sábado, 29 de noviembre de 2014

A ESCOLA DE BROÑO




                               O Mestre Joaquin Abril cos seus  alumnos de Broño-1931


Escoiteille contar ao meu avó como a comezos do pasado século unha comisión de veciños da súa parroquia, Broño, desprazouse ao concello de Negreira a pedir que lles fixeran unha escola, para aprender a ler as cartas que os seus familiares emigrados en Cuba lles mandaban. A resposta foi taxante: Ler xa sei eu, así que traédeme as cartas que vos direi o que poñen.

A Asociación Cultural “Santa Mariña”  editou hai anos  a súa segunda revista na que José Daniel Casal Leis publica unha fermosa reportaxe sobre os primeiros mestres da escola creada, logo de moitos esforzos , no 1927 e a imborrable pegada que deixaron.

D. Joaquím Abril Casellas chegou dende a cidade de Barcelona a aldea de Broño en 1931 e algúns dos seus antigos alumnos, xa maiores, emocionábanse ao falar da importante labor do mestre. O Catalán, como lle chamaban, era un home afectuoso co alumnado; visitaba ás familias regularmente, impartía clases aos adultos, gratuitamente, polas noites e promovía iniciativas veciñais como a creación da Sociedade Agropecuaria de Broño. Tamén lembran as actividades que realizaban, da Festa da Árbore e as visitas a outras escolas do Concello para observar o traballo que os rapaces facían e como logo eran correspondidas.

Durante as vacacións do verán, o mestre mantiña correspondencia escrita cos alumnos maiores para que se habituaran a redactar cartas e nalgúns casos, cóntanos Daniel Casal, debido á precariedade económica dalgunhas familias, facéndose cargo do custo dos selos de correos.

O mestre Abril pasou a desempeñar o seu labor docente na súa terra, na localidade de Sant Fost de Campsentelles (Barcelona) onde se xubilou. No ano 1975 puxéronlle o seu nome ao novo colexio e posteriormente adicáronlle unha rúa. Alí escribiu:....... En esta recordada aldea de Broño- Negreira dejé parte de mi corazón y vertí mis primeras lágrimas profesionales al ausentarme en 1933.
Alumnos de Broño nos anos 60

A súa ausencia foi suplida pola mestra compostelá Dna. Lourdes Iglesias Fernández quen tamén se implicou profundamente co alumnado e os problemas dos veciños, continuando co importante labor educativa e cultural comenzada polo mestre anterior, coas visitas ás familias, clases nocturnas e coa promoción da Sociedade Agropecuaria de Broño. Malia ter que abandoar o traballo docente seguiu mantendo unha relación moi estreita coa parroquia e no ano 2006 foi agasallada cunha emotiva homenaxe .

Os veciños da parroquia, no ano 1957, arrincaron a pedra  e carrexárona por turnos da canteira do Monte de A Pena para construír o novo edificio escolar sufragado por eles, os emigrantes e mesmo a Unión Barcalesa da Habana, que xa levaba construidas outras tres escolas na comarca de Barcala. Os planos  foron elaborados por José Carballo Ferreiro  e José Leis Ardións. Na actualidade uilízase polos veciños como Local Social.





Canto esforzo realizado e que importante labor o dos mestres nas nosas parroquias, traballando, a meirande parte das veces, en condicións máis que precarias. Tamén meritorio o da Asociación Cultural “Santa Mariña” que está a recuperar con estas publicacións o patrimonio sociocultural de Broño.




lunes, 17 de noviembre de 2014

ÍAN FECHANDO PORTAS....



                                                                           ( Foto López Tuñas)


Agás as de todos os cines galegos que se abrirán o día 21 deste mes de novembro para permitirnos gozar dun agasallo cinematográfico baseado na obra do escritor ourensá Eduardo Blanco Amor (1897-1979). A ESMORGA, unha das primeiras novelas galegas da posguerra traducida ao castelán, catalán, italiano, francés e inglés, que xa conta cunha versión cinematográfica do ano 1977 titulada “ Parranda”, e tamén foi levada ao teatro.

A troula desenfreada durante 24 horas de Aladio, o Milhomes, ou Papaganduxos, ou Setesaias ou o Maricallas. Cipriano Canedo, Cibrán, O Pega ou o Castizo, tamén o Tiñica ou o Puchapodre, porque de rapaz tivera a tiña e duroulle ata mozo, por eso andaba coa gorra moi apegada. Xanciño, O Boca, ou o Alifante ou tamén Peitodemacho. A cinta vainos permitir visualizar un texto mítico das letras galegas, pasando a formar parte da filmografía que nos trae ao recordo películas tan inesquecibles coma Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro (1989), A lingua das volvoretas (1999), O lápis do carpinteiro ou O bosque animado.

Está dirixida por Ignacio Vilar e é unha coproducción de Vía Láctea Films e a senlleira Editorial Galaxia. A primeira proxección pública tivo lugar no marco do Festival Internacional de Cine de Ourense. No seu reparto conta con populares e fantásticos actores como Miguel de Lira, Karra Elejalde e Antonio Durán ”Morris”. 



                                                                                       (Foto López Tuñas)


.¡ Que ben se estaba, sandiós, na morneza daquela bodega, que hastra daba preguiza o porse a pensar que aquelo finaría de alí a pouco e que un tería que saír e apandar outra vegada coa chuvia, co vento, coas cousas do mundo cabrón...!

                                                                                                            ( A ESMORGA)


"Namentras eu cavilaba, os outros cantaron, bailaron e pintaron a rabia facendo cantas tolerías se lles ocurreu...."




domingo, 2 de noviembre de 2014

AOS MANES


Larario- Pompeia


Hoxe, Día de Difuntos, moita xente acude aos cemiterios para honrar e lembrar aos que nos deixaron e que aínda seguen nos nosos corazóns. Desde o Neolítico o culto aos mortos  está presente en todas as culturas e os pobos celtas adicaban tamén un día a adorar o Samhain, que significa o fin do verán.

Na relixión romana, no mes de febreiro, celebraban as Parentalia para asegurar o repouso dos seus difuntos. En maio, as Lemuria estaban especialmente adicadas ao recordo dos pais. Tamén no culto doméstico, aos Manes (espíritus dos defuntos), xunto cos Lares ou Penates ( protectores do fogar e da familia ) facíanlles ofrendas de viño, froita e perfumes e, a miudo, poñían lampariñas ante o larario, altar que as casas dos patricios (domus) tiñan no atrio ou patio principal. Os espíritus dos pais falecidos tiñan a mesma consideración que os deuses.


Estela funeraria romana de Logrosa-Negreira: (Consagrado) aos Deuses Manes (aquí xaz) Aurelius Aurelianus de 36 anos.Museo do Pobo Galego

Como en outras culturas en Galicia o espírito dos mortos formaba parte da vida da xentes, ata hai relativamente poucos anos era difícil coñecer a alguén que non se atopara de noite coa Compaña ou Estadea, nome das ánimas en pena que vagaban polos camiños, ou algunha por libre, como recolle Wenceslao Fernández Flórez en O Bosque Animado, cando Xan de Malviz “Fendetestas”, ladrón de camiños, se atopou coa ánima de Fiz de Cotovelo en peregrinación cara San Andrés de Teixido (que vai de morto o que non vai de vivo). Arredor da lareira, nas noites de inverno, a Santa Compaña e o lobo eran os protagonistas das conversas.

A morte é agora unha traxedia colectiva que entra nas vidas dos pobos sen esperalo, mortes programadas polas guerras e as catástrofes naturais, pola fame, polo virus ou polas bandas organizadas de delincuentes, dos que fuxen polo mar e polos desertos ou se estrelan contra os arames coroados de coitelas. Milleiros de mortos, homes, mulleres, rapaces e rapazas, nas cidades queimadas polas bombas que forman parte do espectáculo televisivo e que non importan porque son de outros. Ou de aspirantes a mestres de escolas rurais,  porque o espertar conciencias é un perigo para os intereses escuros. Mortos todos que non terán un lugar para que os vaian recordar, os mortos das fosas comúns que, só de cando en vez, amosan a barbarie. Porque non se trata do proceso natural ao que estamos abocados, é a actuación criminal dos roubavidas.

 La Santa Muerte-México (Foto López Tuñas)

A desaparición dos 43 estudantes de Iguala no estado de Guerrero, un dos máis pobres de México, fixo estremecer ao mundo; rapaces de familias pobres que aspiraban a ser mestres. Os seus familiares, amigos, compañeiros e miles de mexicanos están a reclamar que llelos devolvan vivos. Ou do asasinato de mulleres en Ciudad Juárez,  máis de 700 víctimas ata o  2012, a maioría  de idades entre 15 e 25 anos.

É unha mostra da barbarie que se vive nalgúns países de mortos sen tumbas nin cemiterios, roteiro principal do tráfico de drogas.











martes, 30 de septiembre de 2014

AS IMAXES DE JOSÉ ALGUERO



                                                                              Foto: José Alguero


A fotografía forma parte das nosas vidas, non hai actividade familiar, social, política ou de ocio que non quede inmortalizada a través das cámaras dixitais integradas en diversos dispositivos móbiles. Outórgaselle un carácter documental porque é un procedemento fiel de reproducción da vida social e pode ser interpretada como fonte de información ou como obra de arte. A fotografía, segundo o fotógrafo mexicano Pedro Meyer, “non é unha linguaxe universal e os códigos dunha foto poderán descifrarse de maneira tan variada como distinto sexa o contexto cultural do observador.”(1)

Foi a comezos do século XX cando as cámaras fotográficas saíron dos estudos dos retratistas para percorrer as rúas das vilas e cidades e ser unha clara testemuña do que daquela eran e nelas sucedía, a través da mirada de algúns membros da burguesía que dispoñían de medios económicos e coñecementos técnicos para levar a cabo tan meritoria labor. Grazas ao noso exalcalde Jorge Tuñas Caamaño estase a recuperar un importante arquivo fotográfico do que foi ilustre Notario de Negreira José Alguero Penedo, cunha valiosa colección de fotografía da nosa Vila e os seus habitantes. 


                               Mulleres barcalesas         ( Foto J. Alguero)

Durante o primeiro terzo do pasado século a vida social de Negreira foi inmortalizada por tres destacados persoeiros: O notario José Alguero Penedo, o rexistrador da propiedade Aquilino Pintos de Castro e o farmacéutico Francisco Rubira Fariña. Algunhas das súas fotografías quedaron recollidas en importantes publicacións como VIDA GALLEGA, revista gráfica mensual editada na cidade de Vigo dende 1909 a 1938 ou en periódicos comarcais, publicacións bastante abondosas naquela época. A calidade artística e documental das fotografías son ben destacables, tendo en conta as dificultades técnicas e os coñecementos que se precisaban.

O periódico EL BARCALÉS, órgano da Liga Barcalesa, no seu número do 31 de xullo de 1911 recolle este comentario : “ ...La falta de medios en la localidad para esta clase de trabajos y aún en la ciudad de Santiago, donde el periodico se imprime, fue causa de que por extravío de las fotografías primeramente remitidas a La Coruña no apareciesen en el número anterior cual debían...”

J.Alguero sentado á dereita -Rúa do Carmen
D.José Alguero Penedo foi Notario na Vila de Negreira entre 1907 e 1922 onde casou con Josefa Caamaño Rodríguez. Home ilustrado e tamén afeccionado á música, á poesía e á escultura, pasou a residir en Betanzos, onde acadou unha importante relevancia social, segundo reflicten as publicacións da época con motivo do seu pasamento no ano 1956. Alguero Penedo, que foi membro da Real Academia Galega, conta cunha rúa nesa cidade.

O abondoso arquivo, con 50 documentos gráficos, agora recuperado a través de Alfredo Alguero, neto do persoeiro, amosa unha gran calidade técnica e constitúe un importante documento social e etnográfico sobre a vida barcalesa de comenzos do pasado século.



                                                         Rapazas                     (Foto de J. Alguero)




(1) Sebastiao Salgado/Outras Américas-Universidade de Santiago de Compostela-1992






martes, 23 de septiembre de 2014

.......E LOGO CHEGOU A EXB


E un mal día tallaron os soños infantís e comezaron a destruír todo un mundo de fábula: o refuxio na fermosa pradaría cuberta de carballos que eran o acubillo das nosas fantasías.

                                                 ( Foto: Galicia Máxica)
Primeiro o da beira do camiño, no que Joseíto quedou colgado pola man no burato do niño de peto ao non poder sacala cando ía  coller os oviños, logo os demáis: o máis alto de todos “El Águila del Caribe” onde no bico das pólas situábamos os vixías para avisar dos ataques dos piratas como nos contos de El Cachorro, despois os que acollían nas súas copas aos que lataban (“facer a gata “ decíamos daquela) para fuxir das labazadas que acompañaban as leccións do Catecismo e da táboa de multiplicar. E o de máis alá, no que agochado no alto estreei, unha tarde de Xoves Santo, a filarmónica que me trouxera meu pai e que, segundo me ameazou o frade, ía condearme para toda a eternidade. Un por un foron eliminando todos os da “Robleda” e diante da nosa tristura.

Logo foi a Canteira Grande, cuberta de xuncos, ramallos e pozas polo inverno, por onde trotaban os imaxinarios cabalos dos vaqueiros do Oeste; os camións foron recheando día tras día a gran fondeira ata facela desaparecer. Decían que alí ían construír uns colexios para acoller as escolas que estaban desperdigadas pola vila, case todas en locales de aluguer.

E para rematar, a presa, a Presa do Coto poboada de xuncos, libélulas, rás e cagudos, na que polo verán saíamos de pesca e onde decían os maiores que se podía, ás veces, cazar serpes. Foi coma se, de súpeto, quixeran arramplar coa nosa infancia.

Colexios de Negreira

De contado empezaron a erguerse os novos colexios que con sorna chamábamos do “Plan Viruta”, porque estaban feitos dunha mestura de cemento con viruta de madeira, unha modernidade que viña de Madrid pero que os máis ousados descubriron axiña que cun pau afiado podían facerse buracos nas paredes. Acabaron por impermeabilizalos con alcatrán para frear as pingueiras do inverno e reforzalos con vigas de ferro, grazas ás protestas do mestre D. Marcelino, que foi ameazado por meterse, disque, en algo que non lle competía. Máis adiante fóronse mellorando e remataron acollendo as novas escolas graduadas, nas que os alumnos estaban distribuídos por aulas segundo a idade, o que non acontecía nas anteriores, de nenos e nenas.

O certo é que foi un avance importante no caduco sistema educativo e tamén unha posibilidade de abrir unha nova zona de crecemento urbanístico, pois os donos do Pazo estaban dispostos a urbanizar todos os terreos entre o casco urbán e os novos colexios. Chamáronlle a Zona Nova e foi algo así como a chegada da modernidade. E cando lle fixeron a escalinata de acceso e colocaron o busto de D. Victoriano todos empezamos a ollalos de lonxe e a decir que quedaba ben.

Por eles pasaron xeracións de rapaces e rapazas, mestres e mestras que aínda viven no recordo.

Co paso dos anos foron derrubadas para construír o novo Colexio do Coto ao que xa se incorporaría todo o alumnado do termo municipal.

Era a chegada da EXB.



jueves, 11 de septiembre de 2014

AIRES DA MIÑA TERRA



Que fermosas melloras  fixeron na cidade de A Coruña ao monumento de MANUEL CURROS ENRÍQUEZ !! Toda unha homenaxe ao noso poeta e tamén a unha das obras máis senlleiras do escultor galego FRANCISCO ASOREY. Nos xardíns de Méndez Núñez, xunto cos de outras persoalidades de Galicia: Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Daniel R. Castelao, Manuel Murguía, Eduardo Pondal ou Valle Inclán.


                                   Monumento a Curros               ( Foto López Tuñas)

Foi inaugurado no ano 1934 polo presidente da República Niceto Alcalá Zamora coa asistencia, entre outras autoridades, do Presidente da Real Academia Galega, institución promotora, e contando coa axuda económica dos nosos emigrantes en Cuba e Arxentina. Todo de granito, é tamén unha loubanza ao mundo do traballo, labregos e mariñeiros, debidamente representados na escultura que está asentada sobre os monstruos combatidos polo poeta: o caciquismo, a usura e a inxustiza.

Recordo hai anos o abandono no que se mantivo este conxunto escultórico, que logo foi recuperado con sucesivos arranxos e agora luce como se merece. Honra á cidade lembrar aos persoeiros ilustres e manter viva a memoria de quen tanto loitou pola xustiza e a dignidade do seu pobo. Os restos de Curros Enríquez repousan na Coruña, traídos dende Cuba, onde finou. O seu cadaleito foi acompañado por máis de 40.000 persoas polas rúas da cidade ata o Cemiterio de San Amaro.


Ouh! meiga cibdá da Cruña,
cibdá da torre herculina,
de xeneracións recordo
máis fortes que as de hoxe en día,
cibdá que por sobre os mares
érgue-la cabeza altiva,
cal onte nas túas murallas
o brazo de María Pita :
¿Que tes nese teu recinto,
que tes pros que te visitan,
que conocerte non poden
sin que deixarte non sintan?

….........

M Curros Enríquez
( Aires da Miña Terra)




lunes, 18 de agosto de 2014

MOROS Y CRISTIANOS




                                                   ÁVILA                             ( Foto López Tuñas)

Pues resulta que las sociedades también tienen memoria igual que los hombres, las mujeres y los niños y aquellos acontecimientos importantes que van marcando el paso de los años definen para siempre su personalidad y su manera de ser. Estos días en Denia comienza la celebración de la Fiesta de Moros y Cristianos, con tanta tradición en diferentes ciudades españolas. Los desfiles coloristas por la calles de la ciudad al ritmo de la música y los cohetes serán de nuevo un homenaje a la convivencia de culturas y a la etapa de soberanía secular de los musulmanes en la Península Ibérica.

        ( Foto López Tuñas)
 Hoy, como preludio y en la calle Marqués de Campo, se celebra un gran concurso de paellas a leña, en homenaje al cereal que hace siglos, igual que otras tantas exquisiteces, los musulmanes han traído de Asia. Los mozos de la charanga cuelgan en las hojas de los árboles los alegres compases de Paquito el Chocolatero, mientras los grupos levantan los vasos y tararean siguiendo el ritmo al compás del pasodoble, entre el humo de las paelleras. Todos participan de la fiesta porque para ellos la fiesta no es tal si no son los protagonistas. Decenas de paellas se alinean en una gran mesa esperando el veredicto del jurado, para luego ser degustadas entre aplausos y jolgorio.

Mientras en  la laguna salobre de Calpe  los elegantes flamencos conviven con centenares de peces que a diario se mueren por un exceso de salinidad de las aguas, rodeados de millares de edificios y rotondas que ocupan todo el espacio útil y mucho más. Un lugar donde sólo queda el consuelo de degustar una fenomenal paella de señoret, mientras Luz se ríe a carcajadas de las ocurrencias que puede provocar una traidora sangría, observando los esfuerzos del Peñón de Ifach para desclavarse y ponerse a salvo del tremendo "boum" urbanístico que lo amenaza.
Toledo

Afortunadamente Altea es otra historia que huele a azahar,  donde los lienzos de colores cuelgan de las ventanas y Guadalés ( El río de los alisos) una espectacular y diminuta población entre rocas que merece visitarse.

Toledo, en el camino de regreso, ha sabido preservar su historia, crisol de las tres culturas: cristiana, musulmana y judía, donde su Escuela de Traductores ha recuparado para Europa los tratados de filósofos, matemáticos, escritores y científicos greco-latinos que los árabes tradujeron, estudiaron y comentaron y trajeron a la Península desde Oriente y aquí fueron traducidos al latín, hebreo y árabe. Una delicia pasear por sus calles y degustar los exquisitos productos que Al Ándalus nos ha dejado en herencia. 





                                                                            ( Foto López Tuñas)








jueves, 26 de junio de 2014

BREOGÁN

                                                        Breogán- A Coruña                               (  Foto López Tuñas )


Luis do Oriel tivo que facer varias viaxes para librar as mesas de toda a impedimenta que deixaron un grupo de estudiantes madrileños que, na compaña dun profesor, veñen percorrer o Camiño de Fisterra. Estaban moi ledos porque acababan de recibir as notas da Selectividade pero preocupados, pois algúns deles tiñan os pés cubertos de bochas e falaban de dividir as estapas e facelas maís curtas.

Estes días, comenta, aumentou moito o fluxo de peregrinos e peregrinas de todas as nacionalidades que veñen percorrer o Camiño e nótase na Vila, nas terrazas dos bares cheas de xente de todas as idades que ramatan aquí a etapa dende Compostela. Pola estrada, a pé ou en bicicleta, atopámonos con este fluxo de camiñantes, que veñen a cumprir con esta antiga tradición.

Un grupo de mulleres irlandesas pediu que lles servira unha bebida típica de Galicia. Coa amabilidade de sempre levoulles varias botellas de augardente, licor café, caña de herbas... explicándolle o proceso de fabricación de cada unha e as súas características. Logo do arrecendo, do estudo detido das brevaxes e dun intercambio longo de opinións, a decisión decantouse pola augardente.

Carlos de Lola observaba con atención a escea e ocorréuselle decir dende o alto da súa corpulencia e coa sorna que o caracteriza :

 This liquor is manly!

Unha das fillas de Breogán, ferida no seu feminismo, pegou un bote e de pé, diante da ollada sorprendida dos presentes, zumbouse de penalty dous cazolos de aguardente berrando : 

THIS LIQUOR IS WOMEN!!!!

Galicia e Irlanda son sen dúbida dúas caras da mesma moeda.








jueves, 17 de abril de 2014

NIN CHORANDO NIN XEMENDO





O pasado 8 de marzo o Concello de Negreira adicaballe o Día da Muller Traballadora a Sofía Rodríguez, nun acto de homenaxe á muller que finou un mes antes de que se lle tributara tan merecido recoñecemento, a que pasou a súa vida educando aos máis pequenos. Case un mes despois finaba tamén a súa irmá Carmiña.

Ese día contabamos como todos os irmáns axudaban na labor docente da Escola da Revisora: Purita, José autor dos poemas que publicamos neste Blog hai agora un ano e Manuel, aquel mozo que polo verán nos ensinaba  Xeografía no mapa que debuxaba no campo e que xa ten superado as nove décadas dunha vida chea de fortalezas. Hoxe remitiume unha ducia de poemas do seu libro Anduriñas nos que reflicte a nostalxia de vivir lonxe da súa terra. Recollo eiquí un deles, en homenaxe a esta querida familia.





Nin chorando nin xemindo

Alexeime dos teus campos
dos teus ríos e das fontes,
de ise ceiño estrelado,
de isa quietude da noite;
de ises ventiños norteiros
que veñen afusquiñados,
coma fuxindo dos demos
para quedar no chan sagrado .

Das augas moinas que caen
e regan os teus encantos
docemente, aloumiñando
coma facendo o miragre,
que Deus elixiu o Ceio
rincón tan privilexiado,
que vos bendice e non sei
si quedas grorificado.

Pero si sei na saudade
recoñecer a virtude
para quererche máis e máis,
e sentir esa inquedume,
dos recordos que me afrixen
cada día e cada instante,
e soio unha espranza humilde
poidera ser que me salve.

Non escoito os paxariños
que ó xurdir como amapolas
aló, de mañá moi cedo
fan chirrio entre as follas
dos carballos e ameneiros;
intras xestas e toxales
de ises montes sempre cheos
de vida por todas partes.

Non vexo os campos cas frores
que aledan o meu esprito,
que se alcontra enfermo lonxe
de ises ventos solermiños
dos que me alexei un día
e vou chorando por vida.

Pra pior desgracia miña:
¡Que lonxe deles non viva!
Quixera ser coma o trono
que espertando ós máis durmidos,
levaran aos meus saloucos
para os deixar no chan querido.

Aliviar esta tormenta
de penas que levo dentro,
e que as nubes non alexan
nin chorando nin xemindo.


                                                 Manuel Rodríguez Rodríguez









jueves, 3 de abril de 2014

PEDRO ARMESTRE





                                                                  San Fermín                                     (Pedro Armestre) 

A fotografía, que xa forma parte da nosa vida cotiá, pode ser tamén un importante documento social ademais dunha arte.

O galego Pedro Armestre acaba de ser galardoado co Premio de Xornalismo Ortega y Gasset na modalidade de xornalismo gráfico pola súa fotografía sobre o San Fermín do pasado ano. Tamén con anterioridade a mesma foto recibiu o Premio Internacional Rey de España.


Este documentalista gráfico de Verín comezou traballando para a axencia de noticias Europa Press en 1993 e na actualidade, despois de colaborar en diversos medios informativos, tamén o fai para a axencia France Press. Distínguese por adicarse a amosarnos a través da cámara os distintos aspectos da nosa sociedade que merecen ser destacados, de aí que os premios recibidos proceden tamén das ONG coas que colabora como Greenpeace ou Manos Unidas que o agasallou o pasado ano polo seu traballo de xornalismo social e solidario.

Así mesmo foi galardoado co Premio A Imaxe de Galicia do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e Novagalicia Banco, pola de un brigadista nun incendio forestal. As súas reportaxes sobre o drama dos incendios foron publicadas por diversos medios españoles e internacionais.

A Imaxe de Galicia-2013

O traballo de Pedro Armestre non é froito da improvisación, como bo profesional planifica as súas tomas e busca a perfección; a foto agasallada este ano xa fora realizada no 2011 pero, segundo declarou a EL PAÍS, era moi plana e agardou ata xullo de 2013 a que as condicións de luz foran as adecuadas para repetila. Tamén o ano pasado tivo que ser hospitalizado ao recibir unha cornada cando realizaba unha reportaxe sobre El toro de la Vega. As súas reportaxes fotográficas son publicadas a miudo en xornais de todo o mundo.

É unha regalía que teñamos profesionais da comunicación audiovisual coa calidade técnica, o compromiso e a profesionalidade de Pedro Armestre 







El Toro de la Vega


Incendio no Empurdá