sábado, 5 de marzo de 2016

ESTACIÓN MARÍTIMA






Este vaise e aquel vaise
e todos, todos se van.
Galicia sen homes quedas
que te podan traballar.
                       Rosalía Castro

Cando voltei de novo á cidade despois dalgúns anos atopeina mellorada. As flores e as prantas ocupaban rúas e prazas; a principal arteria comercial xa non tiña as fachadas emporcadas con grafitis, unha parella de gardas conversaba amablemente cuns mozos e ata os aparcamentos públicos cambiaran de aspecto tanto fóra coma dentro, onde unha melodía de Mozart flotaba no aire. O casco vello presentaba un aspecto limpo e mellorado e tamén os barrios tiñan outra cariz. Dende logo notábase que se ocuparan dela e deixara de ser aquel lugar invivible que anos atrás coñecera.

Vigo é o primeiro núcleo poboacional de Galicia polo número de habitantes e o máis industrializado. Polo seu porto saíron, durante décadas, milleiros de galegos cara a América na procura dunha vida digna. Unhas esculturas ubicadas na Estación Marítima lembran a triste despedida dos que se foron. Cando estaba facendo a foto unha moza de rasgos andinos e cunha mochila ao lombo ollaba sorrindo a escea, achegouse e botouma: Así, así era como ustedes partían para apoderarse de lo nuestro y luego no han querido que nosotros viniésemos, pero ya ve como dió la vuelta la tortilla, ahora les toca marcharse de nuevo. E douse de costas cunha expresión de amargura.

Agora cambiaron os destinos e os medios de transporte pero a situación repítese. Di o xornal que 70 mozos e mozas de entre 20 e 34 anos marchan cada día de Galicia para poder atopar un futuro, nunha sangría demográfica que afecta aos mais novos. Dos 166.800 postos de traballo destruídos nos últimos catro anos 149.100 estaban ocupados por menores de 35.Tan só no ano 2012 abandoaron a nosa terra 25.472 xóvenes.

A emigración é un preocupante problema social pero a crise demográfica é xa o máis grave porque a nosa sociedade pode deixar de existir a medio prazo. Galicia, cun crecemento vexetativo negativo, perdeu nos últimos dez anos 147.151 habitantes o que equivale á poboación das cidades de Ourense e Vilagarcía xuntas. O Instituto Nacional de Estatística prevé que a natalidade baixe un 26 % .
Co incremento do envellecemento dentro de dez anos haberá  dúas veces máis xubilados que menores de 16. Así no 2023 teremos 16.000 decesos máis que nacementos.

Esta coxuntura non é froito da fatalidade e urxe a súa correción inmediata con políticas económicas e sociais adecuadas.






No hay comentarios:

Publicar un comentario