miércoles, 15 de julio de 2015

PINTAMONAS


Algunhas autoridades europeas parece que están dispostas a defender o patrimonio urbano e monumental contra o ataque dos cenutrios. Unha turista foi detida en Roma pola policía por tallar as súas iniciais nunha das pedras do Coliseum e, a finais do ano pasado, outro foi multado con 20.000 euros por algo parecido. Estas actitudes incívicas de emporcar as paredes das cidades e deteriorar os monumentos non son nada novo. Hai anos, nunha viaxe á Illa da Toxa, un exército de “guiris” afanábase en rotular o seu nome nas cunchas que cubren a fermosa capela. A miña filla, que daquela tiña cinco anos, preguntounos se ela tamén podería facer o mesmo. A resposta foi rápida:

-Non se pode, porque se deterioran os monumentos.
-E logo porque algúns o fan?
-Porque son uns ignorantes.
Unha señora que estaba tutorando a varias grafiteiras berrou:
-Niña...que ezte zeñó te eztá llamando ignorante..!
Disculpe, señora, resposteille, non me refería a ella sinó a todos ustedes, especialmente a los adultos.


Praza de Lugo- A Coruña

 Nas pasadas eleccións locais, na Praza de Lugo da cidade herculina, un concelleiro repartía folletos pedindo o voto, fixenlle unha foto á cabina telefónica que tiña ao lado e pregunteille se eso non entraba no Programa. Puxo cara de non entender e seguiu repartindo papeis.

Nos últimos anos o deterioro dalgunhas cidades resulta escandaloso, sobre todo dende que os centros comerciais arruinaron as rúas céntricas e o peche de establecementos foi acompañado dun ataque grafiteiro contra as fachadas e persianas, que fan lembrar o barrio do Bronx. O casco histórico de Santiago de Compostela (Patrimonio da Humanidade) está feito un cromo e abonda un paseo pola Rúa das Orfas para tomar conciencia do problema. A cidade da Coruña, por outra banda, xa pode presumir de ter as fachadas máis emporcadas de España, transmitindo unha imaxe noxenta.

Os pobos e as cidades son unha proxección do nivel cultural dos seus moradores e tamén dos gobernantes. Os cambios que se produciron estes días nalgúns concellos terán que supor unha profilaxe urbana en todos os ámbitos.

A ver....





miércoles, 1 de julio de 2015

O SELFIE DAS ROSAS






A imaxe do xardín é sempre impecable, está tratado con mimo, co coidado que debe darse ás cousas que se valoran e se aprecian, as que precisan dunha atención contínua para ir sacando as flores secas e coidar aos novos brotes, os que amosan entre os gamallos. Logo está o rego diario, porque no verán é cando as prantas máis precisan de coidados.

Hai uns anos, a súa dona tamén puxo polo exterior unha ringleira de roseiras, pero cando renovaron as baldosas das beirarrúas, alguén mandou sacalas privándonos do agasallo que nos ofrecía o seu coidado de cada xornada.

Estes días, unha delas decidiu sair polo medio do peche a ollar o exterior. Como pode ser a percepción do mundo que ten unha rosa acostumada a sementar arrecendo e cor como agasallo dos nosos sentidos? Saiu polo medio das rellas e como recordo, sorrinte, fíxose un selfie.

Así tamén os pensamentos e as ideas, meu amigo, non se poden engaiolar, tampouco ás verbas, porque son a expresión da característica fundamental do ser humano; as rellas non son só un elemento de seguridade, tamén un impedimento e unha barreira que limita a liberdade das persoas aínda que se presente en forma de Lei.

Despois de tanto predicar a desregularización do que convén, cada xornada recibimos unha nova da regulación do expolio de dereitos  humanos e sociais, que tantos anos de loita e conquista conlevaron.

Onte no Congreso dos Deputados en Madrid, como protesta polas nova Lei de Seguridade que hoxe entra en vigor, membros de Greenpeace subíronse a unha grúa cunha pancarta que decía La protesta es un derecho. Tamén, como a rosa, retratáronse.

Decía Alfonso Rodríguez Castelao: Cando non nos deixan falar é porque alguén se está beneficiando.




martes, 2 de junio de 2015

FÍSICA E QUÍMICA







Esta fotografía non deixa de ser unha instantánea de un proceso no que varios elementos químicos se fusionan para formar un todo con propiedades distintas aos compoñentes esenciais. Só pretendía reflectir o momento no que dous xogadores do Barça recollían a Copa de España das mans do Xefe do Estado D. Felipe. O realizador da televisión, atento ao seu traballo, decidiu nese intre mudar a imaxe e saiu o que se ve.

Sentiame ledo porque o Barcelona volvera gañar outro título en poucos días e deixou claro que o futbol, como calquera outra actividade, pode elevarse á categoría de arte cando o bo facer e a ilusión acompañan á xenialidade. Dende aqueles anos en que con Pepe Oreiro, Rodríguez de Aro, Elías Ruso e catro máis pelexabámonos por facer un Barça local para enfrontarnos na Praza do Cotón a unha selección de outros rapaces seguidores de Di Stéfano, que impoñían case sempre os seus goles á minoría de disidentes deportivos discípulos de Kubala, foi o equipo co que máis simpaticei.

Pero volvendo ao conto da foto, si se mira con atención, podemos ver á esquerda o ánodo e o cátodo desta electrólise: o Ministro Grrrr..!! coa ollada perdida na Torre España, o aplauso recollido e quen sabe que agochado no fondo dos seus miolos  ao lado do Presidente Máis!! cun sorriso de "agora  fódeste" e aplaudindo aos seus, mentres o Xefe do Estado mostra un semblante complacente pensando seguramente en  como os vascos e cataláns pelexaban pola Copa de España, desempeñando o papel de árbitro que lle corresponde na contenda política.

Destacando o capitán Iniesta, erguendo o trofeo coa expresión característica de home prudente e xogador exemplar, prototipo da profesionalidade e respeto para con todos.

Ao fondo, como a disolución que contén todos estes elementos, os xiareiros, uns ledos e outros tristes según lles foi. Os demáis, detrás do plasma, disfrutando do espectáculo deportivo cada un coas filias e fobias que as paixóns deportivas  deparan ás veces,  porque o futbol é un deporte para gozar, sobre todo cando son os melloriños os que nos agasallan coas súas habilidades.

Déixovola para que cada quen, coa súa particular ollada, extraia e descubra outras lecturas.





lunes, 25 de mayo de 2015

O RETROVISOR








Circulaba devagar buscando un lugar onde poder deixar o coche, logo de parar ollei o retrovisor da esquerda antes de abrir a porta e vin un barco. Non é frecuente que nos espellos dos vehículos aparezan estas imaxes, o normal é que se reflictan outros coches que nos pretenden adiantar pola esquerda e ás veces pola dereita; son un dos elementos imprescindibles para a seguridade dos condutores porque poden evitar accidentes indesexados.

Cando lin o nome, sorprendeume que se tratara do Cornide de Saavedra e recordei que era o primeiro buque do Instituto Español de Oceanografía, ata hai pouco unha peza importante para a invertigación mariña e pesqueira.

Os retrovisores teñen unha función moi parecida á memoria das persoas, porque tamén nos permite botar unha ollada atrás, lembrar as vivencias pasadas e poñernos en garda ante calquera perigo que nos poida ameazar. Estes días, coa campaña política das eleccións municipais, volveu utilizarse a acusación infundada contra un dos candidatos, de xeito malicioso e coa finalidade de causar dano a un home honesto e moi prudente.

Por iso, veume á memoria unha anécdota que vivin de pequeno. Daquela había unha época do ano na que era unha obriga facer a confesión dos pecados no precepto da Semana Santa. Estabamos na porta da Capela do Cotón un grupo de rapaces de distintas idades. O Sr cura achegóusenos, dentro da súa sotana negra e coa capa que sempre levaba nos ombreiros, e interpelou ao máis calado de todos:

  • Juliño, Juliño, vienes a confesarte, Juliño..
  • Non señor.
  • Pero Juliño, no me digas eso, tenemos todos la obligación de confesarnos...
  • É que non teño pecados...!
  • Así me gusta, Juliño, que no tengas pecados..
  • Pero sei quen os ten, D. Restituto...!
  • Y quién los tiene, a ver, dime quién los tiene..?
  • Xoseíño do Pirelli  !!!


A calumnia é unha práctica frecuente en todas as ordes da vida, no ámbito social e profesional, no laboral e, por suposto, tamén na vida política, tal como vimos comprobando nos últimos tempos coa mestura de allos con bugallos. Unha mala semente que, como os cardos, só medra en lugares estériles e nunca prende en terreos fértiles. 



martes, 12 de mayo de 2015

O ACARREXO



                                                                   Luis Seoane


Lembro que foi en Pesadoira, unha das localidades máis afastadas da capitalidade municipal, na zona alta, rodeada de carballeiras e verdes pradarías que facilitan que a xente viva da cría do gando e de algún pequeno comercio: dúas panaderías e unha ferraxaría. Nas eleccións xerais de 1993, diante da escola, onde estaba ubicada a mesa electoral, parouse un Seat 1500 do que baixaron tres señoras maiores, vestidas de negro e cun pano da mesma cor na cabeza. Unha delas, a do bastón na man esquerda, curvada polos anos ou polo duro traballo no campo, achegóusenos:

-Bos días nos dea Deus! E logo... seica andan percorrendo as mesas das votacións... 

-Bos días! Si señora, por se hai algunha incidencia, pero todo está normal. 

-Pois eu veño votar. Tróuxonos ese e tamén deunos o sobre coa papeleta; pero vouno foder, que a boa lévoa na teta!

Quedamos mirando como, apoiada no seu bastón, se achegaba á mesa de votación. Diante da urna abriu a carteira para sacar o DNI e, mentres esmagaba o sobre que levaba na man entre os dedos de muller traballadora, sacaba outro do escote que lle entregou ao Presidente.

Dando media volta, moi devagar, foise achegando á porta do coche que lle abría o condutor e, antes de sentarse, volveuse cara a nós e chiscounos un ollo.








viernes, 24 de abril de 2015

AS FLORES E OS LIBROS








Existe un lugar no mundo onde celebran a súa festa agasallando rosas e libros e tamén gustan de bailar nas prazas collidos da man. Son xente cunha gran autoestima, polo que son percibidos por algúns como familiares incómodos dentro da gran comunidade.

Non ten nada de particular, nas mellores familias hai xente diversa, con distintas afeccións, ideas e personalidades. Ás veces, cando un se sinte adulto e económicamente sobrado, pretende facer a súa propia casa, agás que se sinta a gusto, cómodo e respetado polos máis. Un día escoitei a un membro da miña, falando para si diante da tele e mentres visualizaba un programa sobre os máis novos que marchaban da casa paterna: pois sonche ben imbéciles, co a gusto que se está na casiña ! Por iso temos que facer que todos nos sintamos ben, entendendo e respetando as particularidades dos que son diferentes.

Imprenta de Gutenberg
Cando as comunidades se constitúen á machada, quero decir pola forza, e se descoñece a historia de cada quen, xorden as incomprensións e os recelos mútuos que tardan séculos en superarse. Conversando cun amigo catalán, cóntame como na súa terra a historia dos libros ten máis de seiscentos anos porque cando se inventou a imprenta xa empezaron a desprazarse polos pobos e cidades con elas en carros, imprimindo folletos e libriños. Hoxe, unha das súas editoriais é o grupo de comunicación máis grande de España, con xornais, revistas e cadeas de televisión propias. O profesor da Universidade de Vic, Manuel Llanas i Pont, doctor en filoloxía, leva recollido en sete volumes toda a historia do libro en Cataluña.

De mozo, non conseguía entender como os andaluces celebran as súas festas engaiolados en distintas casetas para bailar, cantar e beber, cando en Galicia o campo da festa ten que ser grande e aberto, para xuntar canta máis xente mellor e o xantar familiar un elemento imprescindible en cada celebración. A Historia explica o por qué de cada cousa. Decíalle aos meus alumnos, cando convivía con eles nas aulas, que é algo semellante ao historial que utilizan os médicos na súa consulta, sen el non poderían saber con exactitude cal é o noso estado de saúde e diagnosticar a orixe dos nosos males con fiabilidade.

Hoxe a multiculturalidade témola nas casas, nas rúas e nas redes sociais, xa se fai comicidade no cinema sobre a intransixencia na convivencia entre persoas de distintas comunidades, sexan vascos ou andaluces ou de países e culturas tan diversas como a chinesa, a xudea ou a de calquera pais africano.

Atrás queda a rivalidade infantil entre os da parte de arriba e de abaixo do meu pobo, cos correspondentes equipos de fútbol e as batallas semanais a pedradas ou espadazos. Tamén aquelas historias de   desfacer foliadas a bastonazos,cando os mozos doutras parroquias viñan sacar a bailar ás mozas da propia. Pero queda moito por facer, a miúdo son outro tipo de intereses os que se mesturan para envelenar a convivencia.






domingo, 12 de abril de 2015

CANDO O TENIS É PARA TODOS






O Club de Tenis Negreira acaba de cumprir 25 anos de vida deportiva, aniversario que celebraron con diversas actividades nos últimos meses: o recoñecemento a súa labor na Gala do Deporte do Concello, unha exposición na Casa da Cultura que recolle a historia do Clube dende a súa fundación e, onte, un agradable xantar na Área Recreativa de Cobas invitando aos rexidores municipais durante ese tempo.

Hai trinta anos, cando o Concello solicitaba unha axuda institucional para construír unha cancha de tenis, esa solicitude era recibida case como unha frivolidade e, se era para dúas, a resposta no tardaba: Este home está un pouco pasado! O tenis era considerado un deporte de élite para ver na televisión ou practicado en determinados círculos urbanos. Na actualidade funcionan tres canchas a pleno rendimento e estase construíndo unha de pádel.

É un agasallo para a nosa comunidade que un grupo de afeccionados constituisen un clube, se responsabilizaran de organizar competicións, de preparar aos máis novos e de xestionar a entidade dun xeito exemplar durante 25 anos, paseando os seus triunfos polas cidades e pobos máis importantes de Galicia. O Club de Tenis, falabamos no xantar, fomenta uns valores imprescindibles na nosa sociedade que non deben quedar escurecidos polos éxitos deportivos: a cultura do esforzo, o respeto ao cumprimento dunhas normas e regras, o aprendizaxe de saber gañar e perder, tan importante na vida, e o respeto aos rivais. É tamén unha sociedade educativa.

A festa de onte foi unha agradable xornada na que se palpou o extraordinario ambiente que se vive no clube e a importancia que teñen para as entidades as persoas que as dirixen. O Alcalde e exalcaldes fomos agasallados cun fermoso recordo e, pola miña parte, o agradecemento é dobre pois cando se leva vinte anos alonxado da responsabilidade municipal, este tipo de recoñecementos non adoitan ser  habituais. É a eles a quen lle temos que agradecer ese labor que están a facer.

O Club de Tenis Negreira merece, como pouco, a continuidade da súa andaina durante 25 anos máis e con moitos éxitos. O tenis no noso pobo xa é un deporte popular e o mérito é deles.

Parabéns e agradecemento polo voso traballo e bo facer!



Canchas de Tenis de Pedra Mámoa








domingo, 29 de marzo de 2015

VIENTOS DEL PUEBLO



Los poetas somos viento del pueblo; nacemos para pasar soplando a través de sus poros y conducir sus ojos y sus sentimientos hacia las cumbres más hermosas .
(Miguel Hernández)





Un 28 de marzo moría en la cárcel de Alicante el poeta Miguel Hernández. Hace algo más de  cuarenta que se ha editado el LP  con sus poemas más populares envueltos  en las hermosas melodías de Joan Manuel Serrat. Se  escuchaba en los lugares públicos, en las emisoras de radio y en las reuniones de amigos siendo en poco tiempo un éxito de ventas. En la actualidad está editado en formato digital. Así se popularizaron  sus poemas, como la tabla de multiplicar, que decían que con música se grababa para siempre.

Por eso aún se cantan en lugar  de recitarlos: El niño yuntero: Carne de yugo ha nacido/ más humillado que bello..., Canción para la libertad, Vientos del pueblo o El romancillo de mayo. Miguel Hernández, pastor de cabras, se hizo poeta en contacto con la Naturaleza.

Lo más importante de un poeta es su obra, pero su vida fue un compromiso con los suyos, por eso lo dejaron morir de tuberculosis, en la cárcel, a las 5,30 de la mañana del 28 de marzo de 1942,con 31 años. Dicen que no pudieron cerrarle los ojos y a eso Vicente Aleixandre le dedicó un poema.

Miguel Hernández había recibido una carta de su mujer, Josefina Manresa, en la que le contaba que no tenía para comer más que pan y cebollas y le dedicó a su bebé el poema Las nanas de la cebolla :
En la cuna del hambre
mi niño estaba,
con sangre de cebolla
se amamantaba..
…...
Vuela niño en la doble
luna del pecho;
él triste de cebolla,
tú satisfecho.
No te derrumbes.
No sepas lo que pasa
ni lo que ocurre.

Aunque comenzó siendo un poeta costumbrista, pasó a ser un poeta social, comprometido con la defensa de los más débiles, porque a pesar de haber estado en contacto con figuras importantes del mundo de las Letras nunca olvidó sus orígenes y siempre se consideró un hombre del pueblo. Es una de las figuras más relevantes de las Literatura  Española.














jueves, 12 de marzo de 2015

O GRILO





                                                                     (Foto López Tuñas)




Temos a vantaxe de vivir nun medio natural rico en especies vexetais e animais que é propicio para entrar con bo pé no mundo do coñecemento científico porque para a súa adquisición é fundamental partir do concreto para chegar ao abstracto. O mundo que nos rodea é o primeiro contacto coa realidade que debe ser aproveitado polos máis pequenos para comezar a coñecer o medio no que viven e pasar logo a outros niveis de coñecemento.
 Dende hai uns anos Coñecemento do Medio é unha materia escolar, asignatura  reemprazada así sen máis polas Ciencias Naturais, pasando os rapaces e rapazas a memorizar esquemas e clasificacións que nos retornan a sistemas propios doutras épocas, deixando á marxe o desenvolvemento de capacidades como a observación, a reflexión ou a valoración medioambiental. Non se pode respetar aquelo que se descoñece.
É a consecuencia de marxinar no mundo educativo ás Ciencias da Educación: A Pedagoxía, A Psicoloxía Infantil, a Didáctica ou a Metodoloxía; convertir o proceso de formación das persoas nun conxunto de xenialidades.

Estes días aproveitamos o bo tempo para camiñar de vagar polo campo. Aprender a ver e a observar. O primeiriño, un pequeno burato na herba que lles chamou a atención aos nenos.

-E logo, ese buratiño?
-Pois é un burato, moi ben feito....seguro que o fixo un bicho.
-Collede un xunco e metédeo dentro, logo dádelle voltas a ver o que sae....

-E se sae algo que nos pica?

xa sae....!!!!
-No teñades medo, probade e veredes...

Nuns segundos de movemento apareceu o animaliño todo espelido pola porta do seu tobo, con movementos nerviosos, ante os que ousábamos violentar o seu repouso.

-Un grilo! E podemos collelo coa man?
-Pois si...

Todo se volveu mirar e remiralo xirando a man para que non fuxira. E veña a preguntar por outros insectos, e porque se lles di ortópteros, e por que cantan para atraer ás femias, e logo este si é máis escuro será unha femia...; e de que se alimentan, e son bos ou malos....

-E como aprendeches a sacalos do seu tobo?
-Porque o facíamos de nenos.

-E si lle das e lle das e non sae para fóra?
-O máis practico era mexarlle no burato e saía correndo, pero mellor levar unha botelliña cun pouco de auga; case nunca se precisa porque non se resisten ao rozamento do xunco ou a palliña.O mesmo que che pasa a ti cando non das saído da cama e mamá faiche cóxegas.

-Pois mira que son argalleiros, ás veces pola noite,cando fai bo tempo, parece que temos unha orquestra arredor da casa!





sábado, 7 de febrero de 2015

COS VOSOS CARTOS





Cruceiro de S. Cibrán-A Baña



Irmáns, irmáns da Baña,
que nas terras lonxanas da Arxentina
tendes o pensamento día e noite
cravado eiquí en Galicia,
permitide que a miña probe pruma 
contar asenlle neste ledo día 
vosa obra benzoada encol de tantas 
e tantas regalías.
Deixade que a estas xentes que me escoitan,
a todas as familias 
que acodiron a honrar a vosa festa,
de Xallas e da Mahía,
das terras milagreiras de Barcala,
da cibdá do Apóstol bendecida....,
lles diga eiquí do voso esforzo inxente
si é que o iñorase alguén, ou con malicia
non quixera, coitado, confesalo
e rendervos a xusta preitesía
que por canto fixestes e faguedes
merescedes da terra ben querida.

Cos vosos cartos pol-os campos celtas
érguense moitas casas a porfía:
son Escolas e nelas os meniños
 axéitanse pra loita pola vida;
cos vosos cartos ten Galicia fontes;
cos vosos cartos ten a terra ermidas;
cos vosos cartos vai a lus os pobos,
e hai cimiterios como os que hai nas vilas.


Irmáns, irmáns de Baña,
que nas terras lexanas da Arxentina
tendes o pensamento día e noite
decote eiquí en Galicia,
alá vai miña homilde gratitude
e con ela a das ialmas ben nacidas...
Que nosa santa Nai do Bon Suceso
protexa as vosas vidas!

                                                                                 A Baña, setembro do 1950




José Fernández da Ponte
                                                                        MESTRE


José Fernández Ponte, natural de Tabeirós ( A Estrada), foi mestre na Baña onde casou con Asunción García Amigo. Durante a súa vida ademáis de escritor desenvolveu unha gran actividade cultural e social; foi nomeado "socio de honor" pola Sociedad Hijos del Ayuntamiento de la Estrada en Cuba e foi presidente da Asociación de Maestros.
Exerceu tamén  a docencia en Noia, foille concedida a Cruz de Alfonso X el Sabio, entregada o 13 de xullo de 1964 e  adicáronlle unha rúa nesa vila.