domingo, 15 de julio de 2012

O MEU CLIP




Algúen se puxo a pensar canta fermosura se agocha nun pequeño obxecto ou canto afecto nun detalle; canta grandeza pode caber na cousa máis pequena e canto heroismo na xente máis humilde?

Os meus compañeiros e compañeiras téñenme ouvido loubar a importancia do clip, ese pequeno resorte de metal que nos axuda a cotío a ordear, clasificar e estruturar os papeis nos que se van ceibando as ideas e os pensamentos para logo trasmitilos e utilizalos na tarefa cotiá. O camiñar pola vida vaiche ensinando que é nos máis sinxelos obxectos ou nas persoas máis modestas, por todos esquencidas ou iñoradas, onde realmente se atopa a grandeza.

De seguro que ninguén se parou a valorar a importancia do porrón, ese recipiente de barro, agora xa esquecido que, de man en man, nos labores máis duros do verán calmaba a sede e daba folgos no traballo do campo a centos de milleiros de modestos labregos. Ou a simple fregona que liberou os riles e os xionllos das mulleres nas súas tarefas cotiás de sacar brillo aos chans propios e alleos.

Eu vivo rodeado de pequenas cousas que a miudo me recordan o que é a amizade sincera; dende un fermoso libro a un CD; unha colección de afectos, tan sabedores coma un bote de mel, que se foron acumulando ó longo deste meu camiñar vital. Ou tamén dos pequenos agasallos cos que algúns compañeiros quixeron deixar patente o seu agradecemento polo que non foi máis que cumprir cunha obriga.

O mesmo ocorre coas persoas, as máis modestas e importantes quedan ás veces inxustamente cubertas por unha codia de esquecemento, involuntario ou conscente, e que debemos excavar para sacar á luz a súa verdadeira dimensión. Por eso naceu este blog, ÁGORA, para lembrar e loubar á xente que ao longo do tempo e no máis ademirable anonimato, aportou o seu esforzo ou deixou a propia vida ó servicio de todos e que foron un exemplo de traballo e cidadanía. Aqueles aos que lles debemos que todos vivamos agora un pouquiño mellor. Porque, cantas persoas traballan a cotío perto de nós dun xeito desinteresado, en asociacións, comisións ou institucións ao servizo dos demáis? Pois niso, nese modesto traballo e dedicación radica a súa grandeza.







É de xustiza pois, valorar as pequenas cousas que fan agradable a vida dos demais. Tamén os pequenos obxectos que nola facilitan: o porrón e a fregona, o clip e as pinzas, a cremalleira e o velcro, a lata e o tetrabrik, a cinta adhesiva e a goma elástica, o abanico e a bolsa de té, o lapis e o bolígrafo... e aprender a valorar a súa humilde grandeza e utilidade. Tamén a súa fermosura.

E todo isto ven a conto de que no Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela, réndeselles homenaxe nunha das máis fermosas exposicións que por alí pasaron: INVENTOS XENIAIS, HEROES OCULTOS, OBXECTOS COTIÁNS. A historia da súa invención, o seu desenvolvemento histórico, as condicións técnicas da súa produción a grande escala e que seguen a estimular o traballo dos artistas e creadores. A estética e a utilidade destes obxectos que se fabrican millóns de veces e que son indispensables na vida cotiá. Algo que paga a pena disfrutar ata o 29 de agosto deste ano.


2 comentarios:

  1. Pois haberá que achegarse, tén boa pinta. Gracias pola información. Unha aperta, Manolo.

    ResponderEliminar
  2. Grazas Manolo! Procurarei pasar entón, creo que paga a pena! Un bico

    ResponderEliminar