Circulaba devagar
buscando un lugar onde poder deixar o coche, logo de parar ollei
o retrovisor da esquerda antes de abrir a porta e vin un barco. Non é
frecuente que nos espellos dos vehículos aparezan estas imaxes, o
normal é que se reflictan outros coches que nos pretenden adiantar
pola esquerda e ás veces pola dereita; son un dos elementos
imprescindibles para a seguridade dos condutores
porque poden evitar accidentes indesexados.
Cando lin o nome,
sorprendeume que se tratara do Cornide de Saavedra e recordei
que era o primeiro buque do Instituto Español de Oceanografía, ata hai pouco unha peza importante para a invertigación mariña e pesqueira.
Os retrovisores teñen
unha función moi parecida á memoria das persoas, porque tamén nos
permite botar unha ollada atrás, lembrar as vivencias pasadas e
poñernos en garda ante calquera perigo que nos poida ameazar. Estes
días, coa campaña política das eleccións municipais, volveu utilizarse a acusación infundada contra un dos candidatos, de xeito malicioso e coa finalidade de causar dano a un home
honesto e moi prudente.
Por iso, veume á memoria
unha anécdota que vivin de pequeno. Daquela había unha época do
ano na que era unha obriga facer a confesión dos pecados no
precepto da Semana Santa. Estabamos na porta da Capela do Cotón un
grupo de rapaces de distintas idades. O Sr cura achegóusenos,
dentro da súa sotana negra e coa capa que sempre levaba nos
ombreiros, e interpelou ao máis calado de todos:
- Juliño, Juliño, vienes a confesarte, Juliño..
- Non señor.
- Pero Juliño, no me digas eso, tenemos todos la obligación de confesarnos...
- É que non teño pecados...!
- Así me gusta, Juliño, que no tengas pecados..
- Pero sei quen os ten, D. Restituto...!
- Y quién los tiene, a ver, dime quién los tiene..?
- Xoseíño do Pirelli !!!
A calumnia é unha
práctica frecuente en todas as ordes da vida, no ámbito social e
profesional, no laboral e, por suposto, tamén na vida política,
tal como vimos comprobando nos últimos tempos
coa mestura de allos con bugallos. Unha mala semente que, como os cardos, só medra en lugares estériles e nunca prende en terreos fértiles.
No hay comentarios:
Publicar un comentario