jueves, 23 de abril de 2020

O MATAPAXAROS


Había días que un fermoso paporroibo entraba e saía dunha maceta de xeranios na porta da casa, pouco a pouco foi carrexando musgo para facer o seu niño. Colocadiño entre as ramas e flores arranxou o seu fogar. Co paso dos días empezou a posta, seis oviños con motas foi toda a súa fachenda. Entraba e saia cada día a cazar a ración de insectos para seguir quentando os oviños que traerían as súas crias. A cousa estaba segura porque coa reclusión que estamos a sufrir, ninguén, de seguro, o ía molestar e a súa crianza estaba asegurada.
Polo mediodía cando abrín a porta, alí diante, esmagado no chan estaba morto o fermoso paporroibo ao lado dunha flor de xeranio. Sentín lástima ao collelo, vin a pranta esgazada e os oviños que aínda seguían no niño. Seis paxariños menos que non nos alegrarán a primavera cos seus cánticos nin limparán de insectos as nosas rúas.
A veciña do edificio que está ao lado da casa, miraba seria no balcón e berroume: ¡Ben o vin, ía pola acera e quedou mirando como o paxariño entraba na maceta; ó ver que non saía achegouse amodo, arrincouno do niño e esmagouno no chan! ¡Éche a mesma besta que a finais de ano guindou as macetas que tiñas na fiestra! Estes días parece que andan adoecidos..!
Alí queda o niño, agardando por algún cuco que se digne incubar a posta do pobre paxaro.


Como ben dixo Nelson Mandela: El rencor es como tomar veneno y esperar que mate a tus enemigos.




viernes, 3 de abril de 2020

OUTROS VIRUS - 1918


 


Sr Gobernador Civil: Participo a VS que la mortalidad efecto de la gripe en estos días del mes de noviembre aumentó de manera considerable puesto que desde el día 1º al día de hoy a las once de la mañana han ocurrido 18 defunciones, quedando entre los atacados varios casos graves…  


                                              Negreira, 6 de noviembre de 1918
                                                          EL ALCALDE
                                                Fdo. Leopoldo García Ferreiro


Esta imaxe que parece fermosa é  a estructura do virus desa impertinente que polos invernos  nos visita nos intres máis inoportunos, casi cunha ducia de síntomas. Pero para entender o presente que mellor que  botar unha ollada ó pasado, a unha das peores epidemias que se recordan. 

       Trátabase da chamada Gripe Española que coincidindo coa I Guerra Mundial afectou a todos os países do mundo. Comezou en Francia pasando logo á Península. Denominouse así porque ó non ser España un país contendente, a información estaba libre de censura. Os seus efectos foron moi devastadores.


        E seguía comunicando o señor alcalde de Negreira moi preocupado:

       "Como decía en mi telegrama de ayer, la epidemia va invadiendo todo el término municipal, se halla enfermo también el Subelegado de Sanidad D. Germán Caamaño y los médicos D.Pedro Rodríguez y D.Victoriano Fabeiro. Se hallan disponibles sólo dos. Los tres médicos del Ayuntamiento de Brión se hallan también enfermos y uno de los dos que hay en Ames y otro de los dos de La Baña, resultando por esta razón que los que se encuentran aún buenos no pueden asistir a todos los enfermos, por lo que es necesario que venga algún médico de afuera para atender a los de aquí".

       Foi unha das maiores pandemias da historia da Humanidade, uns 25 millóns de víctimas na primeira semana.

       "En el día de ayer empezó a prestar servicios en este pueblo D. Victor García Ferreiro, catedrático de la Facultad de Medicina de Santiago,visitando 108 enfermos, con un celo y una actividad que ha causado el pláceme más grato del pueblo y de la Corporación Municipal. La epidemia alcanza en algunos lugares donde se ha extendido el 80% de su población y las invasiones diarias oscilan de 35 a 50. Los médicos de esta capital se hallan ya prestando servicio desde el día 19".

       As cifras de victimas en España acadaron as 300.000, aínda que as oficiais se cifraron só en 147.114.

A situación actual do Sistema Sanitario en España  en nada se parece, afortunadamente, á de 1918 pero é importante que todos sigamos colaborando para impedir que a pandemia actual se propague acatando as  medidas que as Autoridades están a impoñer polo ben da comunidade. Porque non calquera tempo pasado foi mellor.








viernes, 27 de marzo de 2020

OS MAIORES






¡Case non hai castiñeiros!
Os que hai son de respeto:
¡velliños, orfos, tristeiros
e con furados de peto..!
                       Manuel María


A cousa que máis me gusta da Galicia interior e a súa vexetación autóctona, eses soutos centenarios acubillo de paxaros e ourizos que foron a base da alimentación dos labregos durante séculos. Por eso cando ollei para o vello castiñeiro que dende o seu tronco cheo de cicatrices reverdecía entre os máis novos tiven que sentarme nel e pararme a pensar nos milleiros de historias que se agocharían dentro da súa savia centenaria que transportaba vitalidade ás novas ponlas que cada ano reverdecían.

Escoita, dicíame, hai xa dous mil anos que o poeta Ovidio (1), ao final da súa vida, quixo agasallar a Germánico cunha obra literaria que cantara as festas e cirimonias do calendario romano. Seis libros en verso dedicados aos seis primeiros meses do ano. explicando a orixe e celebracións de cada un.

MAIO

Noutro tempo, era grande o respeto dispensado a unha cabeza con canas, e as arrugas dos vellos eran obxecto de consideración. Os xóvenes administraban a obra de Marte e as guerras animosas e mantíñanse nos seus postos de defensa dos deuses de cada un; a idade, disminuida nas súas forzas e inutil para soster unha arma, moitas veces, co seu consello, era de axuda para a patria.
A curia abriuse entón só para os de anos maduros e o apacible nome de Senado procedía da idade (senior). Os máis vellos daban leis ao pobo, e fixáronse límites de idade con leis determinadas para ser candidato a un cargo a partir deles.
O vello marchaba no medio dos novos, sin que estes o tomasen a mal e si só o acompañaba un, na parte de dentro (á dereita) .¿Quen se ía  atrever a dicir palabras ruborizantes na presenza dun maior?
A censura proporcionáballe unha prolongada vellez. Rómulo reparou nisto e chamou pais aos individuos que tiña seleccionado; a eles confioulles o goberno da cidade. Por elo, síntome tentado a pensar que os maiores deron o nome a maio, e deste xeito se guiaron pola súa idade. E Númitor pudo decir : Rómulo asigna este mes aos maiores.”

Por eso o Dereito Romano é a base da lexislación da nosa sociedade porque as leis foron concebidas e redactadas pola experiencia e a sabeduría que proporciona a madurez e o discurrir da vida.

Seguín camiñando polo medio do fermoso souto gozando da paz e a tranquilidade que transmitía, parándome de cando en vez e acariñando os vigorosos troncos que durante centos de anos foron conservados polos nosos paisanos.

O día que aprendamos a valorar o que vale unha árbore entenderemos que son un agasallo da terra para falar co ceo que os escoita.



(1) Publio Ovidio Nasón (43a.C.-17 d. C.) -Fastos.Maio 55-60-65-66.



viernes, 14 de febrero de 2020

A ORIXE DO ENTROIDO



Primavera-Giuseppe Arcinboldo

Cada ano, como preludio da chegada da Primavera, prodúcese en diferentes lugares do mundo unha eclosión popular que enche de colorido e ledicia as rúas dos pobos e cidades. Esta antiquísima celebración ten a súa orixe nas chamadas Festas de Ciclo Anual que nas primitivas comunidades agrarias conmemoraban os cambios estacionais que se experimentaban ao longo do ano.

A festa conserva en cada lugar as características propios da súa Historia, así en Venecia o luxo e boato propio dos burgueses renancentistas; en Brasil, a música, o erotismo e o colorido das comunidades de orixe afro e en Bolivia (Oruro) os elementos precolombinos e dos esclavos levados pola colonización.

As celebracións máis antigas  na honra da Nai Natureza e da Primavera atopámolas en Babilonia hai aproximadamente uns 4.000 anos e tamén en Exipto, en honor do Boi Apis, símbolo da virilidade que contiña o espíritu do señor da creación Ptaht. Posteriormente os ritos da chegada da estación das flores e o amor extendéronse por todo o Mediterráneo.

En todo o seu percorrido ao longo da Historia, o Carnaval foise impregnando das costumes e tradicións correspondentes a cada época e cultura. Así é clara a influencia de Grecia e Roma onde se vincula coa festa de Dionisio, deus do viño (Baco en Roma). Estas festas tumultuosas celebrábanse en Tebas no cumio do monte Citerón e na Tracia.

Bacanal-Massimo Stanzione

Según o poeta latino Ovidio tiñan lugar no mes de Marzo ( primeiro do primitivo calendario), o terceiro día despois das Idus, día 17, cando os campesinos ían a Roma para participar no festival que se lle adicaba a Baco (1). Chamábanse orgías ou Bacanales e as mulleres que participaban nelas bacantes ou ménades. Comenzaban cun desfile encabezado por unha carroza na que un mozo gordiño e xacarandeiro, con acios de uvas e unha copa, representaba ao deus, guiado por homes cubertos con pel de tigre e outros arredor, coas peles de macho cabrío, brincaban a modo de faunos e sátiros (Piliqueiros) .
A xente levaba a cara e o corpo pintado con sangue, viño ou zume de moras a modo de mascarada. O ancián que representaba a Sileno iba sentado nun burro ao final do cortexo, vestido de xeito grotesco para facer rir aos espectadores. Ese día tamén se depositaba nas imaxes do deus unha especie de filloas porque tamén el se alegraba coas cousas doces(2).
Nestas festas cun marcado carácter transguesor, bebíase viño ata perder a conciencia e as bacantes entregábanse a todo tipo de excesos.


Combate entre D.Carnal e Dna.Cuaresma.Fragmento. Pieter Brueghel o Vello 
Pero o compoñente máis destacable do noso Entroido procede da Idade Media que o impregnou dos seus elementos gastronómicos. Para a sociedade rural fortemente estruturada polo Cristianismo o tempo de carnestolendas ofrecía unhas características moi acusadas de raiz pagán e un tempo de permisividade que se opoñía ao rigor da Cuaresma, periodo de cuarenta días de penitencia, xaxún e vixilia ou prohibición de comer carne en determinados días, como moi ben recolle D. Juan Ruiz o Arcipreste de Hita en El libro del Buen Amor:

De mi doña Cuaresma, justicia de la mar,
alguacil de las almas que se habrán de salvar,
a ti, Carnal goloso, que nunca te has de hartar
el Ayuno en mi nombre, te va a desafiar.

É de agradecer  ao Carnaval as tradicións gastronómicas de Galicia que dende o medievo nos chegaron: as filloas, cociñadas sobre unha lousa de pedra ou unha plancha metálica candente ou o cocido de porco elaborado no caldo, plato tradicional dos labregos europeos durante a Idade Media e aínda despois, con distintas variedades de carnes que regados cun bo viño da Terra constitúen un elemento imprescindible desta festa.

Durante a pasada dictadura esta celebración (Fiestas de Primavera) quedou recluida nos bailes de disfraces dos casinos e organizacións de carácter privado, nas familias a festa gastronómica e na rúa nas mans dos rapaces que colgaban siluetas dun burro recortado en papel no lombo dos máis despistados e marcaban coa tiza sisada nos encerados das escolas o lombo dos compañeiros.
Ben me lembro dun domingo de Entroido diante do Cine Progreso de Negreira cando un numeroso grupo facía cola para ver unha película de Sara Montiel e uns rapazolos asexaban a unha moza cun fermoso abrigo bermello. Un dos máis espelidos  foise arrimando ata tizala de arriba abaixo. O paraguazo que lle caeu, entre as risas dos compañeiros, deixoulle o lombo quente para unha semana.


Peliqueiros de Laza

Coa chegada da democracia, de novo o estoupido popular, satírico e festivo do Entroido, sempre atento a modas e costumes, volveu a encher as rúas de barullo e ledicia co apoio das institucións municipais e escolares (garderías, colexios e institutos) que contribúen a espallar na conciencia popular a semente desta tradición milenaria.



                                      Comparsa Os de Gonte - Negreira 1984



  1. Ovidio-Fastos .715-735-780
  2. Mitología griega y romana . Juan Humbert.



sábado, 8 de febrero de 2020

AGARDANDO A PRIMAVERA



LIQUIDAMBAR


Cando se prantaron eran unhas árbores pequenas que só pretendían humanizar as novas rúas e prazas. Logo foron medrando ao compás das construcións e cada ano hai que sometelos a unha poda intensa para que, ó chegar a primavera, a súa copa teña un aspecto discreto.

O mes pasado, aproveitando que caeron as follas, desmochárono, para que en marzo saian de novo os brotes con forza e no verán teñamos unha árbore bizosa que logo no outono coas súas follas bermello-douradas sorprendan a todos os que paseamos polas rúas.

O liquidambar,vulgarmente coñecido co nome de ocozol é ,como indica o seu nome composto do vocablo latino liquid e o árabe ámbar, unha árbore que responde ás súas feridas botando unha resina chamada storax que dende os máis remotos tempos tivo aplicacións farmacéuticas. O historiador romano Gayo Plínio, na Historia Natural, destaca o seu uso como perfume e medicina e no século XII o farmacéutico e médico malagueño Ibn al-Baitar fala del como un importante remedio curandeiro; por iso é unha honra telo como veciño.

Agora, aínda que parece inerte, estendendo os seus brazos cara a noite, non dorme; malia non ter follas segue a respirar por uns pequenos poros ao longo do tronco, as lenticelas, e por dentro a súa actividade é frenética coa respiración, a fotosíntese e a producción de sustancias que van facer que na primavera rebenten os brotes e manifesten de novo o seu esplendor.

Así e todo pareceume fermoso e ao pasar pola súa beira, mentres agardamos que rebrote de novo, non resistín a tentación de tirarlle a foto, tan ergueito no medio da noite e desta humidade que nos envolve, como agasallo a todo aquelo que durante o ano nos ofrece.







jueves, 23 de enero de 2020

AQUELES MESTRES




Escola de Nenos Nº 2-NEGREIRA                 Curso 1935-36
                                                                                       (Foto Martín Fernández)


Os rapaces  saían da casa cada mañá co seu cabás, nel gardaban a pizarra, o caderno ou a Enciclopedia; levaban algúns unha pequena bursa amarrada ao cinto coas bolas para xogar en tanto o Mestre non abría a porta e ían entrando en silenzo para ocupar cada ún o seu lugar na aula. Pero ese día foi distinto pois D. Juan avisounos que debían ir coa roupa nova para facer un retrato todos xuntos, así os que quixeran poderían encargar unha copia para gardar como recordo. Por iso, tantos anos despois, dispoñemos deste documento gráfico que proporciona  información sobre as condicións de traballo dos mestres nas escolas da época.

En 1927 o indice de analfabetismo en Galicia era do 56,28 % e só estaba matriculada o 53% da poboación infantil (1); nen siquera se cumplía a Lei Moyano de 1857 que recollía a obligatoriedade de dúas escolas cada 500 habitantes.
 No Concello de Negreira en 1935 existían   17 escolas incluindo as que construíron os indianos e as novas do Primeiro Bienio da II República. Na Vila, con 520 habitantes segundo os datos do  INE, dúas escolas de nenos e unha de nenas que atendían tamén á poboación infantil das aldeas da veciña parroquia de Logrosa: A Número 1 de Nenos que rexentaba D. Antonio Queiruga Fernández, a de Nenas de Dna. Ramona Ferreiro Conde e a Nº 2 de Nenos de D. Juan Garrido Eirín.

O elevado número de alumnos e alumnas, igual que na maioría das escolas do municipio, levou ao emprego do Método de Enseñanza Mútua, de Joseph Láncaster, na que os máis aventaxados axudaban a grupos dos maís pequenos, sobre todo para o ensino da lectura: Letras, sílabas e palabras, coa práctica nas pizarras tanto de escritura como de cálculo ata que pasaban a ler no Catón. O Mestre que controlaba a estes grupos atendía tamén aos maiores que xa estudiaban na Enciclopedia Dalmau Carles de Grado Elemental, Medio e Superior, completando os seus coñecementos cos Compendios de Aritmética ou Geometría. Tamén cos distintos libros de Lectura .




Dado  que o alumnado superaba ampliamente a capacidade das aulas creouse un doble turno de catro horas cada un para poder atender á totalidade de nenos e nenas matriculados. Por eso a Inspección Educativa estableceu para estes casos os xoves como día non lectivo para que poideran descansar os mestres e dedicalo á preparación das clases.

A Biblioteca Escolar foi tamén un elemento complementario  sobre todo para o alumnado de máis idade. No Salón de Plenos do Concello de Negreira aínda se conserva o moble da de Nenos nº 1 que polo seu tamaño pódenos dar unha idea da importancia desta axuda  para o labor docente.

Destas escolas saían preparados para traballar na Agricultura, nos diferentes oficios e profesións e algúns para continuar os seus estudos nas clases de Bacharelato do Xefe de Correos e Telégrafos D. Luis Gippini e de D. Jesús Magariños. Uns poucos, das familias con máis recursos, continuaban cos estudios universitarios en Santiago de Compostela.


Escola de Nenos nº 2





(1) La Primera Enseñanza en España. Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes -Madrid 1927


viernes, 13 de diciembre de 2019

Poemas de Ardeiro....





                                                                                           (Foto López Tuñas)

O dibuxo da mañán
era de néboa
e albada.....

A longa estrada
perdida e vagando
aberta na distancia...
había coma un agoiro de frío e camiñar
sobor do duro frío da xiada.

Unha espiral de fume enluado
voaba maina
dende o lume primeiro do amencer
daquela casa...

Quedaban a fiarse
ós últimos tecidos neboeiros
da iauga,
por entre o recuncho dos arrós
de tantos niños
e tantas agardas...

Baixo o ar
ao lonxe o río era remanso
envolveito na brétema da calma.

O hórreo entre o silenzo,
unha estadea
no retrato en branco e negro da paisaxe....

Coma tantas mañáns,
todas igoales,
nada pasaba...

Pero aquela,
unha desas mañáns,

                       -inespricábel...?
deixoume no cerne da ialma,
no percorrer paseniño do tempo,
un morno soño tallado na lembranza.


JOSÉ MANUEL LÓPEZ “Ardeiro”
Sombras e outras presencias



jueves, 24 de octubre de 2019

A MEMORIA DA OLIVEIRA




Á noitiña, logo de aparcar o coche, entrei camiñando de vagar pola Porta da Pena cara o casco vello de Compostela. Pasando a Praza de Cervantes cara a de San Miguel dos Agros topeime cunha oliveira prantada no medio da rúa estreita. Sorprendeume ver esta árbore na cidade monumental pero de contado reparei no nome.

A Rúa de Xerusalén, unha das menos transitadas polos turistas, é a antiga Xudería de Santiago, a residencia desta pequena comunidade relixiosa moito menor, dende logo, que a doutras cidades galegas como Ribadavia, A Coruña ou Ourense. Situada perto do Mosteiro de San Martín Pinario, que foi un dos centros de poder relixioso da Cidade, e da Praza da Azabachería.

Durante a Idade Media os barrios xudeos, tanto nos territorios cristiáns como en Al Ándalus, vivían segregados do resto da poboación e nalgúns lugares separados por murallas e portas que se pechabn pola noite. No ano 1492, os Reis Católicos decretaron a súa expulsión de España.

Hoxe o silenzo e a tranquilidade impoñen o seu poder no ambiente desta pequena rúa de Compostela presidida pola vella oliveira en memoria dos seus antiguos moradores, polo que non puden vencer a tentación de sacar o móvil e tirarlle esta fotografía.




viernes, 18 de octubre de 2019

A CORUÑA EN PARÍS




                                     ( Foto López Tuñas)

O Arco de Trunfo da Estrela é un dos monumentos máis importantes de París, raro é o turista que visita a capital que non se fotografie diante ou suba ao mesmo para presenciar a fermosa vista dos Campos Elíseos. A maioría non repara nas inscricións que nel se recollen das principais batallas de Napoleón ou dos seus xenerais.Construído por Bonaparte o ano 1806 despois da Batalla de Austerlitz, nese monumento teñen lugar as máis importantes conmemoracións militares como as da finalización da Primeira e Segunda Guerra Mundial.

Quizais os coruñeses Victor Lantes e Angel Rodríguez Leira (de Cariño), cando no alto dos seus blindados encabezaron o desfile da Liberación de París cos seus compañeiros de La Nueve,entre as aclamacións dos parisinos, non repararon como dende o Arco o nome da cidade (La Corogne), xunto coas outras como Vigo (Vique) ou Burgos, brilaba de orgullo pola compañía de españoles que liberou a cidade da ocupación alemana.

A Batalla da Coruña, coñecida tamén como de Elviña, onde se enfrontaron máis de 30.000 soldados franceses e ingleses dun e doutro bando, foi un dos episodios bélicos da Guerra de Independencia contra as tropas francesas invasoras da coalición formada por España, Portugal e o Reino Unido. Tivo lugar o 16 de xaneiro de 1809.

                                            (1)
Varios son os monumentos que na cidade lembran a célebre batalla, como o de  Elviña,  a tumba do xeral inglés Sir Jhon Moore no Xardín de San Carlos ou o do militar  Diego del Barco no Parque da Maestranza.

                  (Foto: López Tuñas)


Diego del Barco naceu na Coruña no ano 1779 e participouen numerosas batallas da Guerra da Independencia acadando o grado de Brigadier de Artillería, morreu en Santoña (Cantabria) o 26 de febreiro de 1814 polas feridas causadas por unha granada, en Laredo repousan os seus restos.

Como en todas as guerras os cidadáns son sempre as víctimas reales destes conflictos, pero non todo foron calamidades.O 19 de marzo de 1812, entre os estoupidos dos canóns proclamouse na cidade de Cádiz a Constitución coñecida como "A Pepa" pola data da aprobación, na que se recollía entre outras medidas o recoñecemento da Soberanía na Nación e non no Rei, a separación de poderes e outras libertades, aínda que ao regreso de Fernando VII en 1814 aboliuna implantando de novo os señoríos feudales, o Tribunal da Inquisición e a persecución dos liberales defensores da mesma.

De novo foi implantada e abolida, como os pasos adiante e atrás que se dan na historia dos dereitos cidadáns de todos os paises.




  (1) -La Marcha de la Muerte. La retirada a La Coruña de Sir Jhon Moore,1808-1809 . Cristopher Summerville-Inédita Editorial.

       - RELATO DE LA CAMPAÑA DEL EJÉRCITO BRITÁNICO EN ESPAÑA al mando de Su Excelencia Sir Jhon Moore-1809 . James Carrick Moore-Diputación Provincial de A Coruña.




lunes, 15 de julio de 2019

COS OLLOS NOS NENOS



Colexio de Cobas-Negreira - 1922

A labor educativa levada a cabo polas escolas de indianos supuxo, ademáis da construcción de numerosos edificios espallados polas comarcas de Galicia, unha importante innovación pedagóxica, pois daquela o ensino limitábase, na maioría dos casos, ao aprendizaxe da lectura, escritura e das catro reglas aritméticas aínda que non sempre.

Estes documentos gráficos pertencen á familia de Jesús Seage Sixto, mestre coma os seus pais que tamén exerceron no Colexio de Piñeiro, costeado por Hijos de Cedeira en La Habana, e que amablemente me facilitou. As fotografías reflicten moi ben o tipo de educación que se introduciu na maioría das aulas creadas pola iniciativa dos nosos emigrantes e unha análise atenta das mesmas transmítenos a súa importancia documental.

O 20 de febreiro de 1908 o médico ciruxán e profesor da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela D. Victor García Ferreiro dirixíase nunha extensa carta a Romualdo Negreira e Juan Riveiro, Presidente e Secretario da Unión Barcalesa da Habana, para ademáis de felicitalos pola creación da Sociedade recomendarlle a modificación do artigo 27 do Regulamento, incluindo a necesidade de preparar ao alumnado para a vida, recollendo novas asignaturas e materias como a Xeografía, Historia, Xeometría, Dibuxo e Música, e por suposto de modernas técnicas agricolas e Comercio. “En fin, todo lo que se pueda precisar para que un hombre sea medianamente ilustrado”.(1)

Continúa o médico barcalés recomendando se adopte a metodoloxía empregada polo Catedrático de Dereito da Universidade de Granada e Canónigo D. Andrés Manjón nas súas escolas do Sacro Monte: “La enseñanza que se da en ellas es lo más extensa que podeis suponeros, pero por lo que hace a la que intenta instituirse en este Valle, es todo lo práctica que pueda apetecerse. Que el método de enseñanza que allí se sigue es el mejor, pruébalo el que hubiese llevado el primer premio en la Exposición de París de 1900”.
Conseguiréis con vuestro proyecto, regenerar el país. Nada como la instrucción da carácter a las personas, nada como la instrucción las hace conocer un derecho y una obligación, sólo la instrucción enseña a los hombres a ser hombre y no a ser parias como lo están siendo”.

No patio do Colexio

A colocación dos grupos de nenos no patio de recreo ante a atenta mirada do mestre, reflicte que nada se deixa á improvisación ou á xenialidade. Uns teñen nas súas mans o globo terráqueo, outros len para destacar a importancia do coñecemento na formación das persoas; os xogos, que todo debe facerse dun xeito ameno e atractivo e ata o respeto polos animais destaca na imaxe dos distintos grupos.

As fotografías en formato de tarxeta postal seguramente foron remitidas aos barcaleses da Habana para que poideran comprobar como as súas aportacións económicas estaban xa fructificando .




(1) Sociedad de Instrucción Unión Barcalesa -MEMORIA. Correspondiente a los años 1908.1909, 1910 y 1911. Imprenta de Cerdeira. Obrapía 36- HABANA.