A imaxe do xardín é
sempre impecable, está tratado con mimo, co coidado que debe darse
ás cousas que se valoran e se aprecian, as que precisan dunha
atención contínua para ir sacando as flores secas e coidar aos
novos brotes, os que amosan entre os gamallos. Logo está o rego
diario, porque no verán é cando as prantas máis precisan de
coidados.
Hai uns anos, a súa dona
tamén puxo polo exterior unha ringleira de roseiras, pero cando
renovaron as baldosas das beirarrúas, alguén mandou sacalas
privándonos do agasallo que nos ofrecía o seu coidado de cada
xornada.
Estes días, unha delas
decidiu sair polo medio do peche a ollar o exterior. Como pode ser a
percepción do mundo que ten unha rosa acostumada a sementar
arrecendo e cor como agasallo dos nosos sentidos? Saiu polo medio das
rellas e como recordo, sorrinte, fíxose un selfie.
Así tamén os
pensamentos e as ideas, meu amigo, non se poden engaiolar, tampouco
ás verbas, porque son a expresión da característica fundamental do
ser humano; as rellas non son só un elemento de seguridade, tamén
un impedimento e unha barreira que limita a liberdade das
persoas aínda que se presente en forma de Lei.
Despois de tanto
predicar a desregularización do que convén, cada xornada recibimos
unha nova da regulación do expolio de dereitos humanos e sociais,
que tantos anos de loita e conquista conlevaron.
Onte no Congreso dos
Deputados en Madrid, como protesta polas nova Lei de Seguridade que
hoxe entra en vigor, membros de Greenpeace subíronse a unha grúa
cunha pancarta que decía La
protesta es un derecho. Tamén, como a rosa, retratáronse.
Decía Alfonso
Rodríguez Castelao: Cando non nos deixan falar é porque
alguén se está beneficiando.
No hay comentarios:
Publicar un comentario