miércoles, 20 de julio de 2016

HOMENAXE A DONA CARMEN




Escola de Cobas

O sábado á unha da tarde máis de cen alumnos e alumnas de Dona Carmen, a mestra de Cobas (Negreira), ofrécenlle unha homenaxe en recordo dos 30 anos que dedicou á educación de varias xeracións que pasaron pola súa aula. Dona Carmen Sanmartín Currais chegou un día á escola, erixida pola Unión Barcalesa da Habana e inaugurada no ano 1922, despois de comenzar a súa función docente en Brens (Cee) e Brandomil (Zas). Cúmprense agora 20 anos dende o día que finou, pero a Mestra nunca deixou de estar presente na vida e nas conversas do seu alumnado que agora de maiores queren amosarlle, de novo, o seu cariño e agradecemento.

A mestra de Cobas traballou, como daquela os seus compañeiros e compañeiras, con moitas carencias de medios profesionais mais desempeñaba o seu labor coa bagaxe adquirida na Escola Normal fomentando a aprendizaxe e a formación dos alumnos para convertilos en homes e mulleres de ben, persoas con valores éticos e morais. Impartía clase fora do horario, tamén aos rapaces máis espelidos, axudándolles a conseguir becas para, en moitos casos, seguir estudios superiores. Só algunhas tardes, cóntame Luis Mesías un dos organizadores da homenaxe, os algo máis de medio cento de nenos e nenas ían ó local fronte á aula a ver o programa Televisión Escolar que emitía a recentemente inaugurada segunda cadea da TVE, unha novidade para eles pois nesa altura non era aínda un medio popular, non estaba presente na maioría dos fogares. Ese foi o único complemento didáctico do traballo persoal da mestra.


Dona Carmen co seu alumnado

Unha placa na fachada do fermoso edificio da Escola de Cobas que perpetuará o recordo de Dona Carmen e unha exposición de fotografías aportadas polos veciños serán algunhas das actividades que programaron. Os asistentes xuntaranse logo nun xantar no espazo que rodea o fermoso edificio barcalés para lembrar xuntos as anécdotas escolares da súa infancia. Tamén estarán presentes os fillos e familiares da homenaxeada, os alcaldes de Negreira e A Baña e algún alumno da escola de Brandomil, como Jesús Grille que cos seus 80 anos non quere faltar ao acontecemento.

Moito traballaron estes días os veciños e veciñas de todas as idades para preparar as actividades, financiadas tamén coa venda dunhas rifas que no sorteo celebrado en Radio Negreira contou coa presenza da veciña de máis idade da parroquia, Teresa Novo de 96 anos, como fedataria.

Que pouco se ten escrito sobre a importancia das mestras que traballaron nas escolas rurais de Galicia, especialmente as que estiveron nas aldeas máis alonxadas nas chamadas “ Escuela Mixta Rural y de difícil desempeño” lonxe das estradas, onde eran recollidas por algún veciño que tuvera cabaleiría. Tampouco contaban con vivenda escolar nin taberna na que aloxarse e tiñan que vivir nun cuarto cedido por algún veciño na súa modesta casa. Unha compañeira tenme relatado a súa experiencia vivida nunha destas escoliñas en condicións miserentas.

O médico e escritor Pablo Vaamonde contábame como a biblioteca particular de Dona Carmen serviu para fomentar en moitos alumnos e alumnas a afección pola lectura, pois ademáis de trasmitir coñecementos espertaba neles o interese pola cultura. O labor de Dona Carmen explicoumo con cinco palabras: Eu débolle o que son!




ALBUM














1 comentario: