Souto na Chancela |
Cando se pasa polo medio
dun souto, nunha tarde de verán, percébese o que podería ter sido
Galicia de desenvolver os seus propios recursos e conservar as súas
esencias. Os bosques de castiñeiros son unha regalía que no pasado
serviron de sustento a moitas economías familiares.
Esta fermosa árbore
estendeuse pola nosa xeografía hai 2.200 anos e foi durante a Idade
Media a base da alimentación, sobre todo cando os mosteiros
ocuparon o rural, pois coa fariña da castaña facíase o alimento
básico. A súa madeira pasou a ser a inquilina de pazos e vivendas
nos elaborados mobles que lucían as casas vinculeiras.
De conservarse as
especies naturais a economía sostible sería unha realidade e o goce
da Natureza un agasallo para os sentidos. Agora queda só a
tranquilidade dalgúns espazos vexetais que os seus donos manteñen
coma unha reliquia do pasado e un tesouro para o futuro.
Coa chegada do outono os
ourizos ceibarán o seu agarimoso froito para tomalo cru, asado,
cocido ou como se queira. Os máis larpeiros tamén o poderán
degustar como marrón glacé, segundo a receita que nos
deixou o que foi alcalde de A Coruña, xurista, escritor e gastrónomo
Manuel María Puga y Parga “Picadillo” no seu libro La
Cocina Práctica:
“Límpase a primeira
capa das castañas que se queiran preparar, collendo as máis grandes
posibles. Póñense ao lume en auga fría, debendo retiralas cando
solten con facilidade a segunda monda. Quítaselle esta con coidadiño
para que non rompa, cocéndoas logo en almibar a punto subido,
durante dous ou tres minutos. Escórrense e enfríanse, repetindo a
operación as veces que sexan precisas ata que as castañas estean
brandas. Fanse enfriar ao aire ata que sequen e se envolvan en papel
de estaño”.
Namentras, velaquí a
foto deste fermoso souto, a ver se proliferan.
No hay comentarios:
Publicar un comentario