Á noitiña, logo de
aparcar o coche, entrei camiñando de vagar pola Porta da Pena cara o
casco vello de Compostela. Pasando a Praza de Cervantes cara a de San
Miguel dos Agros topeime cunha oliveira prantada no medio da rúa
estreita. Sorprendeume ver esta árbore na cidade monumental pero de
contado reparei no nome.
A Rúa de Xerusalén,
unha das menos transitadas polos turistas, é a antiga Xudería de
Santiago, a residencia desta pequena comunidade relixiosa moito
menor, dende logo, que a doutras cidades galegas como Ribadavia, A
Coruña ou Ourense. Situada perto do Mosteiro de San Martín Pinario,
que foi un dos centros de poder relixioso da Cidade, e da Praza da
Azabachería.
Durante a Idade Media os
barrios xudeos, tanto nos territorios cristiáns como en Al Ándalus,
vivían segregados do resto da poboación e nalgúns lugares
separados por murallas e portas que se pechabn pola noite. No ano
1492, os Reis Católicos decretaron a súa expulsión de España.
Hoxe o silenzo e a
tranquilidade impoñen o seu poder no ambiente desta pequena rúa de
Compostela presidida pola vella oliveira en memoria dos seus antiguos
moradores, polo que non puden vencer a tentación de sacar o móvil
e tirarlle esta fotografía.
No hay comentarios:
Publicar un comentario