jueves, 22 de julio de 2010

NEGREIRA EN MAUTHAUSEN: AVELINO GARCÍA . S- 6794

(Reeditado en 2018 e 2020)


 

 Avelino García en Mauthausen  co grupo de supervivintes españoles en maio de 1945

              
  Cando as primeiras patrullas da II División do Terceiro Exército do Xeneral Patton fixeron a súa entrada no campo de exterminio de Mauthausen o 5 de maio de 1945 o corazón de Avelino García, voou na distancia, sen dúbida, a Maio Pequeno, aldea da parroquia de Liñaio en Negreira, onde pasou parte da súa infancia na compaña da súa nai Isolina.


                                       KONZENTRATIONSLAGER  MAUTHAUSEN

O campo de concentración de Mauthausen, en Austria, foi o destino que agardaba a casi 10.000 republicanos españois que ao final da Guerra Civil se refuxiaran en Francia. Entre eles 179 galegos que por un ou otro motivo atopábanse en zona republicana e que compartiron desgraza nun dos lugares mais sinistros e terribles, onde polo menos 108, caeron vítimas dos nazis no que foi calificado como un xenocidio, un dos crimes máis sanguinarios da historia da Humanidade.

Procedentes de diversos lugares das catro provincias na meirande parte das localidades costeiras, só uns poucos sobrevivirían en 1945, cando o campo foi liberado polas forzas aliadas.


Avelino García García emigrou a Francia con 15 anos (1929) e retornou a España para participar na Guerra Civil e defender ao seu país contra o fascismo. Sempre se definiu como demócrata e non quería que se instalara un réxime como en Alemania e Italia, por iso se presentou voluntario no Consulado  en Burdeos.
Xunto con outros españois foi enviado a Barcelona. Formou parte da 5ª Compañía do 6º Batallón, 120 Brigada  da 26  División  do Exército, como un soldado máis, participando nas operacións militares que tiveron lugar contra os sublevados.
Finalizada a contenda, voltou de novo a Francia e  formou  parte da Compañía de Traballadores Estranxeiros perto da Liña Maginot, a defensa construída ao longo da fronteira con Alemania e Italia,  cavando trincheiras. Logo da invasión do país francés polos nazis foi detido polas forzas alemanas, en maio de 1940, e xunto con outros mozos republicanos estivo recluído no stallag (campo de prisioneiros) de Fallingbostel, actual estado da Baixa Saxonia. Foi dos primeiros deportados en chegar ao campo de Mauthausen, cunha expedición de 1.506 xóvenes compatriotas despois de viaxar dous días nun tren utilizado para transporte de animais.

                                     Principais campos de concentración e exterminio


A xélida mañá do 27 de xaneiro de 1941 cravóuselle na alma ao descender no andén, entre os berros dos SS, os ladridos dos seus cans e os golpes cos que sempre eran recibidos os deportados.
Logo a formación, espidos sobre a neve na Appellplatz, en dúas fileiras unha para o Campo e outra para a cámara de gas, as mulleres  todas para a cámara. A morte a patadas na cabeza e na cara dunha nai xudea que tiña a un bebé choroso nos seus brazos e o aplastamento do neno collido polas pernas contra unha parede por parte dun SS, foi algo que o marcou para o resto da súa vida. Este episodio foi relatado tamén polo español Ramón Bergueño que presenciou os feitos no seu libro sobre Mauthausen (1). Os retratos de identificación, o traxe de franxas azuis e brancas co triángulo azul coa S de Spanien, que distinguía aos deportados republicanos e a tatuaxe no seu brazo co número de deportado 6794 que o acompañaría sempre, xunto cos terribles pesadelos vividos nese inferno.
 
Durante dous anos, na compaña  de 300 españois, saía todos os días a traballar nunha fábrica de motores de aviación, montando a parte metálica, pois no entorno dos campos ubicábanse as máis importantes empresas alemanas que utilizaban a man de obra esclava dos deportados. Logo foi trasladado ao subcampo de  Güsen a traballar nun tunel con un martelo picón, sendo despois destinado de novo  a conducir un tren que trasladaba o material mineiro, ata dous días antes da liberación en que os alemáns abandonaron o campo.
 

A LIBERACIÓN

A ledicia dos deportados comezou a diluirse pouco a pouco para os españois, ao seren  informados de que non serían retornados ao seu país por ser declarados apátridas polas autoridades franquistas, debendo quedar en Francia, onde,  desta volta si, foron acollidos como loitadores pola liberdade e a democracia. 
 
Comezou Avelino unha nova vida no país veciño  e formou unha familia. Na localidade de Pessac (Burdeos) viviu integrado na Federación Nacional dos Deportados e Internos, Resistentes e Patriotas (FNDIRP) da que foi Secretario, participando en numerosos actos públicos e oficiais.
 
 
Avelino García García
 
As secuelas sicolóxicas e físicas acompañárono durante o resto da súa vida, lesións nas costelas e unha cicatriz na fronte como consecuencia de un culatazo que o levou varios días á enfermería. Pero sobre todo os tremendos recordos dos anos de supervivencia nese inferno. Mauthausen era o campo central pero arredor del  había outros moitos.
 
Nunha entrevista, realizada polo documentalista asturiano Alberto Vázquez García, manifestoulle que durante catro anos tivo sempre a mesma roupa, cando chegou de novo a Francia pesaba 43 Kg, pois non comía máis dunha vez ó día nabos podridos fervidos en auga, sendo terrorífico o maltrato que recibían.
 


                                                              
Finou nesa localidade da Gironde, onde gozaba de moita estima,  o 12 de maio de 2016 aos 102 anos de idade na compaña  da súa familia e a triste nova publicouse no Journal Sud Ouest de Burdeos.
 
Durante toda a súa vida foi un exemplo de compromiso coa Democracia e os Dereitos Humanos por iso foi condecorado  coa MEDALLA DE OURO AO DEPORTADO da República Francesa. Nunha conversa co historiador Benito Bermejo,  hai uns anos, diante da pregunta de por qué non solicitou a cidadanía francesa como tiña dereito, a resposta de Avelino foi contundente :
 ¡ Yo, español hasta la muerte!



16 DE SETEMBRO DO 2022











Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e Deputación Provincial de A Coruña

 
(1) Mauthausen ¡Nunca Mas!-Ramón Bergueño. Pag.162





 

2 comentarios: