miércoles, 5 de febrero de 2014

LUME, AUGA, AIRE, TERRA

                               Encoro Barrié de la Maza     ( Foto López Tuñas)


As imaxes dos incendios impresionan e a Natureza calcinada só produce tristura. O peor que podía pasar pasou, logo do lume chegaron as choivas, as riadas.

Hai poicos meses as lapas arrasaban máis de 16 mil hectáreas de monte en Galicia, segundo o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, en máis de tres mil incendios, algúns deles de grandes proporcións.

O concello de Negreira volveu a ser de novo protagonista nos medios de comunicación pola magnitude dos mesmos especialmente na zona alta do Concello, nas parroquias de Liñaio e Barbazán, superando as 600 hectáreas de superficie queimada. Os técnicos falaban do problema que causaría ao solo as riadas que se poideran xerar nun inverno especialmente chuvioso. E os malos augurios cumpríronse. As características orográficas das zonas afectadas, con elevadas pendentes, están a someter ás ladeiras a unha forte erosión que impedirá, de seguro, que a superficie queimada se recupere coa relativa celeridade con que adoita facelo nas zonas atlánticas.

 
                                                    EROSIÓN                     ( Foto López Tuñas)


 O encoro Barrié de la Maza, no río Tambre, entre os concellos de Brión e Negreira, recolle as augas das pendentes que foron especialmente afectadas polas lapas. É desolador contemplar a superficie queimada, os danos producidos no ecosistema forestal e a perda de materia orgánica que da lugar a unha degradación progresiva do medio. Tristura produce ademáis a destrución da paisaxe, de por si importante polo seu carácter emotivo, cultural ou ecolóxico, pero tamén o impacto sobre o solo, a fauna e a calidade da atmósfera que esta praga conleva.

Estes días as madeireiras están a traballar. As riadas arrastran ao fondo do río Tambre toneladas de sedimento, xa de por si escaso nos solos forestais, e polos caborcos van quedando as ponlas, follas e materia orgánica que a choiva arrastra día tras día, deixando ás ladeiras peladas. 


                                       DEFORESTACIÓN              ( Foto López Tuñas)


Agora, a agardar anos a que o chan recupere a materia orgánica que se foi e que, de novo, medren outras prantas; uns 20 anos para as especies máis rápidas e 30 ou 40 para as pináceas. Que pouco a pouco os animais volten a ocupar o seu hábitat. E que o aire reciba de novo o osíxeno que estas especies desaparecidas lle suministraban para purificalo.



Acceso ao encoro Barrié de la Maza


As estradas rurais son víctimas tamén do excesivo tonelaxe






No hay comentarios:

Publicar un comentario