jueves, 20 de febrero de 2014

AS PEGADAS DO TEMPO






A miúdo dise que é o tempo quen fai que as pegadas desaparezan nas cousas e nas persoas pero é máis ben a acción humana a que provoca os cambios, a que realmente modifica a realidade.

Onte nun paseo polas rúas desertas parámonos diante da porta pequena da Capela do Pazo do Cotón, onde aínda fican restos dunha pintada feita no ano 1935 e que a pesares do tempo trascorrido mantén os trazos e a cor vermella da pintura. Foron varios os intentos por facela desaparecer, picando e repicando nas pedras pero a pintura segue estando aí.

Pertence a unha época histórica na que a Igrexa mantiña unha dura campaña contra a tarefa lexislativa da República e as leis que consideraba opostas ao seu ideario e o control sobre as conciencias que tradicionalmente viña exercendo, dando lugar a enfrentamentos cos sectores máis desfavorecidos da sociedade. Moitos anos despois deses acontecementos, aínda podía lerse LA RELIGIÓN OPRIME Y ENVILECE.

A pintada foi seguramente froito do ambiente político xeral máis que dunha acción puramente local pois o párroco de Negreira, D. Manuel Lamas, non utilizaba para o culto naqueles anos esa Capela, como agora ven sendo habitual, debido as malas relacións que tiña cos donos do Pazo e no Consello de Guerra celebrado en Santiago de Compostela, a finais do 1936, contra varios veciños de Negreira, mantivo unha férrea defensa dos acusados, aos que chamou en todo momento “mis feligreses”. Pola súa ubicación o entorno do Pazo do Cotón foi un lugar de concentración da maioría da poboación que acudía ás feiras dominicales que alí se celebraban

Foi tamén soporte de inscripcións reivindicativas en varias ocasións e etapas históricas: Na década dos anos 70 no lintel desa mesma porta apareceu, un domingo á mañá, a inscripción AMNISTÍA SÍ, pola campaña que se estaba levando a cabo nos últimos anos da Ditadura para a liberación dos sindicalistas e membros de partidos políticos detidos. Logo, xa nos oitenta, na parte lateral dos arcos NON AO BINGO, contra o xogo que se practicaba no Casino e aínda despois de ser borrada, outra no mesmo lugar insultando a un xoven concelleiro que se distinguía pola súa oposición ao goberno municipal daquela altura.

O Pazo do Cotón, foi o primeiro edificio da vila nicrariense e o que  deu lugar ao seu primeiro nome, lugar de residencia dos antigos donos das terras, Casa Consistorial e centro do poder político e económico. Tamén, como se ve, soporte de reivindicacións e  protestas cidadáns naqueles anos nos que os medios de comunicación social non existían ou estaban en mans duns poucos.


Capela do Cotón






No hay comentarios:

Publicar un comentario