sábado, 17 de agosto de 2013

UN CAFÉ CON SARAMAGO


                                                                            (Foto López Tuñas)


Na Casa onde José Saramago pasou os últimos 18 anos da súa vida, o tempo está conxelado porque así o decidiu; todos os reloxios marcaron sempre as catro porque foi a hora na que coñeceu á súa muller.

Branca e ollando ao mar, na súa entrada aquela pequena oliveira que trouxo nunha maceta nun voo regular dende Portugal ,agora é grande, verde e vizosa. No se pode pasar por Tías sen facerlle unha visita e de paso tomar un café. Alí consérvanse os seus libros e as súas pertenzas máis persoais, os cadros e todos os pequenos obxectos que el valoraba: as pequenas pedras recollidas en moitos países do mundo, a súa colección de cabaliños e os debuxos relacionados cos seus libros, as plumas e as fermosas dependencias nas que o Premio Nóbel meditaba, escribía, descansaba e recibía aos seus amigos. A súa Biblioteca é inmensa coma un océano e contén obras de centos de escritores de todo o mundo, tamén do noso : Castelao, Cunqueiro, Suso de Toro, Freixanes ou Alfredo Conde, entre outros.

                                                                         (Foto Luz Picos)





" E eu pregunto..."








No coidado espazo do seu estudo tamén se gardan os momentos que viviu cos máis achegados, familiares e amigos, persoalidades do mundo da Política e da Cultura. O fermoso xardín, con prantas canarias pero tamén “cun olmo, tres oliveiras, un granado e o sol do membrillo”. As árbores medraron e colocou unha cadeira de madeira no centro para meditar e ollar o océano en tanto agardarba a chegada das Musas, denantes de porse a escriber na sinxela mesa de madeira na que materializou os seus dous derradeiros libros.

Sempre procurei separar a obra dos autores da súa vida persoal ou do seu xeito de entender o mundo, pero este no é o caso pois o legado liteario é inseparable da persoalidade, a austeridade e o compromiso de José Saramago. Na Casa é un rito a lectura en distintas linguas do texto de Almeida Garret :

E eu pregunto aos economistas políticos, aos moralistas, si calcularon o número de individuos que é necesario condenar á miseria, ao traballo desproporcionado, á desmoralización, á infancia, á iñorancia crapulosa, á desgracia invencible, á penuria absoluta, para producir un rico”.

O mesmo que nos pobos, a cociña era tamén lugar de encontro e convivencia: xantares e conversas con importantes persoalidades da cultura contemporánea: Bertolucci, José Luis Sampedro, Pedro Almodóvar, Carlos Fuentes ou Sebastián Salgado entre outros. O intelectual segue presente na cabeceira da mesa máis próxima á intimidade do fogar, que era o lugar no que sentaba, por iso é alí  onde se convida a café portugués a todos os que visitan A Casa, nese lugar tan sinxelo e tan cheo de vida.
                         "Unha casa feita de libros"    ( Foto López Tuñas)

Ao sair, o sol canario peta forte e axiña hai que fuxir cara a costa na busca da brisa gratificante. O xornal informa de que unha flota de balsas hinchables cargadas de inmigrantes están a chegar dende África. Fuxen da miseria. Os nosos tamén marchan para outros lugares. Todo é unha fuxida; unha viaxe que, como ben dicía Saramago, non acaba nunca.



                                                                              (Foto López Tuñas)


No hay comentarios:

Publicar un comentario