Procesión de S. Mauro-Negreira 1910 |
A vida económica e
social do noso pobo estivo durante séculos vencellada ao Pazo do
Cotón, que deu nome ao núcleo de poboación que
xurdeu na súa contorna, con construccións adicadas a comercios e tabernas que atendían aos
labregos que dende toda a comarca de Barcala acudían ás feiras de
gando e productos agrícolas o primeiro e terceiro domingo de cada
mes e os días 25 de maio e 1 de novembro.
O incremento das rendas
percibidas polos donos do pazo, durante a segunda metade do século
XVIII, como consecuencia do excedente agrícola que se produciu en
Galicia, deu lugar a un importante cambio da súa fisonomía, dotándoo de ese
aspecto de fortaleza militar que hoxe ten así como da fermosa capela comunicada mediante o Salón dos Arcos, que se estende sobre o que era antigo camiño real que conducía aos
viaxeiros ás terras de Fisterra.
Cando entredes pola porta
grande da Capela fixádevos no seu lintel e veredes que está
consagrada á Virxe do Carme e a San Mauro (Amaro) e as imaxes
forman parte do fermoso retablo; por eso as dúas primeiras rúas que
se abriron na Vila, para dar acubillo aos comercios e
vivendas dos primeiros indianos que a finais do século XIX e comezos
do XX retornaban de Cuba, levan aínda hoxe o nome de Carreira de San
Mauro e Rúa do Carme.
As festas na honra de San Mauro, acadaron sona en toda
Galicia e, grazas aos fotógrafos da localidade Alguero Penedo e José
Rubira, quedounos constancia da fastuosidade con que se celebraban
os festexos adicados ao santo abade, discípulo de San Bieito,
organizados pola cofradía que tiña a súa sé na vivenda que hoxe
ocupa unha farmacia na rúa que leva o seu nome.
Carreira de San Mauro-1990 |
A LENDA
O ilustre escritor e un
dos fundadores da Real Academia Galega, Uxío Carré Aldao,
publicaba o 4 de xuño de 1922 unha páxina no xornal El Ideal
Gallego co título LAS FIESTAS DE SAN MAURO EN NEGREIRA,
reflectindo tamén unha parte da Historia da terra de Barcala, que
formou parte da desaparecida provincia de Santiago, e que estaba
formada por 20 parroquias con 796 veciños dependentes do
Conde de Altamira.
Logo de loubar a
importancia dos festexos adicados a San Mauro (Amaro) explica o
escritor que a súa lenda é unha das marabillosas narracións que a
través da Idade Media procede das ficcións célticas
cristianizadas. A maís popularizada é a de “O monxe e o paxariño”
que a través das Cantigas de Afonso X "O Sabio" - a 103- relata “
Como Santa María fai estar ao monxe 300 anos escoitando o canto dos
paxariños porque lle pedía que lle mostrase o ben que se atopaban
os que estaban no Paraiso, coa vida eterna sen límites nin
conciencia do tempo o que non pode suceder cos goces humanos aquí na
terra”.
Amaro (Mauro de Anjou),
varon de familia noble, repartiu as súas riquezas en favor dos máis
pobres, fundando hospitais, asilos e conventos, partindo nunha nave
na busca do lugar onde se atopaba o Paraíso. Chegando a un porto
seguro e solitario onde unha voz interior díxolle que aquel fermoso
lugar era o tan esperado; encargou á tripulación que agardase a súa
volta, e acompañado do seu báculo sen provisión algunha partiu
coa confianza de que Aquel que provee de alimento aos paxariños non
deixaría sen sustento a tan devoto servo.
Despois de moito camiñar
e tras moitas dificultades o peregrino chegou a uns cumios que
parecían perderse nas nubes, cunha fermosa planicie na que se erguía
un muro cunha gran porta de ouro e pedras preciosas que facían que
os raios do sol se descompusesen en milleiros de cores.
Chamando co báculo e co
máis santo respeto, tras unha mirilla que parecía de delicado
encaixe apareceu o rostro dun venerable ancián, que con aspecto
severo e non desprovisto de dozura, preguntou a Amaro quen era o
atrevido mortal que ousaba chamar a aquela porta turbando a paz e o
silenzo de tan santa mansión.
Díxolle o seu nome e o
fin que o guiara, pedindo humildemente autorización para entrar,
aínda que fora por un instante, naquel lugar do Paraíso; replicoulle
o ancián que era nada menos que o patriarca Enoch, que eso era
imposible, pois ningún ser en carne mortal poderían entrar ao lugar
onde moraban os xustos e benaventurados, que desandara o camiño, pois
xa era dabondo con ter visto o que xamais ollos humanos contemplaran.
Foron tantos os rogos e a
clemencia do piadoso Amaro que movido de piedade o patriarca
outorgoulle o don pedido pero aínda non ben aplicada á vista á
"mirilla" ordeoulle que se alonxara, argumentando que xa estivera mirando bastante
tempo. A marabilla da groria foi para el unha visión rápida e
dirixiuse de novo en busca da nave, atopando no seu lugar un porto
con moitas embarcacións, unha grande e populosa cidade cunha igrexa
no medio dos caseríos e unha considerable multitude que se dirixía
por mar e terra ata a urbe.
Mesturouse coa xente e ao
preguntar a quen estaba adicada tan fermosa igrexa, repostáronlle
que igual que a cidade a San Amaro, un santo peregrino que facía 300
anos chegara a ese porto, internándose polo interior do país e
do que nunca xamais volveu a terse noticias. A tripulación, cumprindo
as súas ordes, seguiu agardando e ela foi a que puso os cimentos da
cidade, adicándolle unha igrexa na honra do santo que según se
demostrou ao longo dos anos fixo moitos e importantes miragres. Por iso, cada ano, celébranse na mesma grades festas e regocixos
tributándolle ao santo varón testemuñas da súa gratitude con
solemnidades relixiosas.
Así, relata Carré
Aldao, Amaro comprendeu a grandeza do poder e sabiduría de Deus,
que lla amosou no que el pensara era un so instante.
As lendas de ”O monxe
e o paxariño” e a de “Amaro o pelegrín” que son coñecidas
deste xeito en Galicia, teñen analoxía con outras semellantes de
autores clásicos como Homero e Heredoto ou coa que conta Plutarco,
na vida de Sertorio (151-72 a.C.).
Es o diaño, Manoliño. Fermoso e cultural articulo.
ResponderEliminarAgora si permítesme a boutade, xa entendo de onde vén o do ¨pajarito de Maduro¨, veñen das Cantigas de Afonso X ou Sabio, co seu ¨ao monxe 300 anos escoitando ou canto dous paxariños [SIC]¨.
Do bo de S. Mauro, recordo que no día do seu festividad colocábano , sobor un altar, á man esquerda entre as naves central e lateral da capela do Cotón. Vénme á memoria a fastuosa capa de veludo negro, ribeteada con cordón dourado. Estaba tan estratégicamente situada,que no meu ensimismamiento infantil, cría - aseguraba, máis ben- que me sorría e mirábame. Doce e afastada infancia,Manoliño.