domingo, 9 de marzo de 2014

VEÑO DA VIRXE DA BARCA.....


                                              A pedra de abalar                ( Foto López Tuñas)

Hoxe pola mañá o faro Vilán ollaba con tristura cara o outro lado da ría, onde as ondas bravías  tamén  se cebaron co Santuario da Virxe da Barca e a súa contorna. Ata a pedra de abalar foi desprazada, como se pode ver na foto,  rompendo de novo unha das súas beiras, a que xa fora restaurada hai uns anos. Durante séculos as pedras resistiron os embates do mar bravío pero desta vez non puido ser.

Contan os muxiáns que só abalaba os días da festa da Virxe ou de cando en vez. Hai varios anos, coa axuda de dous amigos, conseguimos movela co seu característico tum-tum, pero noutras ocasións nin cen persoas podían facelo.

Hoxe, desprazada pola forza do mar, xa non está no seu punto de equilibrio. Poderán de novo os romeiros subirse na pesada lousa para cumprir coa tradición centenaria?

                                                                                    ( Foto López Tuñas)


 Nos arredores as gaivotas chiaban por enriba da escuma das ondas co seu voo desafiante, mentres os visitantes ollaban pasmados a desfeita do lugar.

Nas praias e dunas da ría quedaban as pegadas dos temporais, logo da calma propia que segue ás grandes tempestades. Algúns surfeiros arriscados tentaban bailar nas súas táboas diante dos que paseábamos pola beiramar  gozando, logo de meses, destes días de sol dunha primavera que se fai de rogar. 


                                          Cara a Praia dos Muíños             ( Foto López Tuñas)


jueves, 20 de febrero de 2014

AS PEGADAS DO TEMPO






A miúdo dise que é o tempo quen fai que as pegadas desaparezan nas cousas e nas persoas pero é máis ben a acción humana a que provoca os cambios, a que realmente modifica a realidade.

Onte nun paseo polas rúas desertas parámonos diante da porta pequena da Capela do Pazo do Cotón, onde aínda fican restos dunha pintada feita no ano 1935 e que a pesares do tempo trascorrido mantén os trazos e a cor vermella da pintura. Foron varios os intentos por facela desaparecer, picando e repicando nas pedras pero a pintura segue estando aí.

Pertence a unha época histórica na que a Igrexa mantiña unha dura campaña contra a tarefa lexislativa da República e as leis que consideraba opostas ao seu ideario e o control sobre as conciencias que tradicionalmente viña exercendo, dando lugar a enfrentamentos cos sectores máis desfavorecidos da sociedade. Moitos anos despois deses acontecementos, aínda podía lerse LA RELIGIÓN OPRIME Y ENVILECE.

A pintada foi seguramente froito do ambiente político xeral máis que dunha acción puramente local pois o párroco de Negreira, D. Manuel Lamas, non utilizaba para o culto naqueles anos esa Capela, como agora ven sendo habitual, debido as malas relacións que tiña cos donos do Pazo e no Consello de Guerra celebrado en Santiago de Compostela, a finais do 1936, contra varios veciños de Negreira, mantivo unha férrea defensa dos acusados, aos que chamou en todo momento “mis feligreses”. Pola súa ubicación o entorno do Pazo do Cotón foi un lugar de concentración da maioría da poboación que acudía ás feiras dominicales que alí se celebraban

Foi tamén soporte de inscripcións reivindicativas en varias ocasións e etapas históricas: Na década dos anos 70 no lintel desa mesma porta apareceu, un domingo á mañá, a inscripción AMNISTÍA SÍ, pola campaña que se estaba levando a cabo nos últimos anos da Ditadura para a liberación dos sindicalistas e membros de partidos políticos detidos. Logo, xa nos oitenta, na parte lateral dos arcos NON AO BINGO, contra o xogo que se practicaba no Casino e aínda despois de ser borrada, outra no mesmo lugar insultando a un xoven concelleiro que se distinguía pola súa oposición ao goberno municipal daquela altura.

O Pazo do Cotón, foi o primeiro edificio da vila nicrariense e o que  deu lugar ao seu primeiro nome, lugar de residencia dos antigos donos das terras, Casa Consistorial e centro do poder político e económico. Tamén, como se ve, soporte de reivindicacións e  protestas cidadáns naqueles anos nos que os medios de comunicación social non existían ou estaban en mans duns poucos.


Capela do Cotón






miércoles, 5 de febrero de 2014

LUME, AUGA, AIRE, TERRA

                               Encoro Barrié de la Maza     ( Foto López Tuñas)


As imaxes dos incendios impresionan e a Natureza calcinada só produce tristura. O peor que podía pasar pasou, logo do lume chegaron as choivas, as riadas.

Hai poicos meses as lapas arrasaban máis de 16 mil hectáreas de monte en Galicia, segundo o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, en máis de tres mil incendios, algúns deles de grandes proporcións.

O concello de Negreira volveu a ser de novo protagonista nos medios de comunicación pola magnitude dos mesmos especialmente na zona alta do Concello, nas parroquias de Liñaio e Barbazán, superando as 600 hectáreas de superficie queimada. Os técnicos falaban do problema que causaría ao solo as riadas que se poideran xerar nun inverno especialmente chuvioso. E os malos augurios cumpríronse. As características orográficas das zonas afectadas, con elevadas pendentes, están a someter ás ladeiras a unha forte erosión que impedirá, de seguro, que a superficie queimada se recupere coa relativa celeridade con que adoita facelo nas zonas atlánticas.

 
                                                    EROSIÓN                     ( Foto López Tuñas)


 O encoro Barrié de la Maza, no río Tambre, entre os concellos de Brión e Negreira, recolle as augas das pendentes que foron especialmente afectadas polas lapas. É desolador contemplar a superficie queimada, os danos producidos no ecosistema forestal e a perda de materia orgánica que da lugar a unha degradación progresiva do medio. Tristura produce ademáis a destrución da paisaxe, de por si importante polo seu carácter emotivo, cultural ou ecolóxico, pero tamén o impacto sobre o solo, a fauna e a calidade da atmósfera que esta praga conleva.

Estes días as madeireiras están a traballar. As riadas arrastran ao fondo do río Tambre toneladas de sedimento, xa de por si escaso nos solos forestais, e polos caborcos van quedando as ponlas, follas e materia orgánica que a choiva arrastra día tras día, deixando ás ladeiras peladas. 


                                       DEFORESTACIÓN              ( Foto López Tuñas)


Agora, a agardar anos a que o chan recupere a materia orgánica que se foi e que, de novo, medren outras prantas; uns 20 anos para as especies máis rápidas e 30 ou 40 para as pináceas. Que pouco a pouco os animais volten a ocupar o seu hábitat. E que o aire reciba de novo o osíxeno que estas especies desaparecidas lle suministraban para purificalo.



Acceso ao encoro Barrié de la Maza


As estradas rurais son víctimas tamén do excesivo tonelaxe






domingo, 19 de enero de 2014

QUEICOA




O deus Pan coa ninfa Siringa



Prepara os coitelos,
María Leonor,
que se escoita o pito
do afiador.



Seguro que algúns vos decatástedes de que  ao mediodía o “tirulirulirí..” dun chifre repenicou contra as paredes das rúas, bateu nas ponlas das árbores, rebentou as nubes e fixo sair o sol. ¡Chegou o afiador! estoupaba o altofalante “afío texouras, coitelas de cortacéspede...”.Dun novo xeito, pero regresaba un dos máis tradicionais oficios de Galicia.

Hai séculos, homes rexos e decididos abandoaban as montañas do norte da provincia de Ourense e rachaban as fronteiras na compaña do chifre e a roda de afiar. Cruzaban países e continentes, chegaban ás Américas e ata D. Vivente Blasco Ibáñez na súa obra A volta ao Mundo dun novelista, sobre o periplo que no 1920 realizou no Franconia, recolle como se atopou, creo que en Singapur, cun afiador ourensá. A roda e o chifre ou apito foron durante séculos os sinais de identidade destes artesáns oriundos de Nogueira de Ramuín e arredores, heroes anónimos de centos e centos de historias non escritas.
Roda de afiador-Museo do Pobo Galego

O lucense Pablo Carpintero Arias recolle na súa fermosa publicación Os instrumentos musicais na tradición galega, que foi agasallado co XXV Premio Antón Losada Dieguez da investigación e ensaio, un amplo apartado sobre o chifre; dende os primeiros, feitos con tubos de cana ata os de madeira. Chámanse tamén xiringas, nome grego na honra da naiade Siringa, a ninfa da que se namorou o semideus Pan e foi convertida en cana. Hai anos os rapaces facíanas con sete anacos de cana de foguete, de distinto longo, tapados por un extremo e amarrados co cordel dos tutos. Ou coas que se cortaban nos caneiros. Segue a ser o instrumento dos afiadores que tamén as fabricaban en táboa de buxo.

O barallete é a lingua ou xerga que crearon para transmitirse a información e os seus segredos, a fala propia só coñecida por eles na que tamén tiñan denominacións xeográficas de seu: Ancha, era Castela; Arrica, América; Biqueque, Portugal e Cuca, Cuba. Queicoa tamén a utilizaban para nomear aos afiadores máis veteranos e trotamundos. No Museo do Pobo Galego teñen unha sá adicada a este popular e tradicional oficio. Cando dispoñades dalgún día axeitado, se aínda non o fixéstes, suxírovos visitar este fermoso museo de Santiago de Compostela. É como viaxar no tempo para coñecer os oficios tradicionais da nosa Galicia dun xeito didáctico e fermoso: os latoeiros, os ferreiros, alfareiros ou zoqueiros...

O ano 2013 agasallounos co documental  EL ÚLTIMO VIAJE DEL AFILADOR  de Aitor Rei. O concerto de chifre de hoxe é como unha premonición, ou un anuncio da volta a outros tempos que aínda non son tan lonxanos?








miércoles, 18 de diciembre de 2013

PEPE ARDEIRO




DA TERRA E DO TEMPO




                                                                               Anxo Mosquera



 A man do home, dominando o gume,
violou a madeira e a pedra dura,
en harmonía compasada e pura,
dende un ritual de ancestro, alén do lume.

Coma un ronsel ferido de bremanza,
antiga seiva anuncia a súa presencia
de nai ennobrecida coa esencia
dos símbolos máis fondos da lembranza.

No repouso da noite estrelecida
brinda o licor no vidro aloumiño,
ofrecendo unha loanza estremecida

ás gubias que gravaron o camiño
polo cerne da madeira agradecida,
na honra do deus Baco e o dóce viño.

                                               ( Un xardín no tempo)




domingo, 17 de noviembre de 2013

OS LAPIS




                                   (Foto López Tuñas)

No pasado setembro deste 2013, despois de cumprir cen anos, morreu en México Choncha Concheiro a muller de Francisco Comesaña, os dous principais protagonistas de O Lápis do Carpinteiro.  
A min a historia non me era allea, coñecina de pequeno. E moitas máis cousas que non se recollen no libro. Por eso, cando vin a película que Antón Reixa fixo sobre a novela, disgustoume moito o tratamento que lle daba a certas esceas no cárcere, que me pareceron un pouco frívolas, pois souben  da anguria e  tristura que alí dentro se viviu. Nunha ocasión llelo manifestei a Isaac Díaz Pardo, fillo de Camilo Díaz, pintor e ilustrador que pasou no cárcera de Santiago os últimos momentos da súa vida, antes de que o asasinaran. Respostoume tranquilamente que a el parecíalle ben, que aquelo era unha película e as películas son así. Dalgún xeito tamén tiña razón.

A miña afección polos lápis ven de non hai moito, porque eses grafitos revestidos de madeira, fanos agora ben fermosos; afiadiños son do máis xeitoso para escribir e, cando te enganas, vas e borras como se nada pasara. Cada vez que vou a un museo ou institución, se os teñen merco un. Tamén na nosa mente debéramos escribir as cousas con lapis no canto de tinta, porque as que precisamos borrar non quedarían na memoria ata que o tempo as vai metendo no pozo dos recordos.

A lembranza máis antiga que teño do lapis é a do meu avó, facendo as contas na súa tenda en papel de estraza, ou notas dos que viñan ao “déboche”, que logo colgaba nun gancho. Tamén o de Domingos de Sanamede, o carpinteiro, que traballaba moitas veces na nosa casa e sempre tiña un vermello detrás da orella. Aí lévao, ás veces, un compañeiro; vinllo pola rúa e gustoume, porque é un bo mestre e ven sendo algo así como un símbolo da súa profesión. E xa non vou falar da miña profesora Marita, que lles sacaba unhas puntas de varios centímetros de longo que parecían agullas de calceta.

Hai tempo que teño unha pelexa cos crucigramas dun xornal, para eso collo os de gomiña, pois cando poño algunha verba por tanteo, zas-zas, se o preciso borro coma se non pasara nada.

Pero é verdade que se escribe moi ben con eles, son suaves esvarando polo papel e si teñen un fermoso deseño poden facer agradable a escrita que tampouco deslumbra como as pantallas, e non hai que estar dalle que dalle á monotonía do teclado.

Nostálxia?.. nen falar, hai que aprender a gozar cada día das sensacións máis agradables e nunca caer na rutina.

Probade e xa veredes.




martes, 22 de octubre de 2013

ENCHENTAS



SANTIAGO DE COMPOSTELA ( Foto El Correo Gallego)


De cando en vez o outono tráenos estas cousas, a terra verde vese asolagada por descargas esaxeradas de choiva e vento que inundan pobos, cidades e desbordan os ríos. A xente, ansiosa de rego para os campos logo dun verán seco responde sempre o mesmo: ¡ Nin tanto nin tan pouco!

A da foto foi curta pero abondosa e os sistemas de pluviais de A Coruña e Santiago de Compostela non deron abasto nalgúns lugares.

De setembro a decembro é cando se producen as maiores enchentas en Galicia, as masas de aire quente e húmido ascénden a velocidade e condensan todo o vapor de auga sobre nós, poñendo en apuros aos ríos que non dan acadado o seu cometido de carrexar a auga ao mar. Hai anos, Padrón e Caldas de Reis eran as estrelas fluviais destes acontecementos, polo desbordamento do Sar e o Umia. O Tambre, a partires de 1987, entrou tamén a formar parte do grupo de ríos mediáticos.

As máis importantes dos últimos anos foron :

A do 28 de decembro de 1978, en toda Galicia, pero que afectou especialmente ás localidades de Lugo, Pontevedra e Padrón.

O Tambre en Ponte Maceira-1989

















A do 13 de outubro de 1987, unha desas que quedan na memoria, afectou aos ríos Sar e Umia pero especialmente ao Tambre, onde en 24 horas caeron 138 l/m2. As comportas do Embalse Barrié de la Maza non poideron abrirse por estar os motores desmontados para o seu mantemento e a auga pasou uns 50 cm por enriba da coroa da presa.

 Ao día seguinte, para aliviar a situación dos afectados, un camión grúa que veu dende Madrid, deprazouse lentamente pola presa desbordada xa nuns 20 cm, para enganchar as comportas e erguelas, pouco a pouco, vencendo a presión da auga, ante o temor dos que presenciábamos tan arriscada maniobra que, por momentos, ameazaba ao vehículo con sair voando dende o alto. A valentía, ou temeridade, do gruísta foi compensada con 500.000 pesetas por catro horas de risco.

 En Ponte Maceira non se produciu unha catástrofe grazas á actuación dun veciño que ás 5 da mañá observou como as augas do cauce subían de xeito anormal. Francisco Cancela Nimo avisou aos demáis moradores do lugar, pero María Yllodo Rodríguez e o seu home non conseguiron abandoar á súa casa, refuxiándose no teito, onde permaneceron 10 horas ata que os rescataron dous buceadores, pois a forza do vento impediulle facelo ao helicóptero de Protección Civil.

Consuelo Vieito comentaba no xornal La Voz de Galicia que a enchenta fora peor que a de 1916 que tamén tivera considerables dimensións. Os veciños perderon os seus mobles, electrodomésticos e outros enseres.

No concellos de Ames, Brión e Negreira as afeccións en infraestruturas, edificios e liñas eléctricas foron cuantiosas. En Negreira desapareceron sete pontes polas diferentes riadas e o exército tivo que poñer pontóns para comunicar algúns núcleos que quedaron illados.

O 17 de decembro de 1989 tamén afectou de xeito especial ao río Tambre, pero aínda que a subida foi espectacular os danos foron menores.

Son fenómenos naturais propios desta época ante os que debemos estar precavidos.


PONTE MACEIRA-1989

A Barquiña- 1987







jueves, 19 de septiembre de 2013

DE ANIMALIA


                                                                              Foto- Pedro Armestre



Sobre un caballo alazano,
cubierto de galas de oro,
demanda licencia ufano
para alancear a un toro
un caballero cristiano.
              N. Fernández de Moratín


Cando estudaba Bacharelato atopei nun libro de Sintaxis esta estrofa de Moratín, o escritor madrileño do século XVIII, sobre unha corrida de touros na Idade Media, que  memoricei e a través dela coñecín o poema.

O traxe de luces puxéronmo de pequeno para asistir a un baile de disfraces pero foi só eso, unha festa de Entroido, que daquela chamaban Fiestas de Primavera, e pouco despois da famosa corrida de Negreira do ano1952 cando o segundo touro morreu tiroteado pola Garda Civil logo de que nun ataque de aburrimento saltara a barreira e acabara pacendo na Canteira de Vilachán. Polo demáis só recordo unhas verónicas a un carneiro que o meu primo “O Catalán” ensinara a trucar,  por eso había que telo amarrado a unha claudieira; arredor dela lidiábamos polas tardes, pero co adibal como freo. Aquelo acabou moi mal, para o carneiro e para o meu avó, vítima dunha traicioeira trucada que lle causou lesións, polo que as nosas pregarias non serviron para impedir que o tozudo cornúpeta acabara no matadoiro.

Era época de abondosas corridas televisivas, noites de flamenco e películas de Joselito, pero nin as garatuxas de El Cordobés conseguiron afeccionarme á Festa Nacional.

A progresiva modernización da sociedade española e a educación nun novo sistema de valores, deu lugar a que se foxe desviando a atención da parafernalia musical e colorista que rodea ás corridas de touros, cara o sufrimento ao que é sometido o animal e que este tipo de celebracións quedara reducido a determinadas comunidades e grupos de afeccionados. Como consecuencia da mellora das condicións de vida desapareciu o colectivo de rapaces que buscaban unha saída á súa situación de miseria arriscando a vida diante dun touro anoxado, coa xustificación tan coñecida de “más cornás da el hambre”,

O do touro de Tordesillas é outra parte da historia. Nesa cidade de Valladolid, que parece estar a uns 400 anos de distancia dos Pirineos, nas festas patronais o touro que ceiban polas rúas desvíano cara o campo onde unha manada de cenutrios con picas, vano acosando e acribillando entre os aplausos e o disfrute de miles de persoas, nais cos seus rapaces, mozos e mozas, novos e vellos, mentres rega co sangue o campo, ata que algún dos “heroes” da festa, acaba coa súa agonía.

Este ano correspondeulle a honra a un traballador en paro que foi encumbrado ao balcón do Concello polo Alcalde da cidade. Ao parecer, esta “autoridade” comparou a bestialidade festeira con unha obra de teatro. Quero pensar que o disparate se debe máis ao cinismo que á iñorancia. Por desgracia son moitos os que están a podrecer aínda máis a vida política e con tal de manterse no posto, non dubidan en aplicar o coñecido programa electoral de “O que queirades”, deixando de lado o labor de concienciación social e exemplaridade que deben procurar os que ocupan cargos representativos, sobre todo si se amparan baixo epítetos sociais.

Agora as televisións españolas presentaron o denigrante espectáculo digno da España Negra como un torneo ou unha liorta entre taurinos e antitaurinos.

Por sorte estaban presentes os fotógrafos das máis importantes axencias de prensa para certificar a barbarie e aínda queda a esperanza de que algún organismo internacional tome cartas no asunto, pois as nosas autoridades andan moi ocupadas en exercer as súas habilidades.



viernes, 23 de agosto de 2013

OS CHINITOS



Dende que os chinos encheron de bazares todos os corruchos ando sempre coa orella atenta a ver si entre eles hai un José ou Manuel, pero teño que confesar que a pesares do meu empeño, de momento, non tiven moito éxito no intento de atopar algún dos meus afillados neste colectivo.

Cando eu era pequeno todo o país estaba empeñado en bautizar aos habitantes da China para sacalos da súa iñorancia, por todas partes había carteis co lema “Ayuda a bautizar a un chinito” e tiñas que facer unha aportación económica para mandar alá aos misioneiros que levaran adiante este labor. A cambio dábanche unha estampiña, co retrato do rapaz, no que por atrás escribías os teus datos e o nome que querías que lle puseran ao teu futuro afillado.

Foron algunhas pesetas as que aportei para ter un bo número deles pero pouco a pouco funme dando conta de que os chinos das fotografías parecían todos iguais, o mesmo que a hucha que estaba no mostrador da farmacia de dona Maruja Robira, que tamén tiña a cabeza do chinito co lema debaixo. Decíase ademáis que eran moi inxenuos e cando a un lle tomaban o pelo, empezou a extenderse a costume de utilizar a expresión “enganáronno coma a un chino”.

A pesares de aquelo de ir incorporándoos á nova fe às veces non era de abondo coa picardía porque un pouco antes seica algúns empezaran a espabilar de máis e os americanos xa contaban na película 55 días en Pekín, que grazas a Charlton Heston e aos exércitos das potencias occidentais tiveron que achantar ante a ocupación e o poderío das forzas internacionais.

Agora, os chinos viñeron montar aquí os seus negocios e tanto che venden unha filarmónica que destiñe ou unha maceta sen burato como unhas tesoiras de podar que ao primeiro trallazo escachas os nocellos; pero é inutil que intentes fuxir deles porque vaias a onde vaias, os paraugas, as prendas de vestir ou calquera andrómena que consumas veñen de alá; polo tanto estás collido. Co invento da globalización parece que o entendemento foi máis fácil. Os nosos grandes empresarios poden instalar na China os seus chiringuitos para explotar aos "inxénuos" e os deles poden montar aquí as tendas sen ter que someterse a ningunha regra, norma ou procedemento. Un bo acordo para eliminar o noso tecido produtivo e, ao mesmo tempo, acabar co pequeno comercio local.

Hai pouco contáronme que unha profesora estivo nunha universidade da China dando clase de español. Pouco tempo despois de comezar o seu traballo descubriu que se trataba dun centro privado onde se ensinaba a língua a estudantes que ían vir traballar nos negocios en España. Cando avisou do engano aos responsables españoles, comunicáronlle que tivera o bico calado se quería seguir exercendo de profesora.





sábado, 17 de agosto de 2013

UN CAFÉ CON SARAMAGO


                                                                            (Foto López Tuñas)


Na Casa onde José Saramago pasou os últimos 18 anos da súa vida, o tempo está conxelado porque así o decidiu; todos os reloxios marcaron sempre as catro porque foi a hora na que coñeceu á súa muller.

Branca e ollando ao mar, na súa entrada aquela pequena oliveira que trouxo nunha maceta nun voo regular dende Portugal ,agora é grande, verde e vizosa. No se pode pasar por Tías sen facerlle unha visita e de paso tomar un café. Alí consérvanse os seus libros e as súas pertenzas máis persoais, os cadros e todos os pequenos obxectos que el valoraba: as pequenas pedras recollidas en moitos países do mundo, a súa colección de cabaliños e os debuxos relacionados cos seus libros, as plumas e as fermosas dependencias nas que o Premio Nóbel meditaba, escribía, descansaba e recibía aos seus amigos. A súa Biblioteca é inmensa coma un océano e contén obras de centos de escritores de todo o mundo, tamén do noso : Castelao, Cunqueiro, Suso de Toro, Freixanes ou Alfredo Conde, entre outros.
  (Foto Luz Picos)



" E eu pregunto..."

No coidado espazo do seu estudo tamén se gardan os momentos que viviu cos máis achegados, familiares e amigos, persoalidades do mundo da Política e da Cultura. O fermoso xardín, con prantas canarias pero tamén “cun olmo, tres oliveiras, un granado e o sol do membrillo”. As árbores medraron e colocou unha cadeira de madeira no centro para meditar e ollar o océano en tanto agardarba a chegada das Musas, denantes de porse a escriber na sinxela mesa de madeira na que materializou os seus dous derradeiros libros.

Sempre procurei separar a obra dos autores da súa vida persoal ou do seu xeito de entender o mundo, pero este no é o caso pois o legado liteario é inseparable da persoalidade, a austeridade e o compromiso de José Saramago. Na Casa é un rito a lectura en distintas linguas do texto de Almeida Garret :

E eu pregunto aos economistas políticos, aos moralistas, si calcularon o número de individuos que é necesario condenar á miseria, ao traballo desproporcionado, á desmoralización, á infancia, á iñorancia crapulosa, á desgracia invencible, á penuria absoluta, para producir un rico”.

O mesmo que nos pobos, a cociña era tamén lugar de encontro e convivencia: xantares e conversas con importantes persoalidades da cultura contemporánea: Bertolucci, José Luis Sampedro, Pedro Almodóvar, Carlos Fuentes ou Sebastián Salgado entre outros. O intelectual segue presente na cabeceira da mesa máis próxima á intimidade do fogar, que era o lugar no que sentaba, por iso é alí  onde se convida a café portugués a todos os que visitan A Casa, nese lugar tan sinxelo e tan cheo de vida.
                         "Unha casa feita de libros"    ( Foto López Tuñas)

Ao sair, o sol canario peta forte e axiña hai que fuxir cara a costa na busca da brisa gratificante. O xornal informa de que unha flota de balsas hinchables cargadas de inmigrantes están a chegar dende África. Fuxen da miseria. Os nosos tamén marchan para outros lugares. Todo é unha fuxida; unha viaxe que, como ben dicía Saramago, non acaba nunca.



                                                                              (Foto López Tuñas)