Vilanova de Cerveira
está aí mesmiño, na raia de Portugal, ben protexida polo baixo
Miño que amaina no Océano entre praias e áreas naturais das dúas
beiras. Un espello no que mirarse porque é un exemplo de
convivencia do antigo e o moderno; á sombra dos seus magnolios,
unha conxunción que se estende dende a Escola de Arquitectura e
Deseño "Gallaecia" ata o histórico edificio que acolle á exemplar Biblioteca
Municipal.
Como cada ano celebra a
Bienal de Arte Moderno e xa vai na XIV edición. Unha exposición que
baixo o lema “Ollando o pasado para construír o futuro “
espállase por diversos lugares da Vila e polas veciñas localidades
de Caminha, Paredes de Coura e a galega de Tomiño. Unha
identificación dos saberes e tradicións da rexión, para presentar
solucións de identificación contemporánea conducentes a unha
aposta polo diálogo dos artistas creadores coa historia e o
coñecemento dos medios onde se inscriben xeográficamente”
Porque saben que a
utilidade da Historia é poder analizar e entender a realidade na que
vivimos, axudar a darlle unha correcta solución aos problemas e
buscar alternativas para un desenvolvemento social equilibrado.
Este fermoso núcleo
poboacional, capital dun concello de algo maís de 8.000 habitantes,
debera ser visita obrigada desde esta beira do Miño, para
arquitectos e urbanistas, xornalistas, políticos, cidadáns
(especuladores, non) ou turistas que pretendan atopar un lugar de
estancia pracenteira. Dende a fundación desta vila nova, en 1321,
soubo evolucionar ata se converter nun foco que irradia modernidade
na súa contorna, dende o profundo respeto ao seu pasado que lle serve para proxectar o futuro.
(Fotos López Tuñas)
No hay comentarios:
Publicar un comentario