose cos seus paisanos para contribuiren a crear as escolas que non había na súa terra natal. Dende o ano 1920 formou parte da Unión Barcalesa ocupando diversos cargos na Directiva, da que chegou a ser Presidente. Casou cunha moza sevillana e  soubo inculcarlle á súa filla máis nova dende pequena os valores da solidariedade, o respeto pola súa cultura de orixe e a necesidade de continuar co labor que os nosos emigrantes comezaran no ano 1907. 


Conchita e Rolando

Cando no ano 1993 se iniciou o envío de axuda que os veciños dos concellos de Negreira, A Baña e Brión e logo a Asociación Alén Mar entregaron á Sociedade foi ela, xunto co seu home Rolando Pérez os que, coa colaboración do resto da Directiva, procederon dun xeito exemplar a recepcionar as toneladas de alimentos, medicamentos e material escolar, entregando equitativamente aos socios a parte correspondente, elaborando os documentos da recepción da cantidade entregada a cada un e remitindo copia ás entidades municipais e asociativa. O domicilio de Conchita e Rolando transformouse nunha farmacia á que acudían os barcaleses coa correspondente receta para retirar os medicamentos que foran enviados polos farmaceúticos da comarca.

Conchita era todo un exemplo de vitalidade, eficiencia e honradez. Na primeira visita a Barcala, acompañada do seu home, onde foron agasallados polos concellos, asociacións e veciños, fixeron efectivo o acordo de entregar os edificios das escolas de Aro, Cobas e Seoane pois, dicían, eso se ha hecho con el trabajo y la aportación de nuestros emigrantes y a Barcala debe volver, pasando así a formar parte do inventario dos concellos de Negreira e A Baña, cedendo este último, o edificio da de Seoane, á Asociación Barcalesa de esa parroquia. Daquela Conchita pediume que a leváramos a Lueiro, a pequena aldea que dende as ladeiras da marxe dereita do río Tambre mírase no espello do embalse Barrié de la Maza, para visitar a que fora casa de seu pai. Alí, diante da lareira, pediu que a deixáramos soa e durante tempo permaneceu seguramente falando coa memoria de seu pai e cumprindo o que ela dixo que fora sempre a súa maior ilusión, poder regresar algún día á casa dos seus ancestros.

O seu pasamento é un acontecemento moi triste, como xa o fora o de Rolando, para a súa familia e para os barcalesas da Habana e Barcala que tivemos a sorte de coñecela e sempre recordaremos con cariño a esa Conchita tan activa e solidaria que se mantivo fiel á memoria dos seus antepasados e os valores que lle souberon transmitir. Agora repousa xa no panteón do Cemiterio de Colón da capital cubana, na compaña dos centos de barcaleses e os seus descendentes que non puideron retornar á terra pero que seguirán presentes na nosa memoria.



Repartindo solidariedade



Recebemento a Conchita e Rolando na escola de Seoane-A Baña




























martes, 6 de diciembre de 2016

NO DÍA DA CONSTITUCIÓN


 Por decisión da Xunta de Galicia o  presidente, D. Fernando González Laxe, conmemorou en Negreira o 6 de decembro de 1987 o Día da Constitución á que definiu como “un factor de concordia político- civil”. Ante máis de cincocentos veciños no seu discurso fixo referencia ao artigo primeiro da Carta Magna, texto que recolle que a soberanía nacional reside no pobo, do que emanan os poderes do Estado, para afirmar a continuación que a Constitución é a suprema expresión da súa vontade. González Laxe manifestou que o texto constitucional é un instrumento esencial para a consolidación das liberdades públicas.


                                                           6 de decembro de 1987

O acto trataba de fomentar entre a cidadanía a importancia de coñecer e defender a Carta Magna aprobada en Referendum o 6 de decembro do ano 1978, consulta que obtivo o seguinte resultado: Dos 17.873.301 votantes, 15.706.078 votaron a favor da aprobación; 1.400.505 en contra; 632.902 en blanco e 133.786 papeletas nulas (BOE do 22 de decembro de 1978). O texto foi publicado no Boletín Oficial do Estado o 29 de decembro dese ano, tamén en Galego, Catalán, Valenciano, Balear e Euskera.

Logo de corenta anos de ditadura as forzas políticas representadas no Congreso e no Senado foron quen de chegar a un acordo para elaborar este texto base do noso ordenamento xuridico nun ambiente de boicot e coacción por parte de grupos terroristas tanto da extrema dereita como da extrema esquerda. Un grupo da extrema dereita asasinara o 24 de xaneiro do ano anterior no seu despacho do número 55 da Calle Atocha de Madrid a cinco abogados laboralistas de Comisións Obreiras. No ano de aprobación do texto constitucional, ETA asasinara a 65 persoas, maís de unha cada semana; o GRAPO a unha e oito o ano anterior, ademáis de diversos intentos de pronunciamentos militares. O obxectivo do texto constitucional era o de garantir a convivencia e a defensa da democracia así como os dereitos sociais e políticos de todos os cidadáns.

A  ensinanza da Constitución debera ser obrigatoria en todos os centros de ensino pois o seu coñecemento é fundamental para que a cidadanía poda esixir o seu cumprimento aos poderes públicos. Dende o Artigo 1 que di que España constitúese nun Estado social e democrático de dereito, que propugna como valores superiores do seu ordenamento xurídico a libertade, a xustiza, a igualdade, e o pluralismo político ou o Art. 10 : A dignidade da persoa, os dereitos inviolables que lles son inherentes, o libre desenvolvemento da personalidade, o repeto á lei e aos dereitos dos demáis son fundamento do orden político e da paz social.






A Constitución Española garantiza entre outros:

O dereitoá vida e á integridade física e moral ( Art. 16)
O dereito ao honor, á integridade persoal e familiar e á propia imaxen (Art. 18.1)
O dereito á Educación ( Art. 27)
O dereito ao traballo ( Art. 35.1)
O dereito á protección da Saúde( Art. 43-1)
Dereito a unha vivenda digna e adecuada( Art. 47)
Dereito ás pensións para a terceira idade ( Art. 50)
..

Os grupos políticos deberan traballar para que as leis que a desenvolven non contradigan o seu articulado, impugnar aquelas que se consideran contrarias a ela, eliminar os artigos introducidos nas mesmas que impidan a súa aplicación e desenvolver aqueles apartados que seguen sen aplicarse.

Que importante sería que as institucións públicas imprimiran este texto e o distribuiran entre os cidadáns para o seu coñecemento! Todo iría moito mellor, política e socialmente, e sería unha maneira certeira e  máis aproveitable de celebrar o DÍA DA CONSTITUCIÓN.





Falando cos veciños








sábado, 19 de noviembre de 2016

INFINITO CADUCO




As estrelas na auga reflicten a sebedoría do tempo- Denís Estévez



Os ríos, esa regalía que foron o xermolo de civilizacións, cidades e culturas transfórmanse ás veces en espellos nos que se reflicte a Natureza e todo o espazo exterior transfórmase en poesía. Só décimas de segundo no que os espíritus máis sensibles son capaces de captar e amosárnolo en forma de obras de arte. Dende os alicerces da nosa cultura cóntanos a Mitoloxía como Narciso acabou namorado da súa imaxe reflectida no espello dunha fonte. Tal é a maxia das augas que muda no máis sublime a simple imaxe mortal.

Denís Estévez, pintor e fotógrafo, foi quen de camiñar  polas beiras dos ríos como o Tambre, ou o Negreira agardando polas horas do solpor nos que as augas se transforman en espellos para fotografar ese intre en que as estrelas do ceo ou o reflexo das plantas se miran nela e xogan coas imáxes para presentarnos un mundo cromático ou actuando coma un prisma óptico que as descompón dándolle un sentido máxico e colorista.

INFINITO CADUCO e o nome da excelente exposición fotográfica coa que nos agasalla na galería Luisa Pita, na Rúa Cardenal Payá 9 en Santiago de Compostela. Estes días e ata o 12 de decembro é a cita para todos aqueles que se acheguen a esta orixinal mostra na que se reflicte nidiamente que a fotografía tamén pode ser poesía, outra maneira de expresar a beleza e as emocións a través da imaxe.

A Natureza, di o autor, o espazo exterior que semella todopoderoso e o mesmo tempo impotente ante o noso embate, engloba e artella case por completo a exposición, como reflexo e peza dun xogo na gran partida do tempo. Na súa grandeza reside a antítese que dá nome ó conxunto de obras onde o inabarcable infinito do percorrido dun río vese fracturado co devir das augas.

As imaxes que se realizaron para esta exposición xa despareceron, foron segundos de beleza recollidas pola cámara e impresas no papel para así inmortalizalas.

É  unha exposición que merece visitarse e que a ninguén deixa indiferente.



Infinito caduco








domingo, 6 de noviembre de 2016

BONSAIS

Carballeira bonsai


Entre as gafas e o horizonte esténdese todo un mundo tanxible de obxectos, seres vivos ou inertes, vehículos en movemento e auga do mar, todo cortado por ringleiras de árbores que ollan vixiantes a paisaxe que os importuna. Onte contábame Mario que as árbores son os seres máis modestos que coñece porque cando a brisa os acariña soltan un par de follas lánguidas e cando o temporal os agrede con forza as súas ramas póñense tensas e o seu tronco desafiante, facendo que teña que fuxir coa chuvia de vencido.

As árbores conviven pacificamente unhas coas outras mandándose mensaxes a través dos paxaros que voan dunha copa a outra e que non podemos entender porque non comprendemos a súa linguaxe. Eles tampouco a nosa. Alguns só teñen follas pero outros cúbrense de flores e as veces tamén nos agariman con froitos sabedores. As persoas, en xeral, sentimos moito respeto por eles.

Hai quen levado pola admiración quere telos na casa, controlar de perto como medran, configuralos, alimentalos e darlle formas o que sería imposible conservando o seu tamaño por iso redúcenos como xoguetes xa que doutro xeito sería imposible gardalos. Dende pequenos limitan o seu crecemento e transfórmanos en especies ananas pero conservando as características dos seus devanceiros. É decir, un bonsai.





Aínda que a verba quere decir en xaponés “cultivado en maceta” a súa orixe  ven de China onde hai bastante máis de mil anos empezaron a aplicarlle esta técnica reduccionista para frearlle o crecemento dende moi novos, limitando as raíces, podando as ramas e configurándoas con aramio de cobre dándoselle así aforma que se queira. Arte que confire xeitos fermosos e espectaculares a estas árbores en miniatura. Nalgúns lugares os afeccionados agrúpanse en asociacións intercambiándose experiencias e compartindo admiración polos seus  exemplares.

O bonsai é un exemplo da domesticación dos seres vivos, máis que prantas son mascotas que precisan coidado e atención permanente, estar pendentes deles, alimentalos, sacalos ao aire libre cando o demanden e prestarlle axuda cando o precisen.







domingo, 23 de octubre de 2016

ABRINDO FOSAS, PECHANDO FERIDAS







Ubicación da fosa no adro de Paramos (Val do Dubra)


Mañán comezan no adro da igrexa de Santa María de Paramos ( Val do Dubra) os traballos de sondeo arqueolóxico, excavación e exhumación dos restos de catro persoas que se atopan nunha fosa común, mortos como consecuencia do enfrontamento armado con forzas da Garda Civil nos límites dos concellos de A Baña, Santa Comba e Val do Dubra ( daquela concello de Buján) en 1949. Un equipo de oito expertos da Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica (ARMH) dirixidas polo arqueólogo René Pacheco Vila e coordinados polo Vicepresidente da Asociación Marco Antonio González Carrera procederán á recuperación dos restos a petición dos familiares das víctimas.

O 5 de marzo de 1949, cando se atopaban aloxados nunha casa do lugar de Zas, parroquia de Aro, do concello de Negreira os membros do destacamento Eive-Carbón pertencentes ao Exército Guerrilleiro de Galicia, ás 8,30 da mañá foron cercados polas forzas da Garda Civil producíndose un enfrentamento no que foi ferido un garda e morreu de dous disparos, ó saltar da horta da casa ao camiño, Carmen Temprano Salorio, natural de Iñás (Oleiros) (1), conseguindo fuxir o resto do grupo acompañados da sobriña da dona da casa Manuela Teiga Rojo ante as previsibles represalias por ser punto de aopio ao mesmo (2). Horas despois,  facéndose cun  cabalo, lograron  transportar con maior facilidade ao guerrilleiro Vicente Peña Tarrasa que resultou ferido neste primeiro combate.
Carmen Temprano Salorio

Tras unha longa marcha para escapar do lugar o antes posible foron sorpredidos nos montes de Paramos (Val do Dubra) sobre as catro da tarde, onde logo de ser cercados entablouse un novo combate a consecuencia do cal falleceron catro membros do grupo, conseguindo escapar un dos guerrilleiros, Manuel Ramiro Souto, na compaña dun veciño que o guiou ata a zona de Ordes onde contactou con outros compañeiros. Nove persoas de Bembibre, Rial, Niveiro e Lariño que presenciaron o paso do fuxido e según a súa testemuña confundiron cun cazador, foron condenados a penas de cárcere por non presentar denuncia

Os fallecidos, según o informe das autopsias e do Xulgado personado no enterramento foron os guerrilleiros José María Castelo Mosquera a) Doutor ou Casteliño, natural de Iñás-Oleiros, Vicente Peña Tarrasa a) Pedro Borrás de Palma de Mallorca,os dous identificados polos documentos personais que portaban nas súas carteiras e Manuela Teiga de Zas-Negreira, ademáis de outra persoa que figura como “descoñecido”. Nun informe posterior no expediente da causa militar 88 /1949 instruída como consecuencia destes feitos recóllese que corresponde a Manuel Pena Camiño, natural do concello de Mesía pois atopáronse dúas fotografías que correspondían á muller e a unha filla deste membro da guerrilla.

Según as testemuñas aportadas hai uns meses por membros dunha familia do concello de A Baña que aseguran que unha das persoas enterrada na fosa de Paramos é un antepasado seu e as evidencias documentais recollidas na causa militar tramitada polos feitos relatados (88/1949), é posible que os restos atribuídos a este último correspondan en realidade ao veciño da parroquia de Lañas Erundino Vieito Baña, xa que aseguran telo comprobado un familiar na caseta da fábrica do cemiterio de Paramos, onde estuveron expostos os cadáveres. Daquela non se atreveron a reclamar os restos por medo ás represalias xa que en 1947 foran encausados algúns dos seus membros por apoio á guerrilla (Causa 400/47).
Erundino Vieito Baña

Erundino Vieto foi movilizado no ano 1936 e desplazado ao frente de Asturias no Batallón nº 8 de Zapadores de A Coruña do que desertou (3) para pasarse ao exército republicano, onde formou parte do Batallón “Galicia” nº 219 e, ao parecer, estivo destinado nunha batería en Colloto. Feito prisioneiro o 10-11-1937, foi internado nun campo de concentración ( Candás?) onde desapareceu o 4 de febreiro de 1938. Erundino regresou á súa parroquia onde se mantivo agochado durante once anos, actuando como enlace da guerrilla. Según os familiares, quedara citado cos compoñentes do grupo de Zas para cambiar de lugar, por eso se viu envolto no enfrontamento que lle causou a morte.

A guerrilla antifranquista era coñecida na comarca como “Os Foucellas” en alusión a un coñecido guerrilleiro, Benigno Andrade, que era natural do lugar de As Foucellas no concello de Mesía.

Unha vez recuperados os restos das víctimas, serán trasladados ao laboratorio que a Asociación ten no campus de Ponferrada da Universidade de León onde serán estudiados para poder determinar aspectos tan importantes como o sexo, a idade, as causas da morte e as patoloxías en vida de cada individuo e todos os aspectos necesarios que faciliten a identificación das víctimas, obxectivo polo que se fai este traballo.Ademáis das mostras de ADN para ser contrastados cos familiares vivos e a identificación definitiva das mesmas para aclarar a dúbida sobre Pena Camiño ou  Erundino Vieito .

Logo de rematados todos os trámites os restos serán entregados aos seus familiares que levan máis de setenta anos agardando para darlle unha sepultura digna.



José María Castelo Mosquera 




Vicente Peña Tarrasa








                                                                               
                  










Esta asociación xurdiu a raiz da exhumación dunha fosa en outubro de 2000 na que se atoparon os restos de 13 republicanos asasinados o 16 de outubro de 1936 na localidade leonesa de Priaranza del Bierzo, onde acudiu un numeroso grupo de persoas para pedir axuda na búsqueda dos seus familiares desaparecidos, polo que un grupo decidiu creala para este fin. Dende aquela posibilitou que centos de familias atoparan aos seus seres queridos.

Dende o ano 2000 leva feito máis de 150 exhumacións en distintos lugares de España e identificado mediante técnicas científicas a máis de 1500 víctimas da represión franquista, organizado tamén centos de actos de recoñecemento público a esas miles de persoas que non tuveron voz durante máis de 75 anos.

No ano 2002 iniciou os trámites ante o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos para que esixira ao Goberno español a aplicación da lexislación internacional con respecto á desaparición forzada que impedía a Lei de Amnistía aprobada en outubro de 1977 polo Congreso dos Diputados.

A ARMH sostense coas cuotas aportadas polos seus socios ademáis do patrocinio de importantes asociacións internacionais como a de traballadores noruegueses ELOGIT e as estadounidenses ALBA (Abraham Lincolm Brigade Archives) e a Puffin Fundation que lle concedeu o Premio de Dereitos Humanos 2015.


NOTAS
    1)  Carmen Temprano Salorio foi enterrada no cemiterio de Aro (Negreira)
    2)  Catro membros da súa familia foron condenados a penas de prisión por estes feitos.
    3) O pai e un irmán de Erundino foron detidos cando desertou.




28 DE XULLO 2018




No Auditorio abarrotado de público de Val do Dubra o pasado 28 de xullo, os representantes da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica procederon á entrega aos familiares de José María Castelo Mosquera, Vicente Peña Tarrasa, Manuel Pena Camiño, membros da Agupación Guerrilleira de Galicia, dos restos que foron exhumados no cimiterio da igrexa de Paramos. Tamén os de Manuela Teiga, veciña do lugar de Zas (Negreira), sobriña da dona da casa onde estiveran aloxados os tres e que fuxiu con eles por medo as posibles represalias que poidera acarrearlle, o que lle sucedeu aos restantes membros da súa familia.

Foi preciso acudir ao análise do ADN para poder identificar a Manuel Pena Camiño pois tamén ese día desapareceu Erundino Vieito Baña que actuaba como enlace do grupo antifranquista e diversas testemuñas aseguraban que era a cuarta persoa que se atopaba na fosa común de Paramos, polo que ata o día de hoxe segue sen saberse cal foi o seu destino.


                                                              Foto X. Álvarez- Faro de Vigo


A búsqueda dos restos comenzou por unha solicitude feita polos familiares de Vicente Peña Tarrasa ante a Comisión dos Dereitos Humanos das Nacións Unidas o que deu lugar á posterior e laboriosa actuación da ARMH e numerosos colaboradores que rematou con este acto de entrega aos familiares das persoas enterradas na fosa común da Igrexa de Paramos.

O solemne e emotivo acto contou coa participación dos alcaldes de Negreira e Val do Dubra, así como outros cargos públicos e personalidades recordado en varios dos discursos o suceso que acabou coa vida destas persoas que, como outros miles tiveron que refuxiarse daquela nas montañas de Galicia e León. O Presidente da ARMH rematou o emotivo acto de entrega aos familiares quen recalcou que era excepcional en Europa, pois en calquera outro país membro da UE sería o Estado o encargado deses traballos e non unha organización de carácter privado.