Cada sábado
pola mañá no Camiño Vello, se o tempo acompaña, séntase no seu quad e abre a súa noveliña. A xente pasa e mira unha semana
tras outra. É unha imaxe pouco común, todo o máis camiñar polas
rúas cun ollo no xornal e outro nas farolas, por aquelo da
integridade física pero así, na biblioteca ambulante, non é algo
moi visto. Non o digo polo quads, senón por aquelo de ler. Na nosa
terra parece que as afeccións son outras.
Onte pareime a falarlle. Juan vive en Corneira, do concello de A Baña, e mentres agarda,
as horas voan sobre a máquina e a imaxinanción percorre o deserto
de Nevada ou o escenario que toque nesa xeira. As súas afeccións
son a lectura e o fútbol. Atopeino pola estrada algún domingo no
seu catriciclo, dí que é socio do Negreira e mais do Xallas de
Santa Comba, que non perde un partido. Tamén falamos da miña
familia, pois na súa terra de adopción naceron os meus antepasados
maternos e alí teño parentes. É un home serio e bo conversador, e
moi amable. Non puxo reparos a que lle tirara este retrato: “ E por
min... non me importa!”
Falamos e falamos do
pracer da lectura. É unha mágoa que o exemplo non sexa o
do común. Cando lemos, a nosa imaxinación vaise da man do que
escribe, viaxamos por outras realidades, maxinamos outros universos
ou profundizamos no propio. Un libro é coma unha conversa
interesante de alguén que ten algo que contarnos e que, xeralmente,
faino dun xeito pracenteiro. Cando vai bo tempo aproveitamos para
sair á rúa e deixamos os nosos libros esquecidos nos seus cárceres. Habería que prantexarse sacalos das bibliotecas,
airealos, que lles dea o sol, achegalos á xente e deixalos facer o
seu labor.
Juan teno claro, onde vai
o quads vai o libro.Coa súa máquina non pode andar a moita
velocidade, pero cando colle o libro a imaxinación voa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario