Esta fotografía non
deixa de ser unha instantánea de un proceso no que varios elementos
químicos se fusionan para formar un todo con propiedades distintas
aos compoñentes esenciais. Só pretendía reflectir o momento no
que dous xogadores do Barça recollían a Copa de España das mans do
Xefe do Estado D. Felipe. O realizador da televisión, atento ao seu
traballo, decidiu nese intre mudar a imaxe e saiu o que se ve.
Sentiame ledo porque o
Barcelona volvera gañar outro título en poucos días e deixou claro que o futbol, como calquera outra actividade, pode
elevarse á categoría de arte cando o bo facer e a ilusión
acompañan á xenialidade. Dende aqueles anos en que con Pepe
Oreiro, Rodríguez de Aro, Elías Ruso e catro máis pelexabámonos por facer un
Barça local para enfrontarnos na Praza do Cotón a unha selección
de outros rapaces seguidores de Di Stéfano, que impoñían
case sempre os seus goles á minoría de disidentes deportivos
discípulos de Kubala, foi o equipo co que máis simpaticei.
Pero volvendo ao conto da
foto, si se mira con atención, podemos ver á esquerda o ánodo e o
cátodo desta electrólise: o Ministro Grrrr..!! coa ollada
perdida na Torre España, o aplauso recollido e quen sabe que agochado no fondo dos seus miolos ao lado do
Presidente Máis!! cun sorriso de "agora fódeste" e aplaudindo
aos seus, mentres o Xefe do Estado mostra un semblante complacente
pensando seguramente en como os vascos e cataláns pelexaban pola Copa de España,
desempeñando o papel de árbitro que lle corresponde na contenda política.
Destacando o capitán
Iniesta, erguendo o trofeo coa expresión característica de home
prudente e xogador exemplar, prototipo da profesionalidade e respeto
para con todos.
Ao fondo, como a
disolución que contén todos estes elementos, os xiareiros, uns
ledos e outros tristes según lles foi. Os demáis, detrás do
plasma, disfrutando do espectáculo deportivo cada un coas filias e
fobias que as paixóns deportivas deparan ás veces, porque o futbol é un deporte para gozar, sobre todo cando son os melloriños os
que nos agasallan coas súas habilidades.
Déixovola para que cada quen, coa súa particular ollada, extraia e descubra outras lecturas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario