lunes, 7 de diciembre de 2020

A BOA SEMENTE



Coa calor do verán as piñas fóronse abrindo e a brisa do mar levou os piñóns lonxe do seu berce para buscar unha nova vida e dar lugar a outros piñeiros. El non tivo tanta sorte coma os que caeron nunha boa terra e pouco a pouco poideron dar lugar a novas plantas, pola contra foi caer sobre unha pequena fenda da rocha onde ninguén pensaba que poidera sobrevivir. Aprendeu a facelo entre a area da praia que a brisa e o vento ían depositando na pedra, a base de moito esforzo.

Co tempo e durante os primeiros anos, segundo ía medrando, tivo que facerse un oco a base de empurrar e sufrir, mentras os demáis, xa adultos, mirábano con indiferencia augurándolle un pobre futuro. A pouquiños aprendeu a manterse en pé, a sobrevivir nun medio hostil e acadar o porte que hoxe ten. Agora cria piñas e cada ano sementa o lugar doutros piñóns que levan no seu adentro os xenes que lle transmite.

Ao fin e ao cabo non deixa de ser un exemplo máis deste pais, no que dende hai centos de anos milleiros de persoas foron empurradas a vivir en lugares que lles eran alleos, voltaron a maioría e outros decidiron non facelo, pero sempre coa virtude do esforzo e a satistacción de xerar novas vidas ás que axudaron a desenvolverse con menos dificultades e a ser máis felices.

As árbores tamén son seres vivos das que, se somos un pouco observadores, temos moito que aprender, por iso pensei que este piñeiro ben merecía un retrato, como exemplo de froito dunha boa semente.



 

No hay comentarios:

Publicar un comentario