miércoles, 27 de junio de 2012

FIN DE CURSO



1º ESO-A

Esta fotografía é de  unha das clases de primeiro da ESO no noso instituto, na véspera de rematar este curso escolar. Así de relaxados e tranquilos, parece unha pose pero non o é, foi a tónica de todo o ano. Traballan, participan, opinan e sempre nun ambiente sereno.

A inquedanza dos primeiros días xa ficou atrás, non acorda. Foi unha adaptación moi curta. Todos distintos pero aprendendo a respetar as peculiaridades de cada quen.

Este ano conmemoramos o 30 Aniversario da creación do Ensino Secundario en Negreira; dispor deste centro público é un logro importante para a nosa comunidade. A creación do Colexio Municipal Homologado foi o primeiro paso para que nacera o actual Instituto de Ensino Secundario “ Xulián Magariños”; logo seguiron as melloras, e a extensión do ensino obrigatorio ata os 16 anos un progreso que non lle gustou aos partidarios de que a Educación seguira sendo un privilexio de clase.

Hoxe, os nosos alumnos reciben unha educación persoalizada, adaptada ás características de cada un e tendo en conta as súas capacidades. Dispor de profesora de apoio para os que teñen máis dificultade, grupos específicos para os alumnos con retraso nas asignaturas básicas e un extraordinario equipo de Orientación, que apoia de cotío a profesores e alumnado, é unha regalía que non se pode perder.

No noso Centro cúrsanse tamén estudos de Bacharelato, Ciclo Superior de Sistemas Informáticos e un Ciclo de Grao Medio de Comercio. Polas tardes funciona unha sección da Escola de Idiomas de Santiago de Compostela. Tamén acolle ó recentemente creado Centro de Estudos Barcaleses que xa está empezando a recoller todas as publicacións que se foron editando sobre a nosa comarca de Barcala. As actividades ó longo do curso son múltiples e variadas, dende a viaxe anual a Grecia ou Roma do alumnado de Cultura Clásica ata premios de investigación. Celébranse cursos de formación para o profesorado e algún imparte docencia en facultades universitarias e agasállannos con publicacións periodicas e traballos de investigación das súas materias.

Remata este curso con malos augurios, o equipo de demolición instalado nas institucións públicas puxo o punto de mira neste patrimonio de todos que tanto esforzo costou construír. A pasada semana xa publicaban os xornais a volta ás escola unitarias cun mestre/a para atender ó alumnado ata os 12 anos. Eu sigo pensando o que recollía hai tempo neste Blog, no post Mi colega Cayetano: A intransixencia en España trasmítese nos xenes e os principios constitucionais aínda chirrían no cerebro de moitos persoeiros.

Hoxe é día de entrega das calificacións, a inmensa maioría do alumnado saía contento. Xa andan polas rúas coas súas gorras, balóns, bicis e traxes deportivos.

Felices vacacións rapaces, que ben as tendes gañadas!


En Val de Barcala- Revista do IES Xulián Magariños
 

2 comentarios:

  1. Acertadísima análise!! E estupendo o exemplo da alumna de 2ºD.

    Felices vacacións!! Vivent les vacances, les cahiers au feu et le prof au milieu!!

    ResponderEliminar
  2. Atinado post con unha reflexión final moi axeitada. O comentario da alumna deixa claro que os recorte faranlle moito dano a educación.

    ResponderEliminar