Foto López Tuñas |
Aquí onde o río Barcala
recibe ao Albariña, que baixa dos altos de Freixeiro, nas tardiñas
de verán transfórmanse as augas nun espello onde se miran os
abeneiros. Logo o noso río camiña mansamente acariñando á vila
de Negreira botándose máis abaixo no Tambre.
O Barcala é o río que
da nome á nosa comarca; dende o monte Cornado cruza o Val ó longo
de 19 Km recollendo as augas dunha cunca de 98,5 Km2.e
aportando un caudal de 4,2 m3/sg na súa desembocadura
Eu gusto de camiñar á
tardiña polas súas beiras, onde se xunta co seu gregario o
Albariña, ollando como a Natureza se mergulla e as mellores troitas
pasman, porque este río grazas as súas augas claras e transparentes
é troiteiro por excelencia. Tamén xeneroso, pois durante séculos
a forza das súas augas sacudiu os rodicios dos muiños que vixían
as súas márxes.
En Galicia os muiños de
auga foron dende a Idade Media fonte de riqueza das xentes do campo,
porque están relacionados co pan. O gran que os nosos campos
ofrecián á suor dos labregos transformábase en fariña ó run-run
da muiñeira. Nos últimos catro quilómetros da súa desembocadura,
aínda se conservan varias destas construccións caraterísticas.
Pero o que máis chama a atención son as balsas que desviaban a auga
cara eles. A de Refoxo, que foi aula de aprendizaxe para nadadores, a
de Vilachán e a dos Garrido. Son todo unha reliquia que debera
arranxarse. O muiño está directamente relacionado coa vida social e
labrega de antano.
Pero se esto non fora
dabondo o Barcala, xa na súa desembocadura co Tambre, acolleu hai
tempo unha minicentral eléctrica que xeraba enerxía para a vila de
Negreira; aínda hoxe, cando as augas baixan no verán, os rapaces
percorren a balsa de Patiño que desviaba a auga para as turbinas.
Toda unha fonte de riqueza que saía deste cauce.
Muíño dos Castros |
Onte, sentadas nun dos
bancos da ribeira, dúas señoras comentaban: “Que Deus llelo pague
a quen nos permitiu disfrutar desta regalía”.
Agora debérase continuar
a obra iniciada coa restauración das balsas e os muiños, a limpeza
periódica do cauce e a reposición da vella Pontella dos Castros.
O noso patrimonio natural
e cultural ben o merece.
BIBLIOGRAFÍA
(1) OS RÍOS GALEGOS
-Francisco Javier Río Barja e Francisco Rodríguez Lestegás-Consello
da Cultura Galega
Preciosa entrada!! É realmente beneficioso pasear á beira dos ríos, coñécese a contorna e faise exercício dun xeito moi pracenteiro... moi recomendable!!
ResponderEliminar