domingo, 20 de febrero de 2011

A FUMAR Á RÚA


    

      Fumar din que é un pracer, tamén un gran negocio para uns poucos. Para min, nin unha cousa nin a outra. E cando o fago dun xeito pasivo, un incordio. Degustei os meus primeiros cigarros ós catorce anos, na compaña do meu amigo Pepe Ruso, o día do seu santo. Ese 19 de marzo chovía e para que non nos viran fumamos no monte ó abrigo dunha gran caseta de madeira. Tempo despois, cando descubrín que se trataba dun taller de  pirotecnia  xa se me foron definitivamente as ganas de fumar.

      A nova regulación do consumo do tabaco nos lugares públicos, tivo un impacto social e  mediático case comparable ó dos máis duros recortes e pérdidas de dereitos que se están a producir en España. Foi a  falta de consideración dos fumadores e o impacto negativo que está tendo para a saúde o que levou ó que xa parecía inevitable: fixar ós límites do dereito de uns onde comezan os dos demais, eliminando así a función social que o disfrute do cigarro conleva.

     O mal tempo fíxome regresar de novo ó mundo do tabaco, pero esta vez sen nicotina. Teño que confesar que un dos meus empeños na última viaxe a Cuba- non foron tantas como me gustaría- foi o de conseguir un exemplar bibliográfico  que dende facía anos rabeaba por coñecer: El contrapunteo cubano del tabaco y el azucar. Logo de interminables camiñatas, no mercado de libros antigos da Plaza de Armas,  frente ó Palacio de los Capitanes Generales  puden, despois do consabido regateo, botar man de tan ansiado tesouro.

   Contrapunteo, en América, expresa un desafío poético  e esta profunda e deliciosa obra  de Fernando Ortiz  reflicte o contraste e a convivencia entre o moreno tabaco e a blanconaza azucre que ó longo da mesma bailan un apretado danzón exhibindo  os seus amores e contradiccións nos que  a historia, a etnoloxía e a transculturación marcan o ritmo.

   O tabaco é unha planta  de América e o seu primeiro contacto con España tivo lugar o mesmo día do Descubrimento. Os nativos daquela pequena illa onde arribaron as carabelas, Guanahaní, ó ver aqueles homes que despregaban os seus pendóns e que pensaban descendidos dos ceos ofrecéronlles numerosos presentes, entre eles segundo relata Cristóbal Colón no seu Diario de a bordo, unhas follas secas que non eran senón tabaco, como un ritual saúdo de paz.

   Para os pobos indíxenas formaba parte das súas vidas, das súas menciñas, das súas costumes e da súa relixión pois era parte fundamental das cerimonias rituais. Ademais do pracer sensual que lles proporcionaba tiña un carácter profundamente social.

   A chegada a  Europa nas súas distintas variedades: pó, cachimba e cigarro, transformouno en  ocio e negocio, pracer e veleno. Aquí foi obxecto dos mais fortes amores e de crueis persecucións. Recolle Count Corti  na súa historia do tabaco  o proceso de Rodrígo de Jerez ó retornar de Cuba a Andalucía como se puxo a fumar tabaco dos indios e foi condenado polo Santo Oficio, xa que botar fume pola boca só podía ser cousa de posesos do demo. Cando saiu das mazmorras da Inquisición, despois de longos anos, comprobou como os seus veciños de Ayamonte xa se deran ao hábito satánico de fumar.




   Hoxe, nos países máis desenvolvidos, estase regulando o uso do tabaco nos lugares públicos mentres se advirte do perigo que representa para a saúde dos consumidores. Será posible conxugar o disfrute coa moderación, o pracer coa saúde e os dereitos coas obrigas? O tempo nos irá dicindo si este hábito milenario conservará o seu caracter  social ou quedará relegado ó simple papel de vicio solitario.