martes, 15 de diciembre de 2020

O LEGADO POÉTICO DE PEPE ARDEIRO



É poesía un río con orelas

que se estenden hastra os ollos mansamente. 
Un solpor inmenso e alcendido  
na distancia, que se ve e se perde...

José M.López “Ardeiro”

Pasaron anos daquel día triste en que nos deixou José M. Lòpez “Ardeiro”, home xeneroso, honesto e bo amigo. Xuntos compartimos a infancia, a adolescencia, os primeiros bailes da xuventude e, sobre todo, o compromiso social e solidario da idade adulta porque moito era o que nos unía, aparte dunha profunda amizade. Aínda que se foi, segue presente para os que tanto o apreciamos.

Pero ademáis Pepe Ardeiro era un gran poeta, a súa obra recollida en seis libros foi merecente de importantes premios literarios: Premio de Poesía Cidade de Ourense, Premio Celso Emilio Ferreiro, Premio Eusebio Lourenzo Baleirón e as homenaxes que se lle adicaron deixan constancia do profundo aprecio que en Negreira todos lle temos como amigo e poeta.

Nos seus versos recolle o seu pensamento, as súas emocións e os seus sentimentos transmitidos cunha linguaxe que o pon a altura dos bos poetas de Galicia. Os que con el convivimos sabemos da sinceridade dos seus fermosos poemas, nos que imos descubrindo parte da súa vida e das súas vivencias, tamén da Galicia daquel tempo.


 

O recanto profundo dos piñeiros

fálanos da túa nova moradía,

vivindo cos silencios compañeiros

letargo noutra vida fuxidía.

Levando calma a onde a dor vivía,

sementáche la paz polos outeiros,

polas chairas da terra penedía,

na busca de horizontes verdadeiros.

Respirando nos teus beizos a canción,

quedouno-la ledicia de quererte

sabendo da túa obra a devoción.

E tendo nós a sorte de aprenderte,

e na morte levar ti a resurrección,

non ficará nin tempo de esquecerte.

                  Un xardín no tempo

O máis importante dos poetas é o seu legado literario que ademáis de deleitarnos tamén educa, por iso debe ser máis coñecida a súa obra e divulgada entre a xente  moza, para a través dos poemas penetrar no interior da súa alma e pensamentos, aprendendo a interiorizar a mensaxe que de xeito tan fermoso nos trasmite.

Os libros de poesía de José M. López Ardeiro merecen ser reeditados para sacalos dos andeis das librerías, dende o primeiro, Na néboa dunha esperanza, ata o último, Versos de ausencia e desagravio, ou cando menos unha Antoloxía dos seus escollidos poemas, recitalos de novo e lanzalos ao corazón de todas aquelas persoas que aprecian a linguaxe artística. É a mellor homenaxe que se lle pode facer a quen tanto aportou ao mundo da poesía desde a nosa bisbarra. Os alumnos dos nosos centros educativos agradecerán, sen dúbida, ese agasallo e tamén os adultos que aprecian a boa literatura e que, sen dúbida, saberán gozar de novo do legado literario que nos deixou José Manuel López “Ardeiro”, gran persoa, bo amigo e destacado persoeiro das letras galegas.

INVERNO

Estremécense árbores ergueitas

no horror do vento rexo en travesía,

e un frío terribel que arrepía

aperta ó lobo nas covas encolleitas.

Do chan abrollan as augas que mergullan

en manantial que a ruda terra estiña,

e asuláganse a casca e a resina

que dos piñeiros agrestes se debullan.

Escurecidas as casas ou refuxios

escorrentan o medo e a invernía,

e coa calor do fogar e a ardentía

arranxan vida nos fogos de artiluxio.

E ben coutado o lar tras tobre e pedra,

cinguido de íntimos fumos ben ulintes,

evocacións de outrora e outras xentes

configuran a vida, a morte, a terra...

 



 

No hay comentarios:

Publicar un comentario